Thursday, November 16, 2017

Hands in Photography: Anna Turbau


Anna Turbau. Galicia 1975-1979 é un compendio dun cento de impactantes fotografías que podedes visitar na Sala de Exposicións do Colexio de Fonseca ata o 10 de decembro. Comisariada por Margarita Ledo Andión, a exposición preséntase co seguinte texto:

A intimidade da imaxe articúlase a través de diferentes itinerarios cuxa marca é a cor, o tamaño das fotos xunto á súa disposición ou o espazo articulado por dúas cabeceiras, no artesoado e na apela, esta última para a escolma de fotografías presentadas como un mural, da produción do ano 1993 Santiago, pequena historia natural, e desenvolve unha proposta discursiva cuxas ancoraxes son as seccións que se [inclúen no folleto da exposición e que se cifran á espera de que o observador as descifre].

A fotoperiodista catalá Anna Turbau veu a Galicia en 1975 coa idea de retratar as casas dos xitanos construídas por César Portela en Poio. Quedou ata 1979 e neses anos xuntou unha morea de imaxes que constitúen un retrato etnográfico e social de Galicia na transición. 

Este cento de fotografías que vemos en Fonseca son un poderoso rexistro visual onde vemos as "damas de negro" (como lles chama Turbau), os internos do psiquiátrico de Conxo, os piquetes de Guísamo durante a construción da AP-9 ou imaxes de romarías ou do backstage dos teatros.

As instantáneas non deixan lugar a dúbidas. O rexistro de Turbau é áxil, revelador e atrevido. Hai momentos de poesía e drama, apúntase ao simbólico, pero sobre todo, rescátase o humano, sen excesos nin concesións.

Estas imaxes foron cedidas ao Consello da Cultura Galega, dixo Turbau "para que todo eso se quede aquí, se cuide y Galicia pueda disfrutar de ello". Gocemos logo.






Para saber máis:

Entrevista a Anna Turbau na Voz de Galicia



No comments:

Post a Comment