A presentación dun libro é sempre unha emocionante celebración do traballo duro, o broche final dun proceso creativo, a exhibición dun resultado. É tamén unha sorte de comuñón e acercamento entre creador(a) e lectores/as reais ou potenciais.
O lanzamento dun volume non vai de satisfacer o status quo. Máis ben, vai de exceder as expectativas, de ir un pouco máis aló do texto e conectar cos que escoitan, ben sexa a través do contido ou da forma: as anécdotas, a fonte de inspiración, as referencias socioculturais, a lectura, o recitado ou o material audiovisual que se presente.
Cando acudo ás presentacións busco que me levanten a caravilla da tapa do libro, que me sirvan algún petisco do que vou ler ou que me dean algo alén do que xa lin e atopei no texto; e tamén establecer unha conexión real co/a creador/a.
Espero que os/as asistentes á presentación do pasado xoves 26 de abril na libraría Ler (Santa Comba) se levasen unha experiencia similar.
Tiven a honra de acompañar a catro grandes das nosas letras: Xoán Xosé Fernández Abella, Xosé Manuel Lobato, Henrique Neira e Miro Villar na presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda (2017).
Fotografía de Manuel Lama |
O volume reúne unha escolma de textos éditos e inéditos arredor de "unha das paisaxes máis relevantes e simbólicas de Galicia" (p.11): O Pico Sacro, un "outeiro do sentimento" (p.225) desde o que albiscar as nosas "almas auténticas" (p.239). Manuel María, Otero Pedrayo, Antón Zapata, Neira Vilas, Suso de Toro, Carlos Arias, Marta Dacosta, Xavier Queipo ou Helena Villar Janeiro (entre outros/as) comparten espazo no papel e no imaxinario deste libro.
Alén do singular carácter do Pico Sacro, tamén o foi o lugar, a libraría Ler, que é un negocio de referencia na nosa vila desde os anos 80. Un faro das palabras levado con ilusión e mimo por Che, Lola e Isabel Ares e que para moitos de nós evoca recordos con vestidos de poesía e sabor a soños e maxia.
Foi tamén un luxo contar entre os asistentes a xente moi querida, así como a referentes xalleiras da escrita: Regina Muñiz e Carmen Blanco.
Quedo fondamente agradecida a todos eles pola experiencia, e moi especialmente a Xosé Manuel e Miro polo convite. Señores, un pracer danzar xuntos ao ritmo dos versos.
Para saber máis:
- Entrada en Adiante Galicia (Xosé Manuel Lema)
No comments:
Post a Comment