Tuesday, November 29, 2016

Letters in Books: A caixiña dos rancores

Unha enquisa feita no Reino Unido en 2012, levada a cabo como parte dun estudo bianual do Bowker Market Research, mostraba que o 55% dos lectores da literatura xuvenil eran, de feito, adultos. Os medios lanzáronse no seu momento a interpretar estes resultados: Que é o que teñen eses libros? É que son estupendísimos e por iso atraen a xente alén do seu público meta? É que buscamos un escapismo dos hororres do mundo real? Ou é que hai algo na nosa sociedade que fai que os valores e as mensaxes destes volumes nos resulten de utilidade?

O certo é que os libros de literatura infantil e xuvenil son xeniais para evocar a nostalxia (recórdánnos á nosa infancia e adolescencia) e ademais, como diciamos, teñen esa aplicabilidade universal que fai que leamos os mesmos textos que os nosos pais ou avós e gocemos deles sen importar os anos que nos distancian.

Persoalmente, redescubrín a LIX a través de meus irmáns máis novos a quen lles teño que agradecer a introdución aos mundos de Agustín Fernández Paz, Domingo Villar, Ledicia Costas ou Rubén Ruibal entre outros. Non me avergoño de dicir que sigo enganchada á LIX, e estou contenta cos descubrimentos que vou facendo polo camiño. 

Un deses últimos achados foi A caixiña dos rancores (2016), de Héctor Cajaraville. Aínda que estaba a ler a súa outra novela, De remate, cando vin a portada desta, que é todo corazón, cambiei de tercio.



Cando un le A caixiña dos rancores, concorda en que iso da guerra interxeracional é un mito, e lembra outros grandes textos escritos ou cinematográficos que tratan a riqueza das relacións interpersoais mesmo cando hai unha fenda xeracional envolta (véxanse, por exemplo: Grandes esperanzas, Los tres mosqueteros, Las aventuras de Huckleberry Finn, La ladrona de libros, Mujercitas, El profesional (León), Mary and Max, El amante, Cinema Paradiso, Paseando a Miss Daisy, Tomates Verdes Fritos, La última primavera ou Lo que queda del día).

Desde o primeiro momento en que Estevo e Chiruca se coñecen, anticipamos a sorpresa, pois a retranca vén de quen menos o esperamos:

"Quen é? - Era a voz dunha muller maior.
- Son... Son Estevo.
- Quen di? Non entendín o nome. Es o rapaz que mandan do xulgado?
- Si, ese! - Estevo sentiuse aliviado ao comprobar que a muller contaba con el-. Pode abrirme?
- Ai, non sei se che abrir. - A voz da muller mostraba agora un ton precavido-. A última vez que te vin case me matas! - Durante uns segundos fíxose o silencio aos dous lados do teléfono-. Sube, home, sube.- O portero automático deu un estalo e a porta quedou aberta." (pp. 22, 23)

E aínda que as súas vidas, como di Chiruca,  "se cruzaron en mal momento" (p. 25) a historia da amizade entre Estevo e Chiruca é unha historia xeracional, onde  comprobamos que o establecemento da identidade pode chegar a ser tan traumático (ou máis) na terceira idade como o é na adolescencia.

A prosa flúe e late ao ritmo da sístole e diástole do corazón da portada, entrecruzando as narrativas de Estevo, Chiruca ou Carolina; intercalando cantigas (p.182 e sucesivas); con pasaxes que nos fan perder un latexo, como a visita ao cemiterio (p. 302) ou o encontro con Aurora (p. 285) mais sen abusar da lexitimidade do pathos e sen xamais contar sen dicir nada (p. 186).

"Un día collín a miña caixiña dos rancores, esa que todos temos e que se vai enchendo a medida que andamos pola vida, seguro que ti tamén a tes... Pois collín a caixiña e pecheina ben pechada...
(p. 308)



No comments:

Post a Comment