Thursday, November 9, 2017

Words in Poems: Fran Alonso (III)




Dúas adolescentes
(unha delas pretende
claramente aparentar máis
idade da que ten)
sentan na mesa
que está cabo da miña.
A que ambiciona máis anos
pide unha cocacola light e
marcha ao baño; a outra
non consome nada.
Cando volve, acompásase a ese
silencio esixido
polo smartphone.
Ambas as dúas fuman
coma pelicanos preguiceiras.
A da cocacola procura
invisibles na carteira
e finalmente atopa
os cinco euros que precisa.
Completamente seria, 
fai comentarios despectivos
dunha amiga que non lle é fiel
ao grupo de WhatsApp.
Achégaselles unha muller 
cun brazo escarolado que
lles pide un cigarro.
Descúlpase asegurando
que non pode mercar tabaco
porque só lle quedan
os cartos xustos
para tomar unha cervexa
e - aclara- o banco nada lle dá.
As adolescentes ofrécenlle
un cigarro con apatía
e a muller senta na mesa contigua.
Elas continúan a conversa e 
falan a grolos,
coma se tiñesen que
tirar das palabras cunha polea.
Enléanse comentando o que sucede
no seu grupo de WhatsApp,
infestado de opinión
das que - seica- unha xa
non se pode fiar.
Os gatos ladran e
os cans miañan,
a terra treme;
fiarse nestes tempos
é como pretender camiñar
por riba das augas.

En Terraza (2017)

No comments:

Post a Comment