Sunday, May 27, 2018

A Day of Words: Festiletras

"Mirar es algo más que abrir los ojos"


Cada ano, no mes de maio e coincidindo co día das nosas letras, n'O Couto organizan o Festiletras,  unha espectacular pirotecnia de palabras.  Nesta anterior entrada xa vos falara da experiencia do 2016, pero cada edición é diferente e de novo, do 16 ao 20 de maio a aldea foi un fervedoiro de espectáculos, proxectos, artesanía, premios, ciencia, arte e obradoiros. 



Desde a Fundación Eduardo Pondal pedíronme que contase a miña vivencia do día 19. Unha gran responsabilidade porque unha quere facer xustiza ao vivido e recoller o carácter complexo e a alma da experiencia. O sol morneando a saia de volantes da terra bañada polo Anllóns, o idilio da recta que nos conduce ao corazón das historias, e esa combinación perfecta de vila bonita, graciosa e tranquila pero vibrante e misteriosa cunha artesa chea de contos e un berce de creatividade.

A Fundación vestía as mellores galas, con Rosalía, Curros e Pondal ondeando no ar e dándonos a benvida a carón das mulleres de Yoseba Muruzábal da súa serie Fenómenos do rural: "A brigada do machado". José María, Tamara, Julia, Teresa, Adrián e Alba, fenómenos eles tamén, recibíannos co seu sorriso perpetuo ao tempo que ultimaban detalles, desde carrexar caixas a colocar as tazas para o café.

Comezamos a mañá coa V edición do encontro "Aldeas singulares", unha mesa redonda que deu cita a un grupo de mulleres emprendedoras do rural. Verónica Couto moderou as intervencións, recordándonos que ‘se todos fixesen proxectos e iniciativas coma as vosas, a cousa sería ben distinta’.

Coñecemos o traballo de Andrea González, musicóloga que tamén traballa en  Mamá Teresa, unha empresa familiar de tres mulleres que emprega materias primas da súa zona (Arzúa) para facer pastas, biscoitos e mesmo salchichón de chocolate porque "tradición si, pero hai que innovar para chamar pola xente e beber dos estímulos do teu medio". Alén destes produtos, apostan pola "excelencia e o traballo ben feito para inspirar a outros e dinamizar o ambiente".

Veronica Guardado, mestra de educacion infantil no CEIP Canosa Rus falounos das súas orixes rurais,   "filla dunha leiteira e dun taberneiro" e dos seus soños cumpridos a través de proxectos da biblioteca do centro, coma ‘Sementando igualdade no rural’, e cos que aspiran a  "deixar de ser ese edificio estanco e abrirse ao rural". 

Estefanía Martínez ten igualmente os seus proxectos educativos dentro do seu centro de ensino A escola do bardo: Clubs de lectura infantil, lecturas animadas, xogos tradicionais e lectoescritura para adultos nun esforzo por diversificar un pouco a oferta alén do reforzo escolar. 

Lucia Abarrategui, pola súa banda, presentou o traballo que con Sergio Pascual levan a cabo en Laboratorio de radio, que ten como obxectivo achegar a radio a calquera lugar e persoa "a través de obradoiros e experiencias cun  obxectivo lúdico e pedagóxico, pero tamén inclusivo"

Favorecer a comunicación e a inclusión e tecer redes son tamén obxectivos de Fademur (Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales), que nos presentou Rosa Arcos, presidenta do nodo galego. Dunha familia nas que "as mulleres eran as que dobraban o lombo", participou no 1989 na primeira asociación de mulleres rurais. Agora, en Fademur, que agrupa 54 asociacións en Galicia, céntrase en programas para traballar coas xuntas directivas e loitar contra violencia de xénero, que se vive de xeito diferente no rural (máis endogamia e presión da comunidade e menos vías de escape).  "Buscade datos de mulleres rurais e violencia de xénero. Non os hai", dicíanos. Por iso o  ano pasado fixeron unha enquisa de 1900 mulleres. Por iso tamén buscan apoiar a comercialización de produtos feitos por mulleres do ámbito rural, coidando a imaxe, favorecendo o traballo colaborativo e dinamizando as redes sociais.  Remataba a súa intervención cunha sentenza contundente: "As mulleres somos o activo máis dinámico do medio rural".

Para dinamismo, o de Alicia Rey, unha muller que combina o traballo na súa empresa Biosolutiocentrada na protección natural de cultivos, co coidado de persoas dependentes. ‘Eu escápolle á etiqueta 'ecolóxico', o que é importante é cambiar a forma de traballar’, dicíanos. Nós adoitamos buscar o remedio cando xa a pranta ten unha praga. En Biosolutio empregan fitoterapia, tratan unha pranta con outra pranta, pero analizando a toxicidade e se é sistémico. Non é fácil, pois "ser emprendedora no século XXI é durísimo", e de aí a necesidade de complementar ese traballo co coidado de persoas dependentes.

Tampouco o tivo fácil Elena Ferro, zoqueira. Primeiro, polo odio que había cara aos zocos, e por iso ela considera que ‘Non creo que poida facer nada máis que iso, dignificar un calzado que protexeu a tanta xente’. Segundo, porque houbo que facer moitas probas e cambios do 1995 ata o 2010, e de aí a necesidade de combinar a fabricación de zocos co traballo de marroquinaría. Pero o esforzo pagou a pena e na súa empresa familiar hai agora 10 persoas (8 mulleres e 2 homes).  Elena é un bulebule que non deixa ningún aspecto á casualidade: traballa o boca a boca, pero tamén as redes sociais, a estética e mesmo os nomes dos seus modelos:"É o mínimo que podo facer por eses pobos que os usaron".

Outro besbello é Mercedes Cachaza, presidenta do Consello de Maiores de Paderne desde 2004. Comezaba a súa exposición dicindo: "Nós pertencemos á eterna xuventude’. E así o comprobamos. Viaxes, ioga, Tai Chi, cinefórum e mesmo a UNED sénior, que comezou nunha casa particular e hoxe segue medrando, son algunhas das actividades nas que participan activamente.

Ana Corredoira, "gandeira de profesión, vocación e xenética", lidera As vacas da Ulloa s.c. galega. Con 28 anos, criada entre vacas, sente que non se pode cuestionar a viabilidade do rural, onde "temos unha responsabilidade enorme que é a de producir comida". Un traballo que na súa familia se toman en serio, e do que se sente orgullosa. "Son bióloga e fun á universidade,  onde entendín que o meu corpo adícase ao traballo, pero a miña cabeza voa, non a teño alugada".  Hai 4 anos tocoulle un relevo xeracional acelerado coa morte do pai, pero non vai deixar que ninguén se leve os beneficios do seu traballo e do seu xeito de vivir. Invita a calquera a visitar a súa granxa  para "ensinar ao mundo o que facemos e por que o facemos".

Esther Alicia Paz, da aldea de Puxedo, presentou o proxecto comunitario para pór en valor os activos da súa aldea: o  parque natural da Baixa Limia, a praza de San Antonio, un conxunto monumental do século XVIII, o peto das ánimas máis grande de Ourense, un palco de música cun carballo centenario ademais de catro airas nun estado de conservación magnífico. Comezouse un ambicioso proceso para restaurar o retablo da igrexa, crear un local social, lastrar as prazas, restaurar canastros, comprar cortes e construír un forno e un museo etnográfico. Aparellado a este plan, organizouse a dinamización do espazo a través do proxecto ‘Eiras vivas’ que recupera o ciclo do pan (seitura, malla, moenda e fornada) e organiza a festa da malla o 14 de agosto.

Xavier Álvarez, membro do Centro de cultura popular Xaquín Lourenzo e colaborador da romaría etnográfica Raigame en Vilanova dos Infantes mostrou con orgullo as xoias da vila: o burgo medieval, o barrio xudeu, as casas blasonadas e o feito de que foi berce de Ferrín, Curros e Celso Emilio Ferreiro. O poema de Curros sobre a Virxe do Cristal foi a inspiración para crear o espectáculo Raigame, unha festa "que integra aos veciños e trae a artesanía ao presente, mantendo a tradición, póndoa en valor e proxectándoa cara o futuro".

As exposicións tiveron como denominador común a ilusión e paixón que cada unha delas destila. Pero alén das vontades e o traballo individuais, como destacou Verónica na pregunta final, hai tamén un impacto local de todos e cada un dos proxectos, porque como dixo Ana, "as aldeas deben ser centros de traballo e vida, non camas" e como indicou Rosa "O problema non é como imos vivir no rural, senón como van vivir os das cidades se o rural desaparece".

Despois da xira polos postos de artesanía, do baile e a música a cargo do CCP Xaquín Lourenzo e o xantar na zona "leiring", retomamos a sesión de tarde cunha nova edición de Literatas, nun emotivo acto dirixido por Rosalía de Castro (Tamara Lema) e Eduarda Pondal (Ana Suárez).  Ao compás da súa batuta foron desfilando cancións e textos. Músicas que cobraron vida nas voces e os instrumentos de Irma Macías, Xaquín Rama, Silvia Losada, Isabel Fernández, Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño, e tamén textos escolmados por  Luís Antonio Giadás Álvarez que tomaron corpo nas voces de Marité Lema, Nataly Asorey, Concha Blanco, Diana Varela, Lorena Pose, Lupe Blanco, Alba María, Carmen Isabel Labador, Rosa Rodríguez, Natalia Lema, Mabel Montes, Tania Carreira, Olga Campos e Priscila Méndez. 

A través delas rememoramos a  mulleres anónimas coma aquelas cociñeiras que tiñan que servir a señoritos que non querían luxar as mans, as panilleiras de Laxe, as mestras ás que lles impuxeron limitacións no vestir e o arreglo persoal, e as pescadeiras, mariscadoras ou mineiras que sufriron condicións abusivas de traballo. Lembramos ademais a outras con nomes e apelidos, coma Dolores Centeno Soto (traballadora nos asteleiros), Susa da Chasca (a parteira de Corme), Hermosinda de Taboído e María Baña (poetas). 

Un momento especial foi o dos Bicos de mel, galardóns que entregou Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade. No seu discurso lembrou o prólogo de La hija del mar onde Rosalía de Castro expresaba a frustración "Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben". Os Bicos de mel, porén, recoñeceron a traxectoria de tres mulleres que son exemplos na transmisión de coñecementos e habilidades: Sara Vidal García, bisneta de ferreiros, que fixo "oficios escravos" desde os 12 anos que ía na carreta cos fouciños e que fixo un traballo inxente na recuperación do tratamento e procesado artesanal do liño; Teresa Castro Pardiñas e Carmen María Taibo, ámbalas dúas regueifeiras, que nos emocionaron e fixeron rir a partes iguais cos seus versos. 

A xornada foi inesquecible por tantos e tantos grandes detalles onde se percibe o agarimo mol que cada un/ha pon nos preparativos: O fermoso centro de mesa feito por Carmen Rosa Méndez, as mesas con café, froitas e larpeiradas preparadas ao milímetro por Teresa Seara, as pandeiretas e bolsos de Sanín que vestiron cada recuncho coa súa arte silenciosa, a atención personalizada e coidado atento de Tamara Lema que fai sentir a todo o mundo que é unha peza importante, a constancia e sensibilidade de Alba Mato para recoller os mellores instantes nas súas fotos, e moitas outras persoas que seguro que se me escaparon pero que contribuíron a que o Festiletras fose todo un éxito.

Neste vídeo breve tentei facer un resumo visual da xornada e aquí o deixo xunto co meu agradecemento polo cariño, a aprendizaxe, as ideas, os (re)encontros, as viaxes en coche xuntas, o intercambio de impresións, as recomendacións lectoras (ai, Nacho Montoto, Natalia Lema e Diana Varela Puñal, que grandes descubrimentos!), os libros abandonados nun asento traseiro e sobre todo... as palabras. 

Vémonos o ano que vén!



No comments:

Post a Comment