Sunday, August 12, 2018

Letters in Exhibitions: Museo do Mar (Laxe)

Hai polo menos tres motivos para visitar Laxe: o faro con fermosas vistas a ambos lados, a praia de area agarimosa, e os paseos posibles a diversos puntos (a praia dos Cristais, Soesto ou a capela de Santa Rosa). Un cuarto motivo non menos relevante, é o Museo do Mar. Situado no antigo cuartel da Garda Civil, no casco histórico detrás da Casa do Arco, é un inmoble de pedra con elementos aínda visibles das casas tradicionais galegas coma a lareira ou o lavadoiro de pedra. Como engado adicional, un pequeno mirador que nos permite enxergar a praia cara un lado e o monte Cornaceiras cara o outro.








O museo nace con catro obxectivos: ensinar, difundir, investigar e salvagardar, e pon o foco no nexo de unión entre porto, xente e comarcas (Bergantiños e Soneira) que fai que os/as visitantes poidamos encaixar a vila na historia e na contorna, nun marco temporal que abarca desde finais do século XIX ata os anos 70 do século pasado. O mar é tamén elo de unión dos tres eixos temáticos que artellan a colección exposta en cada andar: "O mar nos ollos da xente" (sección 0); "Do mar á terra" (1º andar) e "Da terra ao mar" (2º andar).

Ocupan os espazos obxectos de personaxes ilustres, mapas antigos, historias de barcos naufragados coma o Adelaide, coleccións de obxectos relacionados coas diferentes artes de pesca e, ata o 31 de agosto, unha exposición fotográfica de Carlos Eiroa





Porén, o que cativa a nosa mirada é sen dúbida a escolma de fotografías do arquivo fotográfico de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José María Vidal (1900-1988), que forman parte da colección permanente do centro e que constitúe, cos seus 67.000 elementos, "o maior arquivo fotográfico da Costa da Morte".

O rótulo do museo é visible na ruela a man esquerda cando un vén desde a praza Ramón Juega e se dirixe cara ao arco. Oxalá seduza aos visitantes para que descubran a ollada dos Vidal, que tan ben souberon capturar a esencia dunha época.













Para saber máis:
  • Museo do Mar de Laxe
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre a exposición fotográfica de Carlos Eiroa (17/07/2017)
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre o Museo do Mar (03/11/2017)
  • Artigo en El Ideal Gallego sobre actividades de dinamización do Museo do Mar (18/05/2017)
  • Información para visitas escolares 

No comments:

Post a Comment