O mar marcou a historia dese prodixio xeográfico que son as rías. Vendo a enseada da zona de Noia, custa imaxinar como era a vila nos anos de prosperidade e expansión económica da Idade Media.
O pasado domingo 26 de agosto, grazas a unha ruta guiada benéfica, organizada por Juan Segade e o Museo do Mar de Noia a beneficio de A Creba Saúde Mental, andivemos á procura "das follas evadidas / do almanaque dos nosos soños" que dicía Manuel Antonio.
O pasado domingo 26 de agosto, grazas a unha ruta guiada benéfica, organizada por Juan Segade e o Museo do Mar de Noia a beneficio de A Creba Saúde Mental, andivemos á procura "das follas evadidas / do almanaque dos nosos soños" que dicía Manuel Antonio.
![]() |
Juan Segade |
A alameda enlousada grazas ás "doazóns" de quilos de berberechos dos mariscadores locais; a traxectoria de Prudencio Romo, director musical e membro fundador de Los Tamara; o rastro dos masóns na estatua de Felipe de Castro; a sombra das 12 portas que daban acceso á vila; a convivencia de rituais pagáns e relixiosos; a negra historia do arcebispo Berenguel de Landoria; os restos dun hospital de peregrinos; un fermoso cruceiro gótico; o episodio escuro das bombas que se guindaron sobre o núcleo urbano o 25 de xullo de 1936; a verdadeira orixe dos sancosmeiros; o personaxe detrás do nome do Malecón de Cadarso ou a "maldición" da torre da igrexa de San Martiño estiveron entre o feixe de claves da historia mariñeira desta vila que nos foron revelando entre Juan Segade e Félix González, director do Museo do Mar.

Alén dos emprazamentos mencionados, visitamos tamén o recentemente inaugurado monumento Portus Apostoli, que conmemora o 850 aniversario da vila e a Carta Pobra coa que Fernando II deu carácter oficial á vila; e tamén a igrexa de Santa María a Nova coas súas laudas gremiais e motivos mariñeiros.


Ademais, puidemos visitar dúas exposicións. A primeira delas grazas a un verdadeiro golpe de sorte pois era o último día que se mostraba na Casa do Concello: "As maquetas de Avelino", reproducións en miniatura realizadas por Avelino Ageitos de barcos e edificios emblemáticos como igrexas, capelas, vivendas típicas e faros.

A segunda, que aínda podedes visitar ata finais deste mes no Liceo de Noia, é "Historia da navegación e do patrimonio marítimo ata a Carta Pobra de 1168".

Catro homes (Félix González, José Iglesias, Emilio García Portosín e o mesmo Avelino Ageitos) involucrados nun fermoso proxecto que se extendeu uns dous anos consistente en reproducir nun gran mural a historia de Noia previa á Carta Pobra.
Para a obra elixiron un soporte cargado de significado e memoria: unha lona de máis de cincuenta anos atopada no almacén de Carmen Barcia, armadora.
O mural é incrible: unha liña do tempo xigante con apuntamentos visuais que é totalmente hipnótico, canto máis o miras máis o queres mirar. Percíbese a atención e coidado ao detalle por parte dos creadores, pois a información, moi ben dosificada, está codificada por cores, os debuxos estratéxicamente colocados e... que caligrafía tan bonita!
Se a visitades, oxalá teñades a oportunidade de escoitar a Félix facendo unha entusiasta revisión histórica desde as orixes do mundo pasando pola historia da ría, as naves típicas de cada época e os fitos da "moi nobre, moi leal e moi anterga vila de Noia".