Ata o 15 de
outubro podedes visitar no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela a
exposición “Tutti Frutti. Gráfica popular e diversidade cultural”, comisariada por América Sánchez. Preséntase como un “sinónimo de
mestura, variedade e mestizaxe (...) o intento de expresar a liberdade cultural
de todos os pobos do mundo a través da súa gráfica popular”.
No propio
catálogo indícase que o 90% de todos os autores de gráfica popular do planeta
son amateurs autodidactas, espontáneos, intuitivos, alternativos e folclóricos,
sen estar ao corrente de modas, tendencias, nin estilos, e dispoñen de escasos
materiais, o que xera improvisación tanto na iconografía como na redacción.
A parte que máis
me interesou da exposición foi o carácter
íntimo das obras. Primeiro, porque a
selección está fotografada e ordenada polo propio comisario, e percíbese na súa
unidade temática e estrutura lóxica. E segundo, pola espontaneidade, inmediatez
e expresividade das obras: “En canto á
forma de cada letra, existe a tendencia xeneralizada de trazar con “sentimento”
de debuxo cada letra ou signo, independentemente do seguinte (...) Cada obra é
unha peza única e irrepetible”. De aí que a idea moderna de dixitalizar
alfabetos caligráficos (e eu engadiría mercantilizalos) é errática e estúpida,
porque como Sánchez indica, “producen
resultados propios da discapacidade visual”.
Desde logo, a
gráfica popular, e as fotografías desta exposición como mostra dela, seducen e
envolven ao espectador, e como indica Salvador García-Bodaño, lévannos da man no
eido da “cultura social, do acervo de
usos, habilidades e costumes dun pobo, a exteriorización do seu universo
simbólico”.
Conclúe o seu
comentario no catálogo América Sánchez cunha poderosa sentenza coa que concordo
completamente: “A esta acelerada era
tecnolóxica correspóndelle compartir a súa andaina co humano, lento e vivo
tremor do trazo manual”.
No comments:
Post a Comment