Os selos facilitan a entrega do correo desde arredor do 1840. Antes de ser de papel, empregábanse carimbos ou selos (de aí o nome) feitos de cortiza ou de madeira cos que se imprimía a tinta no sobre ou papel. O primeiro selo adhesivo, coñecido comunmente como Penny Black, emitiuse no Reino Unido o un de maio de 1840, como parte dun intento de reformar e mellorar o intercambio de correo nas illas británicas, xa que no século dezanove estaba dominado pola corrupción.
Fonte: https://en.wikipedia.org/wiki/Penny_Black |
Non son filatélica pero si me gustan os selos como ferramentas de transmisión de coñecementos (cultura, historia, fitos dun país) e ademais porque é aprendizaxe por descubrimento, creo que o favorito da maioría de nós. Ves un selo que che chama a atención, buscas máis información e vas engadindo pezas ao crebacabezas do mundo.
Se tedes fillos/as, coleccionar selos é unha enriquecedora actividade para facer en familia: non é demasiado custosa, e estimula a curiosidade natural dos/as nenos/as por saber máis, e van ser eles mesmos os artífices da súa aprendizaxe. Hai axudas dispoñibles en liña, como esta páxina web (en inglés) da British North America Philatelic Society onde dan pautas para comezar a coleccionar selos, para organizalos e mesmo xogos para pais e nais, adolescentes e preadolescentes. Estoutra web (en castelán) davos vinte pasos sinxelos para comezar co coleccionismo.
Como exemplo do que podemos aprender dos selos, no mes de maio recibín emocionada a miña primeira carta de Croacia cuns fermosos selos. Un deles, este que vedes na fotografía, captou a miña atención por un motivo obvio, a súa relación coa escritura. Buscando máis acerca do home que aparece no selo, Slavoljub Eduard Penkala (1871-1922) descubrimos que inventou o portaminas en 1906 e a pluma estilográfica de tinta sólida en 1907. Pouco despois fundou a compañía Penkala-Moster co seu socio Edmund Moster e a súa fábrica de lapises e bolígrafos converteuse nunha das máis grandes do mundo, de feito a compañía aínda existe hoxe en día co nome TOZ Penkala en Zagreb.
Penkala naceu en Eslovaquia e mudouse a Zagreb no 1900. Sentiu unha íntima conexión co país e adoptou o nome Slavoljub para mostrar a súa lealdade a Croacia. Morreu no 1922 con só cincuenta anos. Mágoa porque xa tiña 80 inventos patentados ao seu nome.
Se vos interesa coñecer outros inventos croatas, podedes botarlle un ollo a este artigo.
No comments:
Post a Comment