Unha exposición no Arquivo de Galicia no ano 2012, Os ollos das palabras, un proxecto conxunto do escritor e pintor Baldo Ramos (1971) e o artista plástico Caxigueiro que pretendía facer reflexionar sobre o valor do libro alén do seu papel como espazo para albergar contidos. O libro como contedor de imaxes, de afectos e metáforas.
Cun leit motiv común, Os ollos das palabras preséntase como a culminación dun diálogo de dous artistas conectados estéticamente: Baldo Ramos dende o formato de libro de artista e Caxigueiro dende os seus traballos escultóricos e instalacións sobre estes elementos. Un encontro facilitado polo poeta Eduardo Estévez que propiciou unha mostra na que o libro como formato de expresión se erixe en auténtico protagonista.
Non puiden visitar a mostra pero si gozo do catálogo co mesmo título, Os ollos das palabras (2012). A seguir, reproduzo un dos poemas de Baldo Ramos recollidos no volume, xunto coa fotografía do libro de artista que o acompaña.
hai límites que son palabras.
espazos acoutados pola linguaxe.
inaccesíbeis para o tacto.
hai palabras que non teñen límites.
ocos de silencio que nos obrigan a entrar na súa cerca
sen vontade de saber.
só para evitar a derrota, a progresión do final.
esas palabras hai algo máis que sentido,
algo máis que semántica de ida e volta.
hai unha materia dócil
que nos acolle como matriz estéril.
allea ao futuro e ao sentimento.
tan só acubillo para estar.
Libro de artista, 30x35 cm. Exemplar único Papel Rives BFK 300 g |
No comments:
Post a Comment