Despois de ler este fermoso artigo de Ramón Nicolás onde louva as calidades de Carlos Casares (1941-2002) para "abrazar e seducir a palabra" e que califica a experiencia lectora coma "deixarse asolagar pola palabra de alguén que ten como bandeira depurar e pulir arreo" entroume curiosidade por este escritor que ademais será homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2017.
Ía comezar por Un país de palabras (1998) pero ao final por casualidade, empecei con outro. La Voz de Galicia vén de publicar un volume, Os agostos de Casares (2016), que recompila os artigos aparecidos nese mes entre os anos 1997 e 2001. Como se indicou neste artigo previo ao lanzamento, "son 155 textos que condensan as calidades polas que as columnas do escritor tiñan tanto éxito, xa que era quen de abordar calquera tema cunha sinxeleza e claridade da que podía gozar todo tipo de lectores".
Hai de todo neste libro: lembranzas, anécdotas e efemérides, pero a verdade é que foi un acerto publicalo no verán, porque as páxinas saben a xeado, ulen a mar e evocan imaxes de viaxes en barco e comidas baixo unha uveira. Lectura ideal para o mes de agosto.
Paréceme daquela axeitado comezar co primeiro artigo que se inclúe no volume que fai alusión aos cemiterios (tema recurrente tamén nesta bitácora) e unha acertadísima conclusión. Para máis información sobre esta "reciclaxe" da enerxía da morte, recoméndovos a lectura deste artigo de hai uns anos da BBC Mundo e a escoita deste podcast de Nieves Concostrina (Radio 5) "Polvo eres" onde fala deste mesmo tema, o reaproveitamento da "caloriña dos crematorios".
Cuestión de lóxica
venres 1 de agosto de 1997
En relación co artículo de onte, no que contaba cómo os responsables do crematorio da cidade sueca de Helsingborg, a un tiro de piedra da cidade dinamarquesa de Elsinore, a mesma onde se ergue o célebre castelo de Hamlet, lle tiñan vendido a unha empresa privada a enerxía que se desprende dos fornos de queimar cadáveres, un amigo meu preguntoume polas dimensións da urbe citada. En realidade, non se trata de ningunha urbe, senón dunha modesta capital de provincias, célebre polo seu porto e os seus ferries.
A pregunta, como se pode apreciar fácilmente, ten a súa lóxica. Segundo este amigo, sería necesario un funcionamento continuo dos fornos para que a enerxía xenerada pola combustión dos mortos puidese ser aproveitada. Trátase dunha observación razonable, na que eu non pensara. Polo tanto, a noticia encerra algunha contradicción.
Non sabería dicir cantas defuncións se producirán ó día en Henlsinborg, aínda que non máis que en Ourense ou en Lugo, dúas cidades de dimensións similares á sueca. Ou sexa, unha cantidade que se pode contar cos dedos das dúas manas, se un xuzga polas esquelas dos periódicos. Non creo, polo tanto, que a enerxía producida dea para pouco máis que algúns minutos de calefacción. Neste sentido, as contas parecen claras. A non ser que aceptemos que un corpo humano, co corazón incluído, pode ser coma un volcán.
No comments:
Post a Comment