Monday, May 14, 2018

Word Buffs (VI): Bea Dourado



Bea Dourado defínese así: Nómade literaria, que transita pola vida "intoxicando" de literatura calquera rutina. Polo tanto, non sei se será patolóxico.




Comezou a gustarche ler...

Desde moi nena. Desde moi nena lía libros á miña avoa, que non vía ben. A través deste exercicio de guía, aprendín a amar a lectura.

Ti como nena ou adolescente lectora
Lembro desfrutar moito cos libros da escola. Desde que mercaba o libro até que remataba de lelo...Todo era unha aventura!

Un libro ou varios ao mesmo tempo?
Depende do momento. Mais, con todo, o verán adoita ser unha estación calma para deleitarme con varias lecturas a un tempo. 

Mercar os libros ou lelos prestados?

Ambas cousas poden combinarse, non? Gústame moito acudir á biblioteca e levar libros de emprestado. Ademais preciso fuxir, cada pouco tempo, do ritmo acelerado da vida e a biblioteca é, digamos, un lugar zen. Non obstante, hai libros que preciso ter comigo, palpalos, non perdelos de vista...Por iso a miña casa é unha clara evidencia de que invisto, moi alegremente, en capital literario. Seguireino facendo até que me devoren estes inquilinos! 

Gardalos ou deixalos ir?
Recoñezo que me custa deixalos ir se sei que non haberá regreso. Igual teño que desfacerme dese concepto de propiedade...

Lugares para ler

Leo en diferentes sitios e momentos: agardando quenda nalgunha xestión, tomando algo nun bar, viaxando en autobús, na cama...

A lectura – en solitario?
Normalmente si, aínda que tamén me gusta facer cómplice algunha persoa do que estou lendo nese instante.

Rituais lectores

Marco, nalgunha das primeiras páxinas, o lugar e a data no que rematei de ler o libro. Tamén, nalgunha ocasión, deixo algún marcador (post- it, calendario de peto, tícket, entrada de cine...) nalgunha das páxinas que considero transcendentais.


Que estás lendo agora?

Fóra de si de Suso de Toro e, relendo, El género en disputa de Judith Butler.

Que lerás despois?

Teño en camiño dous libros de poemas de Antonio García Teijeiro. Nos próximos días chegarán por correo a casa e xa ansío telos nas mans.

En que momento decides deixar de ler un libro? Das segundas oportunidades?

Decido cando son consciente de que podo prescindir da súa lectura. É dicir, cando non me atrae o tema ou como se desenvolve a trama... Aparto o que non me aporta. Así que de segundas oportunidades, nada de nada. 

Que libros están na lista de "reler"?

Como xa mencionei antes, estou a reler El género en disputa de Judith Butler. Paréceme totalmente imprescindible. Teño previsto reler, en canto poida, Poesía completa de Alejandra Pizarnik ou Porca terra de John Berger.  E creo que hai algúns clásicos que debo reler ou comezar a ler, nalgúns casos. Guerra e paz de Tolstoi é unha débeda pendente .

Se só puideses rescatar un libro da túa estantería, sería...

Non quixera verme nesa circunstancia! Que horror! Probablemente, algún con algunha dedicatoria especial.

Un libro que se che resistiu 

Resultoume difícil, polo tema (non quero con iso menosprezar a calidade artística): Lolita de Vladimir Nabokov.

O libro que máis regalaches

Regalei bastante variado, segundo a persoa. En xeral, regalo moita literatura infantil para crianzas da familia ou amizades. A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza é un dos que máis teño agasallado. Tamén consumo moitos contos porque me encantan e sinto certa empatía co mundo infantil. 

Unha cita/un verso

Gústame moito e teño recente un fragmento de Bodas de sangre de Federico García Lorca:

“Que yo no tengo la culpa,

que la culpa es de la tierra

y de ese olor que te sale 

de los pechos y las trenzas”

Autores/as favoritos/as?

Rosalía de Castro, John Berger, Alejandra Pizarnik, VirginiaWoolf, Almudena Grandes, José Luis Sampedro, Manuel Rivas, Teresa Moure, Suso de Toro, Federico García Lorca, Fernando Pessoa, José Saramago, Clarice Lispector, Chantal Maillard, Maria Mercè Marçal, Montserrat Roig,Màrius Sampere, Noam Chomsky, Michel Foucault... E, seguramente, deixarei máis por despistada!

Ler en galego...

Sempre!

Completa como che pete:

· O cómic... Un mundo por descubrir.


· O ensaio... O último, e moi revelador, que lin: El entusiasmo de Remedios Zafra.


· Os libros infantís e xuvenís... Ledicia Costas merece mención especial.

· A novela... Para vivir todas as vidas posibles da man, por exemplo, do Principiño.


· A poesía... A vida.


· O teatro... La casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca.


Un recordo ou anécdota relacionados coa lectura
Lembro, moi gratamente, cando contaba contos ás crianzas de educación infantil. As súas caras de sorpresa aínda permanecen na miña memoria. É tan agradecido contar e que che conten xs máis peques!

Stephen King falaba do "constant reader", ti es unha/un ou hai periodos nos que prefires non ler?

Case sempre estou lendo algo... Pero si é certo que en períodos de estudo opto por dar prioridade, mal que me pese, aos apuntamentos.

Les porque...
Non entendo a vida sen lectura, forma parte da mesma.

Escribes algo? O que?

Escribo sempre que teño tempo. Escribo relatos e poesía.

Escribes porque...

Non entendo a vida sen escritura, forma parte da mesma.

Outra cousa que queiras contar/compartir 

Este poemiña de meu (audio).


Would you like to listen to this word buff reading a text of his own?



Para saber máis:

No comments:

Post a Comment