Gonzalo Navaza ten que ser un xenio cun talento humorístico fóra do normal. Só así se explica a capacidade de crear unha colección vivaz e hilarante de definicións que desexas aprender de memoria para citalas con liberalidade. Desde logo, a min paréceme o alter ego galego de Oscar Wilde ou Woody Allen.
Elucidario (1999) foi o volume que me descubriu ao autor. Chegou ás miñas mans grazas a Nacho Rodiño, quen sempre me fai unhas variadas e acertadísimas recomendacións lectoras (grazas Nacho!). O libro é, en palabras do propio Navaza, "unha especie de diccionario paródico que aparecera uns anos antes [do 1999], por entregas, no desaparecido Diario de Galicia", e preséntase na ficha do seguinte xeito:
Quen sexa gustante do enxeño en combinación co humor branco e ás veces crítico, que aprecie a ruptura co senso recto das palabras, atopará neste conxunto de formas e definicións dislocadas un excelente pasatempo.
A lectura non decepciona, máis ben sorprende pola forza creativa dalgunhas definicións e a intelixencia e enxeño doutras.
Abostecemento. Subministración de merda
Abrazar. Deixar bara báiz darde. Bozboñer.
Adefesio. ¡Morituri te salutant!
Arquitexto. Construtor de palabras.
Baixamar. Amar polo baixo.
Brágoas. Lágrimas íntimas.
Camorra. Carrebente, castoupe, caspiche dunha vez.
Coma profundo. Non se alimente con frivolidade.
Churrasco. Noxo, repugnancia ou aversión aos churros.
Defecanción. Música de merda.
Diacrítico. Trece e martes.
Docudrama. A traxedia do ano.
Empederniado. Dise da persoa que persevera ata rebentar.
Energúmono. King Kong furioso.
Falopecia. Caída do falo.
Funerrally. Enterro no que o coche mortuorio e tódolos coches do séquito van cara ó cemiterio por estradas tortuosas e a toda velocidade, para ver quen chega primeiro.
Gociñeiro, -a. Dise da persoa amiga dos praceres culinarios.
Gordialidade. Amabilidade dos obesos.
Griticar. Murmurar ou censurar dando grandes berros.
Hexaxerar. Multiplicar por seis a realidade.
Hipotafio. Escrito breve gravado na cara interna da lousa dunha tumba. Engade Cameselle: "Para que o defunto se lembre do mundo cada vez que o lea".
Inflaamable. Dise do individuo que acode co seu acendedor ó cigarro das señoras.
Lebrepensamento. Doutrina que sostén a idea de que a razón se aparta da relixión a medida que aumenta a súa velocidade.
Literrato. Rato de biblioteca.
Magoardente. Licor de pena.
Ninfeómana. DDise da muller moi aficcionada aos feos.
Oporturno. Dise da persoa que vén no momento preciso, é dicir, cando lle toca.
Palabrador. Labrego da linguaxe; palabrego.
Poeta perverso. Un soneto, catorce poetas.
Quintausencia. O quid do que faltaba.
Reciporcidade. Porcallada mutua.
Saudade (Todos). Bos días. Boas tardes.
Spotismo ilustrado. Propaganda de libros.
Terremono. Movemento símico.
Universitauro. Boi-school.
Váter familias. Retrete doméstico.
Versos. Liñas para lelas.
Xóubilo. Alegría da parrocha.
Zoca-and-roll. Country music.
Dicía outro xenio das palabras tamén galego, Luis Piedrahita, nunha entrevista que "o humor de pata negra ten que disparar dúas balas: unha que vaia ao cerebro, a do enxeño, e outra que vaia ao corazón, que é a que emociona". Elucidario dispara ambas, e abraza o humor desde o plano lingüístico e o simbólico, cunha bendita dose de irreverencia que o convirte no "excelente pasatempo" que buscaba Navaza.
Unha auténtica xoia literaria!!! Un esmendrelle!!
ReplyDeleteHai que pedir á editorial a reedición do libro para que todo o mundo poida deleitarse co seu enxeño; e ao autor unha ampliación, segunda edición, segunda parte...