Cinco adolescentes sentadas
nunha mesa moven os dedos
sobre os móbiles
coma se movesen os fíos
das súas vidas.
Se cadra, a vida é para elas
unha tecla que se pulsa
cun tempo
de permanencia, que
rescinde - aínda que
lles pereza indefinido-,
mentres os gatos desta rúa
lles lamben as mans, infatigables.
Con cada dedo pulsan en voz alta
esa alegría inconsciente,
tan contaxiosa,
daqueles que están a espertar
a unha vida
que os acorda.
A adolescencia debe ser,
en realidade,
unha mensaxe equivocada e
sen destinatario
do futuro que está por vir.
E nunca o porvir foi tan incerto
coma cando pulsas ás cegas
unha tecla tras outra, sen que
a idade che permita
atender demasiado ás teclas
que pulsas.
Apenas falan. Só comentan
as contestacións
do WhatsApp ou un fío parvo
das redes sociais que as fai rir.
Será por iso polo que,
no fondo,
me dan envexa.
Como molaría agora renovar
a vida pulsando algunhas
desas teclas sen destino!
En Terraza (2017)
No comments:
Post a Comment