En días coma onte, do veranciño de San Miguel, e con esta benvida da vila de Cambados, unha non pode senón recordar os versos do poema "Autumn", de John Clare, o esquecido da poesía romántica inglesa a pesar da súa sensibilidade e orixinalidade:
... o chan seco e escachado como pan cocido de máis,
...
os cumios dos outeiros coruscando no sol como ferro quente,
...
o chan arde incandescente, o ar é ouro líquido;
calquera que mira ao redor ve a Eternidade aquí.
O día invitaba ao paseo, así que, por que non un roteiro literario? Este en particular foi organizado pola AELG e desenvolvido coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra. Centrouse na edición Da Terra Asoballada de 1917 (Ramón Cabanillas), e incluíu poemas desta edición, visitando os lugares máis significativos da vila de Cambados, analizando tamén as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei. Tentarei deixarvos nesta entrada un breve resumo do que non deixan de ser as miñas impresións e os detalles que chamaron a miña atención, ou datos que con moito mimo e cercanía me comentou Carmela, unha cambadesa coa que tiven oportunidade de compartir conversa e que ama a súa vila e as nosas letras. Perdoade as inexactitudes se as houber.
Praza do Concello. Estatua de Cabanillas (2009) |
O noso Cicerone foi Ramón Caride, que se ocupou de proporcionar a información de cada lugar e compendiar os poemas que lemos e que evocaron ao poeta cambadés e á súa obra, "o libro máis compacto de poesía civil que produciu a nosa literatura. Non hai poema del que non combata unha miseria colectiva do vivir galego" (Xesús Alonso Montero na recuperación da edición orixinal de 1917 (Akal, 1976).
CAMIÑO ADIANTE
... o amor á terra en que naceu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos,
camiño adiante... adiante... sempre adiante!
alónxase da aldea o bo labrego...
Monumento A Calzada (1960) |
Sobre a Casa da Calzada, comentóusenos que o vindeiro ano instalarase nela unha exposición permanente de obxectos doados pola familia de Cabanillas ligados á súa vida e obra.
A ti, meu CAMBADOS, probe e fidalgo e soñador,
que ó cantareiro son dos pinales e ó agarimo
dos teus pazos lexendarios, dormes deitado ó sol,
á beira do mar.
Casa natal de Cabanillas (1876). Rúa Novidades |
Cabanillas naceu no 1876, e era fillo natural de Joaquina Enríquez, que traballaba na casa dos Fraga, e fillo de pai incógnito. Con 12 anos, idade á que quixo entrar no seminario e non o aceptaban se non tiña pai recoñecido, José Cabanillas, escribente que traballaba na mesma casa, recoñeceuno como fillo.
A casa natal é pequeniña pero con moito encanto, co seu patín e as súas estancias acolledoras. Conserva obxectos, cadros, primeiras edicións, e tamén a máquina de escribir de Cabanillas.
A ROSALÍA DE CASTRO
Dúas nais me bican e me dan arrolo.
Unha, a do tempo neno, a pomba aquela
que me acochou, mimosa no seu colo
co xeito homilde da virtú sinxela...
Ata o 1946 celebrábase o mercado de Cambados nesta praza (de aí o nome). No século XIX tiña catro arcos nos accesos, dos cales se conserva só un, o arco de Fefiñáns, por onde no seu momento accedían á igrexa de San Benito os moradores do pazo, para non misturarse coa plebe nin manchar os zapatos na terra que antes cubría a praza.
Reloxo de sol e escudo |
A igrexa de San Benito conserva o reloxo de sol e o escudo dos Mariño coa serea que Castelao incluíu na súa bandeira. Nos muros, as figuras dos Balboas, soldados coa maza que se convertiron en personaxes odiados porque se asociaban aos cobradores de impostos do mercado.
Comentaba Carmela que entre a xente eran coñecidos como "o Balboas" e "a muller do Balboas", e en relación a eles, existe a expresión coñecida: "Vaite romperlle a cabeza á muller do Balboas."
Praza do mercado de Fefiñáns |
A CADEA
Un Balboa da Edá Media
Señor de forca e coitelo,
de facendas e de vidas
(...)
cuia hestoria lexendaria
de fazañas sin exemplo
quedou nas pedras dos pazos
e nos libros dos mosteiros...
Praza de Asorey |
LUME NO PAZO
... Érguense as mans ó ceo
e sanguiñenta, trágica,
refréxase nos ollos
a roxa labarada
Nesta praza rodeada de casas literarias (unha onde viviu Valle Inclán, outra onde o propio Cabanillas residiu antes da Guerra Civil), atópase a réplica en pedra da Naiciña de madeira de Asorey, que ten gravado nun dos laterais a inscrición: "Soubeche eternizarte".
Casa de nacemento de Asorey |
Igrexa do Convento |
ACCIÓN GALLEGA
... Antes de ser escravos,
irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
desde a montana ó mar...
Biblioteca Luís Rei |
A biblioteca leva o nome de Luís Rei, bibliotecario e escritor do Grove, cambadés de adopción e moi querido na vila polo que puiden escoitar. É un espazo fermosísimo cun xardín derredor que merece unha visita pausada noutro día.
A UN CACIQUE
... Rite, ladrón! Á túa sepultura
levarémo-los nosos fillos, pra escarmento,
a escupir sobre a terra en que apodrezas!
Ruínas de Santa Mariña. Monte da Pastora |
No século XIX houbo un incendio e a igrexa parroquial de Cambados quedou con este aspecto de lugar máxico, de arcos que parece que se sosteñen no ar.
VIA CRUCIS
Galicia rube ó Calvario.
Enrabiada co ceo,
sentouse nunha pedra, á beira do camiño,
cubierta hasta os ollos co pardo mantelo.
É o mantelo probe
dos días de inverno;
dos días de choiva, de vento, de neve,
de fame, de enterro...
O fillo de Valle Inclán e a súa muller están enterrados neste cemiterio. Tamén Plácido Castro del Río, cambadés tamén de adopción e tradutor de textos da literatura anglosaxona. Fíxose unha mención especial para Rosa Mari Feijoo, mestra da zona que naceu o mesmo día no que morreu Cabanillas, e que ten un cariñoso epitafio "A que máis escintila no ceo é a nosa rosiña".
Fermoso tamén este epitafio: "Co asovío nos beixos do ferreiro descansas... deitado á sombra dunha alcasia nai-alma nobre da nosa terra".
Pazo de Montesacro. San Tomé do Mar |
O pazo de Montesacro é hoxe un asilo de anciáns. Carmela comentábame que de pequenos os rapaces xogaban a debater que brazo era o que sobresaía do escudo axitando unha espada, sería o esquerdo ou o dereito?
Vistas do mercado do sábado desde o Pazo de Montesacro |
Casa derradeira. Rúa do Hospital |
A BASILIO ÁLVAREZ
Ven! Ven que te agardamos!
Si hai que mata-lo lobo...
Cada home ten un sacho!
Vistas desde a Confraría de Pescadores/as |
Parabéns á AELG e ao Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, así como a Ramón Caride, por permitirnos coñecer as nosas vilas ligándoas ás letras. Un matrimonio moi acertado que garante unha lectura previa e unha visita posterior. It's a win-win situation, dirían os ingleses.
E moitísimas grazas a Carmela pola cercanía e a xenerosidade ao compartir tantas historias. As conexións humanas son sempre as mellores e as que lembramos. Pasa o tempo os datos elúdennos pero quedan os lazos.
Moi fermoso e emotivo, Diana. A túa sensibilidade é a mellor recompensa ao noso esforzo! Cambados agradéceche e espérate outra volta !!!
ReplyDelete