Friday, February 23, 2018

Word Buffs (III): Sira González


Sira González descríbese así: Bibliotecaria. Coordinadora de clubs de lectura. Lectora de literatura infantil e xuvenil grazas ao meu fillo. Lectora de cómics dende hai anos. Lectora omnívora. Lectora ansiosa. Lectora feliz. 



Comezou a gustarche ler... De nena


Ti como nena ou adolescente lectora 

De nena lía o que tiña ao meu alcance. Non era moito na miña casa (os meus libros que xa tiña máis que lidos e relidos e a colección completa de Asterix da miña nai), pero sí desfrutaba das coleccións de contos que tiñan as miñas primas e os meus primos, parecíanme un luxo. Cando durmía nas súas casas, devoraba o que alí tiñan. Pero non fun á biblioteca pública ata a miña adolescencia e para facer os típicos traballos do cole... 


Un libro ou varios ao mesmo tempo? Varios ao mesmo tempo, sempre!


Mercar os libros ou lelos prestados? Pois esto de traballar nunha biblioteca pública... xa podes imaxinar que da para ler libros prestados a moreas ;-) Pero tamén merco, así que metade e metade.

Gardalos ou deixalos ir? 
Gústame formar a miña biblioteca familiar, coa intención de que os libros pasen por todas as mans de quen entra no meu fogar. Agora mesmo estou desexando rematar a novela que estou lendo, entre outros motivos, porque quero prestarlla a unha amiga moi amiga á que lle vai encantar!


Lugares para ler 
No meu sofá sobre todo, na cama, nas cafeterías, no coche, en calquera sala de espera... sempre levo lectura na mochila por se... 

A lectura – en solitario? 
Non é necesario, se estou metida na lectura, pouco me entero do que pasa ao meu redor... Por outra banda, son coordinadora de clubs de lectura, e levamos xa 7 anos compartindo lecturas, así que non, realmente en solitario nunca é. Ademáis están as redes sociais, nas que compartimos o que lemos. Definitivamente non podo considerala una actividade solitaria, por moitas horas que pase enfrascada nas páxinas dos libros.

Rituais lectores
Café e libro (os nosos clubs de lectura chámanse “Café con libros”, por algo será hehe). Á noitiña, se pode ser con fillo durmindo, sofá e manta xa estou o meu paraíso diario (ese tempiño para min é unha delicia).

Que estás lendo agora?
VyV Violación y Venganza de Pilar Bellver (remátoo esta noite!). Teño xa comezados: Paradero desconocido de Kathrine Kressmann Taylor (temos tertulia del o próximo luns), Léxico familiar de Natalia Gizburg, Como ser muller de Caitlin Moran, El desconcierto de Begoña Huertas... E ao lado da cama teño unha pila de cómics novos aínda por comezar.

Que lerás despois? 
Todo isto do que falei na pregunta anterior! Cómics son El club del divorcio, Mort Cinder, La encrucijada, Aya de Yopougon (reler a edición integral) e Idiotizadas. E todo o que programemos para os clubs de lectura nas vindeiras semanas. 

En que momento decides deixar de ler un libro? Das segundas oportunidades? 
Preocúpome tanto de seleccionar o que leo, que rara vez o teño que deixar porque non me guste. Se son lecturas de club ou cómics, remato sempre a súa lectura. Tamén é certo que ao traballar nunha biblioteca, comezo tantos libros que se os deixo a medias é máis por falta de tempo que de ganas de lelos. Segundas oportunidades normalmente non dou por iso do tempo que comentabamos. Non nos da a vida para ler todo o que quixeramos...

Que libros están na lista de "reler"? 
De momento non teño tempo de reler... Pero sí gustaríame dedicarlle tempo a ler clásicos que debería ter lido no seu día: ler a Jane Austen ou a Tolstói, por exemplo. Tamén estou desexando ler máis literatura infantil e xuvenil, acompañando ao meu neno nas súas lecturas. No seu día relerei o Pippi Mediaslongas de Astrid Lindgren, agora que o temos en galego da man de Kalandraka! – Estou relendo o que acabo de escribir e vaia mentira máis gorda acabo de escribir: por unha banda paso os días relendo todos os contos e cómics que o meu pequeno pídeme; e pola outra banda, sí releo os meus cómics de tanto en tanto. 

Se só puideses rescatar un libro da túa estantería, sería... Que difícil! Seguramente serían aqueles dos que conseguín unha dedicatoria das súas autoras e autores, polo encontro e a conversa que supuxeron no seu día. Non son moi fetichista das sinaturas polas sinaturas, pero sí disfruto dos encontros literarios polo que aprendo neles. 

Un libro que se che resistiu  Resístenseme aínda moitos cómics por exemplo, eu inténtoo pero aínda non fun quen de ler Watchmen. Seguireino intentando...

O libro que máis regalaches Mmmm hai moitos que regalo varias veces (ás miñas sobriñas téñoas fritas) pero creo recordar que do que máis copias levo mercado para agasallar é do cómic Un océano de amor de Wilfrid Lupano e Gregory Panaccione.


Unha cita/un verso: Non son moi de citas eu...


Autores/as favoritos/as? Difícil escolla. Vai dependendo do tempo. Agora estou lendo a moitas autoras, é o meu obxectivo, ler con máis conciencia á hora de seleccionar as lecturas. Tento ler todo o que sae de María Reimóndez por exemplo, por David Trueba sinto adoración, de nova lin todo o que tiña escrito Saramago... Agora mesmo non me canso de recomendar a Pilar Bellver. De cómic sempre digo que o meu favorito é Juan Berrio e que estou desexando que o traian á miña cidade... Tamén leo todo de Frederik Peeters e flipo coas autoras de cómic e toda a visibilidade que están conseguindo grazas ao seu traballazo: Carla Berrocal, Emma Ríos, Pénélope Bagieu, Catherine Meurisse, Xulia Vicente...

Ler en galego... Do que falaba de ler con máis conciencia, tento ler moitos máis títulos en galego dos que antes podían caer nas miñas mans. E se son das nosas escritoras, mellor que mellor ;-)

Completa como che pete:

· O cómic... é aínda ese gran descoñecido para un gran volume de público lector. No meu traballo diario intento facer novos lectores de cómic, rompendo prexuízos con respecto ao medio. Para isto, leo, leo e leo. Recomendo, recomendo e recomendo.

· O ensaio... é unha asignatura pendente, coa que me estou comezando a aplicar segundo os meus intereses actuais: ensaios da nosa #BibliotecaVerde, sobre feminismo e sobre cómic. 

· Os libros infantís e xuvenís... son marabillosos. Non me canso de facer cada día novas descubertas co meu pequeno. Segundo medra, imos abrindo xuntos novas portas lectoras para disfrutar e descubrir o mundo. 

· A novela... é a mellor maneira de poñerse na pel dos outros.

· A poesía... estamos comezando a lela xuntos, nos clubs de lectura. Dende logo témola abandonada, pero co firme propósito de que isto mude. 

· O teatro... lémolo unha vez ao ano, na propia tertulia, todas xuntas, e é unha das mellores tardes do curso. Debemos practicar con maior frecuencia a lectura en voz alta. É unha actividade moi pracenteira. Coa poesía pásanos o mesmo. Neste curso, cada luns lemos e (re)descubrimos un poeta. 

Un recordo ou anécdota relacionados coa lectura Dende hai 7 anos, cada luns e cada martes temos tertulia cos nosos clubs de lectura. Isto é un fito en sí mesmo. O número de anécdotas que proporcionan estos encontros, onde a lectura é a excusa para a todo o demáis, é un agasallo que me proporciona o meu traballo e do que sempre estarei agradecida. 

Stephen King falaba do "constant reader", ti es unha/un ou hai periodos nos que prefieres non ler? Eu son unha lectora omnívora e por momentos ansiosa pola falta de tempo de ler todo o que me gustaría. Dende logo, cando teño un bo ritmo de lecturas, o corpo pide máis e máis. En épocas de pouco tempo para dedicarlle á lectura, baixo o ritmo e logo cústame reengancharme. Menos mal que nesas épocas sempre están os cómics, que me requiren menos tempo e concentración, e podo manter así o enganche á lectura que desexo. 

Les porque... disfruto lendo. E leo porque son bibliotecaria e non hai cousa que máis me guste do meu traballo que recomendar libros. Que dar cos gustos e/ou necesidades lectoras da xente. A conversa é un ben tan valioso que trato de cultivalo a diario, e a lectura é un medio extraordinario do que conversar ;-)

2 comments: