O poder da fotografía e a súa intelixibilidade crean unha democracia do entendemento dificilmente superable por calquera outro medio. Parece que o pasado está dialogando directamente con nós nun exercicio de familiaridade e cercanía que elimina as fronteiras do espazo-tempo.
Cando falamos ademais de fotografías históricas de ámbito local, engádese a dimensión da nostalxia, pois son fiestras a eventos e escenas que desapareceron das nosas vidas e que iluminan aspectos da historia do noso pobo e da nosa herdanza cultural.
Por iso é unha alegría ter acceso a volumes coma este José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía, de Xan X. Fernández Carrera que se presentou o pasado venres 10 no Museo do Mar de Laxe.
Na presentación destacouse a importancia do fondo Vidal non só para a vila senón tamén para as comarcas de Bergantiños e Soneira, polo retrato que fai da evolución da paisaxe, da terra e da xente, ademais de ser unha proxección da figura de José Vidal cara o futuro.
Fernández Carrera salientou "o estudo, traballo e habilidade que hai detrás de cada instantánea, así como as destrezas sociais e a capacidade de convocatoria" que asumimos que tiña José Vidal para facer que tanta xente posase para os seus retratos.
Comezou por revisar o contexto histórico de Plácido e José Vidal: unha sociedade rural, agraria e mariñeira, pouco industrializada (salvo algúns serradoiros, minaría do caolín e empresas de salgadura), de poboación dispersa, illada e con poucos recursos.
De seguido pasou á biografía de Plácido Vidal Díaz (1867-1956), personaxe destacado da burguesía vilega en Laxe e aos seus inicios como fotógrafo coa cámara fotográfica regalada por José Villar (da Droguería Villar en Coruña). No 1900 nace José María Vidal García, o fillo, e o fotógrafo ao que pertencen a maioría dos documentos visuais que se conservan. Carteiro en Corme, auxiliar de secretaría en Laxe, correspondente do xornal El Ideal Gallego, viuse afectado a nivel persoal e familiar polos vaivéns políticos da época, pero malia todo mantivo a súa actividade como fotógrafo ata 1980, mesmo unha vez xubilado.
67.000 elementos fotográficos entre negativos e positivos de cristal e plástico son os que se conservan hoxe no arquivo Vidal, que Fernández Carrera agrupou, grosso modo, por temáticas: vilas (desde Camariñas a Caión); sociedade (feiras, festas e romarías, familias, fotos da escola, traballos e oficios (da mina de caolín, zapateiros, taberneiros) e mar.
Alejandro Ávila, bisneto de José Vidal, recordou dous momentos importantes: setembro de 1992 cando foi consciente do valor do laboratorio; e 2008 cando fixeron a cesión do fondo fotográfico ao Concello de Laxe. Aludiu tamén, alén da calidade fotográfica do fondo, á visión social e ao valor da memoria emocional que identifica toda a zona.
Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, pola súa banda, puxo en valor o traballo rigoroso de estudo de Fernández Carrera e a relevancia do fondo fotográfico Vidal como sinal de identidade e de pertenza a unha colectividade recordando as palabras do fermosísimo discurso "Eu tamén navegar" pronunciado por Xohana Torres:
"Hoxe, xa de volta das grandes mareas, declaramos que a vida non é sempre unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas, pero ben ve o que mira dúas veces a mesma paisaxe. (...) Non somos máis que o que recordamos, ese ceo protector que de maneira alterna nos cobre ou se desvela e que se nega a desaparecer".
José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía, é un libro para gozar e revisitar, un imprescindible a carón de Caamaño, Manuel Ferrol, José Suárez, Ruth Matilda Anderson, Català-Roca, Baldomero Pestana ou Xurxo Lobato.
No comments:
Post a Comment