Que tal eses coñecementos de xeoloxía en xeral? E da galega en particular? Os meus moi baixiños tirando a nulos. Desde logo non uso as palabras peridotitas, piroxenitas e similares no meu vocabulario habitual. Adoito acordarme da xeoloxía só cando oio falar de terremotos, inundacións, actividade volcánica ou correntes oceánicas. Mais cando nos paramos a pensar que todo o que empregamos na nosa vida ten que ver cos materiais que extraemos da terra (vivendas, xoguetes, computadoras, ferramentas, enerxía, ...), dámonos conta que é unha ciencia esencial e imprescindible, e ben merece que nos interesemos nela.
Ademais, seguro que todos lembrades este vídeo do pasado mes de maio que falaba dunha praia de area negra non volcánica en Galicia. O caso é que grazas a Patri Fernández (que foi quen no seu momento compartiu tamén o vídeo) souben das rutas xeolóxicas organizadas polo Concello de Cedeira durante os meses de xullo, agosto e setembro para visitar a contorna da Serra da Capelada, "un enclave xeolóxico de interese internacional emprazado nunha zona de costa con fermosos cantís".
A xeoruta que vos presentamos tiña como destino a praia de area negra que aparecía nese vídeo de La Voz de Galicia, e foi un deleite para os ollos, a cabeza e o corazón. O excepcional guía da ruta é Francisco Canosa, que se presenta así no seu blog, Rutas xeolóxicas de Galicia, moito máis rigoroso e detallado que esta entrada, e que vos invito a visitar:
Son Francisco Canosa, doutor en xeoloxía e promotor de diferentes actividades de divulgación da xeoloxía a distintos niveis educativos, do mesmo xeito teño máis de 15 anos de experiencia no deseño e realización de rutas xeolóxicas. O ano pasado fun o coordinador e creador das xeorutas no concello de Ribadeo, ás que se apuntaron máis de 3.000 persoas.
A ruta das praias negras vén descrita no blog deste xeito:
Esta ruta xeolóxica permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero sen dúbida o emprazamento desta praia de Teixidelo aos pés dos cantís máis altos da Europa continental, fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar. O que evidencia que o clima no pasado foi moito máis frío.
Duración: 7 h. Distancia: 4,5 km. Dificultade: Alta
Veta de granate |
Esta humilde pranta ten unha historia detrás |
As explicacións de Fran son realmente adaptadas ao nivel de coñecementos do grupo, de carácter divulgativo e moi gráficas e visuais |
Que relación ten a formación dos Alpes con Galicia? Como é posible que haxa unha cabana que se mova 50 centímetros todos os anos? Cantos metros temos profundizado na codia terrestre? Por que é única a area desta praia? Durante o roteiro, recibides resposta a estas e outras preguntas. E se, coma min, non confiades na vosa memoria, sempre podedes adquirir a Guía xeolóxica de sete xeorutas no Concello de Cedeira (2015), onde aparecen os detalles deste e outros seis roteiros con detalladas indicacións visuais para que se poidan identificar as rochas máis comúns xunto cun código QR para localizalas.
Despois deste roteiro, quedáronme claras dúas cousas: 1) o sitio é espectacular e paga a pena voltar visitalo, mesmo noutra época do ano, para ver os cambios na paisaxe e nas cores; 2) é un luxo poder contar con profesionais que gozan do que fan e que son capaces de acender unha faísca de interese en campos que quizais doutra maneira descoñeceriamos por completo.
Fotografía do noso grupo (Graciñas pola fotografía, Marycarmen García!) |
No comments:
Post a Comment