No século XII, o 90% de Europa era rural,
as vilas eran os centros do comercio e a riqueza (a terra) estaba concentrada
nas mans dos señores feudais e da igrexa. En Francia os trobadores íanse
facendo populares e construíase a catedral de Notre Dame, en Italia fundábase a
universidade de Boloña; Portugal andaba a formarse como país; os normandos
andaban pirateando no Mediterráneo e os chinos a coser libros de páxinas
impresas. E en Galicia? Pois invítovos a entrar no relato de Ramón Nicolás (1966) O espello do mundo (2016).
Nicolás pon en marcha unha debandoira de delicados
fíos que se entrelazan e xiran con mestría darredor do lector: unha “caixa do tesouro” (p. 69) que contén “un mangado de cartas” (p. 187), restos
da correspondencia entre as dúas monxas
bieitas Hildegarda von Bingen e Ona Guiomar Méndez; materiais textuais de
carácter documental (consellos médicos, descricións de prantas, animais e
froitos); as “litterae ignotae” (p.
112); unha historia de amor e outra de investigación.
E entre todos eles, destaca como fío
condutor a fascinante amizade entre dúas mulleres rebeldes no seu tempo: Ona Guiomar Méndez, abadesa do cenobio
de San Pedro de Ramirás e Hildegarda von Bingen (1098-1179), abadesa, filósofa, naturalista, compositora, poetisa e
lingüista. As cartas desta última
mostran a unha muller polifacética, cunha incrible curiosidade, adiantada ao
seu tempo, autora dun dos repertorios de música medieval máis extensos, de nove
volumes da Physica sobre ciencias
naturais, dun tratado médico (Causae et
Curae) e dunha investigación sobre a importancia da gratificación sexual
para as mulleres.
A través das pescudas de Martiño, profesor
de historia nun instituto de Vigo, imos coma el pouco a pouco enredando os múltiples
fíos na man: Ermidas, Ona Guiomar, Eleanora, Constanza, María de Limia, Icía, e por suposto Hildegarda. Agariman os
nosos dedos as súas historias pero tamén as palabras escollidas, como cando
describe o apego de Martiño ao lugar do que procede, cunha “patente consciencia case tribal en tantas
iniciativas que promoven o ben común” (p. 43); a carta onde Hildegarda
describe a “ignota lingua ou lingua
inaudita” que “contén palabras que
atesouran o celme das cousas” (pp. 95-96); o sensual encontro entre Eleanora
e Estevo (pp. 124-132) ou a explicación “racional”
do pracer no home e na muller (p. 158).
Como Martiño entramos no “labirinto máxico” (p. 118), ficamos “engaiolados” polas palabras que espellan
a cosmogonía de dúas “personalidades
converxentes” (p. 120) e imos debanando e cubrindo arestas ata formar un
nobelo redondiño, un cadro que é “un
espello da vida toda” (p. 127) nun lugar que foi “durante un tempo, o espello do mundo” (p. 191)
E para rematar, unha escolma dos textos
que Hildegarda inclúe nas súas cartas relacionados con prantas, pedras e
árbores, para aqueles que andedes doentes de corazón:
O XENXIBRE
“O
xenxibre é de natureza quente (...) Quen sinta dor no seu corazón, ou sospeite que ten un corazón feble, se inxire xenxibre en
cantidade suficiente axiña se sentirá mellor” (p. 58)
A ESMERALDA
“Xa
que logo, a quen lle doia o corazón,
o estómago ou o lombo manteña a esmeralda canda si, para que a carne queza con
ela, e mellorará” (p. 78)
O CASTIÑEIRO
“O
castiñeiro é enteiramente quente e goza de moita enerxía debido a esa calor.
Simboliza a discreción (...) A quen lle doia o corazón, e estea triste porque o
seu corazón non mellora, que coma con frecuencia castañas crúas. O zume
influirá no seu corazón de xeito que se beneficiará da súa forza” (p. 163)
Moitísimas grazas por esta lectura tan xenerosa. Unha aperta!
ReplyDeleteA ti, Ramón, por lerme e polo comentario!
ReplyDelete