Thursday, May 17, 2018

Words in Books: A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida

Un amigo díxome unha vez que os listos len biografías. Eu non as leo, de feito teño algunhas emprestadas e sempre pasan ao final da pila. Porén, parece que a todo o mundo lle gustan esas historias dunha vida e tamén dentro da academia hai unha especie de revival e aumento de respecto por este xénero despois da marxinalización que se fixo delas, considerando (como recolliu Volker Dekpat) que eran "minucias sen significado" ou "unha colección de incidentes aleatorios" sen relevancia histórica.

O conto é que acontece que a primeira biografía que leo é a de María Victoria Moreno, autora á que se dedican as Letras Galegas este ano. É unha obra de Montse Pena Presas, que titula A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida (2018).


Tiven o pracer de asistir á presentación en Cronopios e escoitar á autora dialogar con Alba Cid, María Solar e Malores Villanueva sobre María Victoria. Non lin tampouco nada desta autora homenaxeada este ano, pero xa me tiñan recomendado encarecidamente Anagnórise, e o libro de Montse Pena trazoume un percorrido lector que quero facer pola súa obra.



Ademais de ser un texto educativo, A voz insurrecta  é, como indica a propia autora no limiar (p.13), unha ollada calidoscópica. Unha mirada que xira e xira en espiral pintando un retrato cubista dunha vida e unha carreira. 

Comezo a albiscar por que as biografías son para listos. Para entender a vida e o traballo de María Victoria temos que comprender tamén o contexto histórico-social e lingüístico e o que era ser muller en Galicia no cambio de século. A narrativa de Pena Presas é a lente que nos permite enfocar todos eses aspectos.

"María Victoria (...) non quería andar soa, como a maioría da rapazada da mesma idade. Para conseguir que se desprazase libremente, a súa coidadora, a Tata Po, decide darlle unha bobina de fío, que ía soltando a medida que a pequena andaba" (p.19)
"Una hermosa mentira que hacía reír, pensar y llorar al mismo tiempo apaciblemente. Una palabra detrás de otra en perfecta armonía. Infinidad de verdades tan discretas que se escondían tras la ficción del argumento. ¿No había más libros así, para ser feliz leyéndolos?" (p.26)
"... a escritora seguirá tendo clara a súa posición, puntualizando que non emprega o galego na procura dalgún tipo de gloria, e que sabe que ningunha lingua a necesita. A súa é unha cuestión de querenza consciente e unha mostra de lealdade coa terra que a acolleu" (p.49)
"... a idea de que o ensino pode e debe cambiar e que é posible crear unha escola baseada na observación e na experiencia, que integre a realidade da nenez dela" (p.58)
Como pode unha biografía constituír un estudo sobre a lingua e o legado? Como se pode prover un entendemento sólido da relevancia da súa obra e a pegada que deixa nas nosas letras xirando esa lente brincadeira polos vértices do amor, a escrita, o ensino e a familia? 

Pois como o fai Montse Pena, cunha escrita poderosa, onde se transparenta a admiración e o respecto e se colocan os espellos no ángulo exacto para crear a maxia da visión conxunta a través de todas esas peciñas minúsculas.

As biografías parecen ter sempre unha moralexa subxacente: unha historia de suba e descenso, de redención, de corrupción, de amor, ... A que nos achega Montse Pena engárzase letra a letra e agóchase na forza do adxectivo do título. Que mellor xeito de celebrar hoxe, que lendo este libro?


No comments:

Post a Comment