Se ides a Carballo, na rúa Valle Inclán, onde se cruza coa Cervantes, vedes este edificio que fai esquina e que pasaría facilmente desapercibido se non fose por un aroma irresistible que vos obrigará a deter os vosos pasos. Trátase de Chocolates Mariño, unha fábrica de chocolate artesanal (das poucas que quedan) que leva xa unha boa andadura, pois foi fundada no 1927.
![]() |
Severino Mariño na súa fermosa tenda |
Entras e déixaste levar polas sensacións olfactivas: O ineludible aroma envolvente do chocolate que funciona coma a mellor estratexia de marketing posible. Nin carteis publicitarios nin sinais de neón, non en vano din os expertos que o 90% do que "saboreamos" chéganos en realidade a través do nariz, de forma directa cando ulimos; e indirecta a través do que se chama retro-olfacto, cando mastigamos e expulsamos aire cargado cos compoñentes aromáticos do que estamos a comer.
De seguido, virá o choque visual, pois xunto coas perfectamente aliñadas tabletas e saquiños de chocolate, hai... candeas! Estraña combinación - ou non, un chocolate á luz das velas tampouco está mal. Se preguntades a Severino e Teresa, donos do negocio, explicaranvos que o herdaron do pai de Severino, José Mariño, que era orixinalmente cereiro pero despois comezou co chocolate, no ano 1927. Eran anos nos que o chocolate era un luxo e só se vendía aos "señores", en palabras da parella, e de feito José ía polas vilas coa súa pedra e a rebola. Poñía na pedra os grans de cacao e ía dándolle coa rebola engadíndolle o azucre para ir amasando e facer as libras que lle encargaban en cada casa.
Pregúntolle a Severino polas fábricas de chocolate en Galicia e dime que antes había moitas máis, dúas ou tres en Santiago e máis en Coruña. Patri Fernández dicíame onte, cando lle comentei a visita, que efectivamente o "chocolate de cascarillas" foi moi popular, e que aos habitantes da Coruña se lles chamaba "cascarillas" ou "cascarilleiros" pola súa afición ao consumo deste tipo de chocolate. Hoxe en día desas chocolateiras só queda a Express (1929), que ten ese nome en referencia ao tren express nocturno que unía Madrid con Galicia.
Pero volvamos a Chocolates Mariño. Que opinades dos envoltorios? Son preciosos! "Seguen mantendo o deseño orixinal- continúa explicando Severino, - empregando o que se chamou "etiquetado a la gallega".
E preguntarédesvos cal é a diferencia entre o envoltorio vermello e o azul, como fixen eu. Pois velaquí a resposta.
Pero levando tanto tempo traballando co chocolate coma rutina, xa o deben ter aburrido, non creo que coman moito, non? Teresa explica que para nada. Seguen tomando unha cunca pola mañá e outra á noite. Ela con leite e el con auga. Interesante! E cal é mellor para facer con auga? Pois coma co café, se o tomas só e sen azucre é que che gusta de verdade. O mesmo pasa co chocolate, daquela é mellor empregar o azul, que só ten azucre e cacao.
Saio da tenda feliz coas miñas tabletas e aínda que estamos en pleno mes de agosto o día neboado preséntase ideal para probar este chocolate aromático e artesanal. Vouno facer con auga, o que era o almorzo da miña nai de pequena. Abro o envoltorio e...
... marabilla! A cociña imprégnase de dozura e calidez en canto parto as onzas, medrando en intensidade ao irse derretendo na auga.
Velaquí o resultado final. Festa de escuma e aromas. Acórdome de Severino e Teresa. Son feiticeiros habelenciosos. Enganáronme. Non me venderon chocolate: "Colleron a alborada, botáronlle un chisco de rocío, cubrírona de chocolate, e cun milagre ou dous... mesturados con amor, fixeron que o mundo saiba... Mmmmmm".
No comments:
Post a Comment