Thursday, November 30, 2017

A Day of Words: Literatas n'O Couto





O Couto recibíanos o pasado sábado 25 de novembro engalanado de calidez, luz e algodón. Desde a Fundación Pondal, pedírannos a un grupo de mulleres que explicásemos o que faciamos ao alumnado das aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. O acto que concluíu unha serie de 100 planificados en torno ao falecemento do poeta Eduardo Pondal, levaba por título "Literatas" e presentábase con este enigmático cartel.



Presas da curiosidade, fomos chegando a contagotas e facendo as presentacións, pois sabiamos o obxectivo do evento mais non quen eran as outras participantes. Aos poucos,  fomos apañando retalliños unhas das outras, buscando os espazos e os lazos comúns, as conexións.

Comezou o acto da man mestra de Tamara, e palabra a palabra cada unha foi tirando ao seu xeito dos veos do misterio e disipando a néboa da mañá. Soaron as notas das regueifas herdadas do bisavó (Lupe), do punteiro da gaita agarimado por mans femininas (Isa) e das cantigas corais con voz e escrita de muller (Charo). 

Vibraron as cordas do corazón ao escoitar a historia duns bombóns cunha tarxeta (Teresa), simpatizar coa loita de Milagros por abrirse camiño, percibir o amor pola lingua e o orgullo de aldea de Uxía; ou contaxiarse do entusiasmo que senten Natali polo seu proxecto Colaxe e Alba pola compañía Galeatro.

Incribles as historias daquelas que tiveron (e teñen) que abrirse camiño nun mundo de homes, entre pintores, oleiros, pilotos de autocross e rally de terra, traballadores de emerxencias e empresarios: Viki, Carmen Isabel, Sandra, Priscila e Olga.

Enfeitizáronnos as encantadoras de palabras Rosalía e Blanca recordándonos que somos fillas de Rosalía de Castro, e invitándonos a crearnos, a perseguir os nosos soños. 

Soños que están a perseguir Erica e Aida estudando as carreiras que lles gustan; Teresa, traballando a súa habilidade coas mans na asociación "O son das varas"; e Tania, combinando todas as súas afeccións no traballo que desempeña.

E se os soños cambian? Non pasa nada, mudamos o rumbo. É cuestión de matemáticas, como dixo Mariluz, que deixou o ensino público para traballar cos números.

Tralos números e as palabras, o silencio. Silencio envexoso das palabras sen voz de Paula, que encheron as nosas pupilas. 

E tralo silencio, a felicidade das preguntas, da conversa. A sensación de ter tendido pontes, de igualar datas de nacemento, dirección, currículo e calendario.


Hecho con Padlet


"A primeira vez que se me convocou a unha reunión, non asistín porque me sentía cohibida. Eran 25 membros e eu era a única muller" 
(Olga)

"Teño conciencia de ser muller e ser do rural"
(Charo)

"A nosa asociación quere que os nenos saiban o que había aquí. Antes en cada casa había un cesteiro" 
(Teresa)

"É interesante coñecer o mundo das persoas xordas" 
(Paula)

"Aspirade sempre a ser os mellores profesionais, dediquedes ao que vos dediquedes. Iso require estudo, esforzo e disciplina" 
(Mariluz)

"O meu traballo consiste en buscar trebellos ou formas de facer as cousas doutra maneira para que todos as poidan facer" 
(Teresa)

"O deporte é esencial. Dache moitos valores" 
(Priscila)

"O que moitos traballos ten, nunca chega a nada", me dicían na miña casa. Eu non estou de acordo" (Isa)

"Crear un espazo propio é difícil" 
(Viki)

"Levo oito anos competindo cos homes. Eu arreglo o meu coche, e eu o rompo" 
(Sandra)

"Detrás do espello todas eramos a mesma muller" 
(Rosalía)






Artigo e fotografías en La Voz de Galicia sobre o acto (26/11/2017)
Artigo en La Voz de Galicia anunciando a xornada (25/11/2017)

No comments:

Post a Comment