Acabo de descubrir unha páxina web, Quartz, que igual tamén vos resulta de interese. Preséntanse como un medio de difusión de novas nativo dixital, que "se adica a un xornalismo creativo e intelixente deseñado para dispositivos móbiles". Os propietarios son Atlantic Media, que deu os seus primeiros pasos con figuras como Ralph Waldo Emerson ou Oliver Wendell Holmes.
Neste vídeo falan da lingua para os xordo-cegos, chamada "pro-tactile ASL (American Sign Language)", que emprega integramente a comunicación táctil. O normal ata o de agora viña sendo que os xordo-cegos se comunicasen empregando unha mistura de lingua de sinais americana, Braille e "finger spelling", ou sexa, deletrear cada letra dunha palabra coas mans na man do xordo-cego, o cal era bastante tedioso e máis lento.
Pola contra, esta lingua, a "Pro-tactile ASL," que naceu a primeiros dos anos 2000, engade xestos novos para comunicar conceptos e ideas, e tamén para axilizar a comunicación, como por exemplo dar un golpiño no brazo para indicar o asentimento. No vídeo algún menciona que sinte que con esta lingua "a información flúe libremente".
Vemos así que a lingua tamén se pode comunicar a través do tacto. Bravo!
No comments:
Post a Comment