Monday, October 3, 2016

Made with Your Hands: Maker Faire


Charla de Marta Verde, programadora creativa: Instalacións interactivas con Arduino
A expresión "DIY" (faino ti mesmo) leva en circulación desde o 1912,  aínda que se popularizou a partires dos anos 50 cando se volviu común facer reparacións e pequenos proxectos de construción sobre todo no ámbito doméstico, co dobre obxectivo de aforrar e pasalo ben.

A expansión de internet facilitou o intercambio libre de ideas e o contaxio da inspiración. Os chamados "makers" comenzaron a formar comunidades, e o resto do mundo empezou a sentir a súa influencia. Etsy ten hoxe en día máis de un millón de artesáns que venden os seus produtos feitos a man, outras compañías coma QuirkyKickstarter danlle aos makers acceso aos recursos que lles permiten convertir unha idea nun produto real, e as Maker Faires que teñen lugar en cidades por todo o mundo fomentan o noso interese no STEM, que integra ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (agora tamén STEAM, que engade a arte) e pretende acercalas dunha forma lúdica e entretida aos/ás nenos/as.

Esta pasada fin de semana, o 1 e 2 de outubro, tivo lugar en Santiago a Maker Faire Galiciaa segunda edición dun evento anual que se describe como "punto de encontro para os mellores creadores da comunidade, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa e busca servir de punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as diferentes xeracións". 

A feira serviu de escaparate para presentar diferentes propostas tecnolóxicas e as súas aplicacións prácticas: robótica, impresión 3D, drons, transporte, autocultivo, transporte, estufas, ....

No meu caso, tiven a oportunidade de escoitar a Nacho Porto presentando unha fusión de artesanía e matemáticas nun produto que son os altavoces pasivos, de diferentes materiais naturais e ecolóxicos (papel, metal, madeira, cerámica) e que non necesitan enerxía adicional para funcionar.

Altavoces pasivos de cerámica
Marta Verde, licenciada en Belas Artes e programadora creativa especializada en tecnoloxías dixitais interactivas, presentou a súa experiencia de aprendizaxe na Fab Academy así como os produtos que creou.
Instalación de Juanma LoDo e Marta Verde

Fernando Ribeiro, do Laboratorio de Robótica da Universidade de Minho, introduciunos ao proxecto "Robótica Autónoma Móvel", un laboratorio creado no 1996 no que traballaron en proxectos variados: equipos de fútbol robótico, cadeiras de rodas omnidireccionais, robots que recollen bólas de golf de xeito autónomo, seguimento por dron e condución autónoma entre outros.

A música tamén tivo o seu espazo na Maker Faire, por unha banda da man de Mateo Menalicenciado en Enxeñaría Electrónica e deseñador dos hypercubesun novo instrumento musical electrónico que xera material sonoro por si mesmo.  E por outra, da man do lutier Manuel Barreiro "Paparolo", deseñador de ocarinas e asubíos cun fermoso sonido e afinación, que tivo a ben explicarme non só o proceso de fabricación senón tamén deleitarnos coa interpretación do tema "Greensleeves"

Hypercubes: instrumento musical para traballar con música electrónica de forma física 
Ocarinas e asubíos de Paparolo 
Manuel Barreiro "Paparolo"

Asubío  
Tamén houbo un espazo expositivo para presentar "Artesanía vs Arte urbana", do cal podedes ver unha pequena mostra nas fotografías.

Zocos de Elena Ferro intervidos por Nana
Cadernos de Catrotintas intervidos por Shock
Artesanía de Arantza Vilas, arte urbana de Peri

As alumnas e antigas alumnas do IES David Buján, en Cambre, explicaron entusiasmadas os proxectos que levaron a cabo no seu club de ciencia inicialmente e que agora continúa a súa andaina a través dunha recén creada asociación. Ana Rascal presentounos e demostrounos varios dos seus traballos. Unha aplicación de recoñecemento e localización de niños de avespa asiática que permite subir unha foto e notificar ao concello, outra para controlar o ruído nas aulas, ou para notificar do deterioro do mobiliario urbano na vila, ... son algúns dos proxectos de ciencia cidadá que levan a cabo na súa aula 2020, cun sistema de mentores/as e inspirados polo seu profesor José Viñas.

Ana explicando o funcionamento da placa base-teclado con froitas
Parte da equipa da asociación, unha marabilla e un pracer escoitalas falar!

E dame por pensar, despois de asistir a esta feira, no que realmente xace na raíz do movimiento maker. Un acto de rebeldía do individuo contra o sistema? Un cambio da corporación ao individuo que crea as súas propias pezas? Unha volta aos valores artesanais? 

Pois non o sei... o único que teño claro é que, aínda que os artefactos son importantísimos, gústanme os eventos coma este, que poñan en relevo a xente, os/as creadores/as.

2 comments:

  1. Grazas Diana polo agarimo co que falas do noso club. Estamos orgullosos dos nos@s mentores/as e alumn@s, porque son quen de mellorar o seu entorno co seu coñecememto pero sobre todo con seu corazón.

    A semana pasada dúas de esas aplicacións foron premiadas en Algeciras no concurso "Ciencia en Acción" e os mentores foron invitados á Maker Faire Bilbao. Buscar, ser autónomo, e coñecer xente coma ti polo mundo fainos medrar como persoas.
    Grazas

    ReplyDelete
    Replies
    1. Foi un pracer escoitar a un grupiño tan entusiasta e erudito na materia, dá gusto!

      E parabéns para ti, José, polo teu traballo, a motivación que consegues contaxiar, e os premios tamén, por suposto!

      Delete