Xa volo contaba aquí, non podo ir a Sálvora sen lembrarme das miñas heroínas particulares: Carmen, Vicky e Pilar. Porque aínda que as mulleres da fazaña foron as dúas Ciprianas, María e Josefa, se coñecín a historia da illa, do naufraxio e do rescate, foi grazas a Carmen, Vicky e Pilar.
O episodio do naufraxio do Santa Isabel, como indica Manuel Núñez Singala nos recoñecementos do seu libro Noite de temporal (2017) é "apaixonante (...) aínda que moi pouco coñecido ou, polo menos, máis descoñecido ca outros, como o afundimento do Titanic, que porén nos tocan desde máis lonxe" (p.121). Comprobámolo con cada visita á illa, nese momento en que a guía comenta o incidente e a maioría das persoas do grupo, mesmo sendo galegos/as descoñece a historia.
Por iso son moi loables (e necesarios) proxectos coma o de Pilar Casas Gil, que dirixiu o comisariado e documentación da exposición O Santa Isabel. Emigración, traxedia e heroísmo, que se puido ver en Ribeira do 28 de outubro de 2014 ata o 30 de maio de 2015 e cuxa inauguración xamais esquecerei. Para albiscar algo do que foi esa exposición, convídovos a botar unha ollada ao volume homónimo cuxa edición foi tamén coordinada por Pilar. Unha recopilación documental e hemerográfica moi ben fiada e froito dun longo e exhaustivo traballo de investigación.
Tamén é loable o achegamento ao acontecemento desde unha mistura de ficción e realidade que fai Singala no seu texto Noite de temporal, dirixido ao público xuvenil. Todo un acerto porque, primeiro, fai falla dar a coñecer ese episodio da nosa historia, e segundo, como indica Singala "se hai algo verdadeiramente sorprendente neste relato dun feito que xa é en si extraordinario, é a actuación valente, decidida e arriscada das mulleres de Sálvora, algunha delas case unha nena" (p.118).
Ao fío dunha narrativa multiperspectivista, que case constitúe unha agrupación de relatos curtos, experimentamos as sensacións desa fatídica noite de temporal nas últimas horas do navío e no seu posterior afundimento. Métenos nos zapatos daqueles/as que ían a bordo do Santa Isabel: o capitán Esteban García, o "Chispas" (radiotelegrafista do navío), Miguel o primeiro maquinista, Carlos Verdier (agregado) ou Luís Cebreiro (segundo oficial).
Fainos vivir tamén a urxencia que apremia a outros implicados en terra coma Tomás o torreiro de Sálvora, os habitantes do poboado de Sálvora (como Juan Parada, Cipriana Crujeiras, Josefa Parada ou Francisco Oujo) ou os ribeirenses, como Gabriel Basterrechea (axudante da mariña).
Os testemuños son breves e directos, pero suficientes para transmitir o desasosego provocado polo vento forte que zoa, o mar bravo que arrecia e o navío que abanea. O Santa Isabel, "un vapor correo moderno" (p.14) non resiste os baixos de Lapegar e afunde coma unha cáscara de noz, non sen antes ir cobrando as súas vítimas, como nesa escena estarrecedora en que as ondas feroces lle van arrebatando un a un os cinco fillos a unha muller (p.65).
Momento a momento vai tomando corpo a traxedia daquela noite de 1921, oito anos despois do afundimento do archicoñecido Titanic, e parécenos incrible que as humildes dorniñas polbeiras dos aldeanos (p.61) servisen como vehículos de rescate e evitasen a catástrofe total.
Unha historia de supervivencia áxil e sen vernices, moi ao estilo do docudrama, para que non perdamos de vista o horror dese fatídico día ao tempo que celebramos os nosos heroes e heroínas.
"O feito prodúcelles verdadeira admiración, pola decisión, a valentía e a fortaleza das rapazas. Se eles, que son homes fortes, están cansos de vogar, como foron elas capaces con este temporal, de dar chegado dende a praia dos Bois ata aló?
- Así son as mulleres da illa - conclúe un deles, resumindo o sentir dos demais" (pp.85-86)
"Uns días despois do naufraxio o seu pai envioulle a Luís Cebreiro un telegrama nos seguintes termos:Embargado de pena por pérdida de mi hijo me alegro en el alma salvamento Vd. punto ruégole encarecidamente cuando se tranquilice me dé cuantos detalles pueda referentes últimos momentos mi hijo" (p.115)
Walter Lord captures the truth of the night from points of view varying from the crew to first class leaving no story untouched and as for that sam guy on the page... you suck. How could anyone not like this book, it phenominal!.
No comments:
Post a Comment