As visitas a un cemiterio van alén do seu atractivo estético, xa que, por exemplo, nalgúns deles atópanse brillantes exemplos de escultura do século XIX; pódese camiñar por avenidas longas e tranquilas, mirar as tumbas e mausoleos, ver os epitafios e admirar a súa construción. Constitúen unha especie de espazo público familiar que permite viaxar ao longo da historia anónima dun pobo e meditar na propia mortalidade.
O pasado sábado, 19 de novembro, organizouse desde a Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago unha visita aberta para toda a cidadanía do cemiterio de Boisaca, no que nunca tiña estado.
Aló nos reunimos unhas 20 persoas que escoitamos as explicacións de Carmela, que nos fixo un repaso histórico polos cemiterios da cidade: A clausura do da Quintana, coas queixas das monxas de San Paio de Antealtares; a inauguración de Bonaval no ano 1847, pero con bastante descontento, a proxección de finais do século XIX para a zona da Cova do Raposo e finalmente a apertura de Boisaca, que compartiu función con Bonaval ata o ano 1973.
Carmela, a nosa guía |
Fermosas as zonas verdes, obrigatorias por lei, con árbores traídas da Ferraría da Alameda.
Seguimos a avenida con todos os mausoleos que seguen a tipoloxía de templo clásico, aínda que o da familia Bescansa rompe esta estrutura uniforme coa incorporación dunha pronaos e un anxo trompeteiro. É obra de Castor Lata (discípulo de Asorey) que empregou as fotografías de Emilio Lavandeira Prieto dun boxeador chamado Santiago do que máis nada se sabe.
A tumba dunha familia importante de ferreiros en Entrerrúas sobrancea pola súa orixinalidade, pois reproduce en ferro arquitectura neogótica e ten uns peculiares farois nos remates.
As tumbas de Coralia e Maruxa Fandiño Ricard, "as Marías", que estaban en moi mal estado, foron reformadas grazas á intervención de Nacho Mirás, o Ateneo de Santiago e a Agrupación Cultural O Galo que as xuntaron na mesma sepultura cun deseño de Xerardo Estévez que reproduce a silueta da escultura de César Lombera que podemos ver na Alameda.
Destacan tamén as tumbas dos pintores Garabal e Concha Vázquez , preto de catro sepulturas con tipografía modernista deseñadas polo propio Garabal.
A morte segue separando e diferenciando. Por unha banda, temos as tumbas do panteón militar, cos caídos do bando nacional; e por outra, os fusilados na tapia. Comentaba Carmela que entre o 36 e o 38 houbo uns oitenta fusilados "con causa", ata 10 de Ordes e varios de Negreira. Ao parecer, cando fusilaron aos de Negreira unhas cinco mulleres viñeron traerlles flores e isto custoulles vinte días no cárcere.
Alén das guerras, a relixión tamén separa, como se ve polo cemiterio para "disidentes": todos/as aqueles/as que pola súa fe (ou ausencia dela) diferían da relixión oficial do Estado, representada pola igrexa católica, tiñan a súa zona de enterramento co seu propio acceso, como se pode ver na fotografía.
Boisaca alberga as bágoas e as mágoas de historias tristes, algunhas que chegamos a coñecer e outras que vivirán só mentres haxa quen as recorde. Unha delas que nos indicaba Carmela é a de José Pasín Romero, ebanista que traballaba no obradoiro de Landeira, que fixo o mausoleo de Rosalía de Castro, cuxos dous fillos foron fusilados.
É moi interesante observar elementos característicos da iconografía do mundo da morte nas lápidas dos nichos e dos panteóns, por exemplo reloxos de area alados sinalando o “tempus fugit”.
O cemiterio acolle ademais unha serie de tumbas de personaxes ilustres da vida cultural local e galega, como Aurelio Aguirre, Isaac Díaz Pardo, Pablo Pérez Constanti (arquiveiro da Catedral), Antón Fraguas, Ramón María del Valle-Inclán, Ramón Piñeiro ou Carlos Maside.
Roberto Vidal Bolaño |
Francisco Asorey |
E finalmente, déixovos aquí algunhas outras instantáneas, coma unha dunha lápida que inclúe especies vexetais autóctonas coma o loureiro ou a hedra; ou outra cunha lousa de barro que destaca entre o resto de granito, dun psiquiatra que ten unha lauda con petróglifos e elementos da cultura galega e unha inscrición verdadeiramente conmovedora.
Imaxe tirada de El Correo Gallego |
E quedo agradecida pola lección de historia de Carmela e polos detalles doutras sepulturas ofrecidas por Marisol Pintos, así como pola referencia bibliográfica de Estanislao Fernández de la Cigoña.
No comments:
Post a Comment