Sunday, October 8, 2017

Literary Walks (II): Roteiro Os nenos da varíola

Teño moi claro o que constitúe unha boa experiencia de aprendizaxe. É aquela cuxo contido nos é relevante, interesante e útil. Aquela na que se conecta o aprendido co mundo e a contorna que nos rodea. Aquela que ten un compoñente estético que divirte ou fai sentir ben ao aprendiz. Aquela que nos axuda a entendernos mellor a nós mesmos. Aquela que leva parella un sentido de éxito e logro.

A de onte foi unha experiencia de aprendizaxe significativa e inesquecible. Trátase do roteiro organizado pola AELG na cidade da Coruña a cargo do investigador e xornalista Joaquín PedridoMaría Solar, escritora e xornalista. No percorrido, fomos descubrindo as pegadas na cidade d'A Coruña da Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola que partiu na corbeta María Pita o 30 de novembro de 1803 con destino a América e a súa relación co último libro de María Solar,  Os nenos da varíola (2017). Historia, sociedade e literatura - que bo combinado.


Fotografía tirada do Facebook de María Solar



A punto de encontro foi o IES Ramón Menéndez Pidal na rúa Zalaeta, onde María Solar afondou no reto que supuxo para ela escribir unha novela histórica incorporando a documentación, datos e investigación que tiña interiorizados sen "vomitarllos" ao lector. Puxo a súa novela en relación a outras que tratan do mesmo tema, Ángeles custodios, de Almudena de Arteaga e A flor de piel, de Javier Moro.

Salientou o feito de que se segue sen recoñecer a xesta desta expedición en carreiras como Bioloxía que ela estudou. E que alén da importancia para a ciencia, están as 22 persoas que levaron esta vacina, persoas ás que ela "tentou poñer nomes, personalidades e sentimentos".

Joaquín Pedrido, pola súa banda, comentou que Antonio López e el deron con esta historia hai 15 anos, e tentaron buscar a orixe dos rapaces, traducindo documentos da época e investigando ata o 2006 que publicaron a información (atopei este artigo dese ano). 

Introduciunos tamén aos protagonistas do roteiro: Isabel Zendal, a única muller que ía na expedición Balmis, que no ano 59 foi nomeada a primeira enfermeira internacional en tránsito pola OMS; e os nenos expósitos. Nenos que se adoitaban abandonar nas pías batismais das igrexas, nas portas das casas solariegas, nas leiras de traballo ou no torno dos conventos. Todos viñan cunha especie de pasaporte, unhas cintiñas de cor que detallaban algunha información sobre eles ou a intención dos pais de vir buscalos algún día (intención que só se materializaba no 10% dos casos). Deu un exemplo simpático das inscricións desas cintas: "José me llamo, vengo sano, ponme en la teta, verás como mamo".

María liunos a nota de rexistro do seu favorito, Jacinto, un neniño abandonado no Hospital Real de Santiago no ano 1797.

Adiantounos que no roteiro visitariamos lugares que reciclaron parte das pedras do Hospital de la Caridad (onde está agora o IES Ramón Menéndez Pidal).




O segundo punto do roteiro foi a casa natal de Teresa Herrera, na rúa Panaderas, no que se coñecía popularmente como Hospitaliño de Deus, pois ela acolliu, coidou e deu de comer a mulleres de poucos recursos. Lonxe de ser admirada por estes actos de bondade, chegou a ser coñecida como "a tola dos locos" ou "a bruxa dos demos".

No ano 1789 acorda dar parte dos cartos que lle quedan á congregación das Dores a condición de que constrúan o hospital da Caridade, que non chegou a inaugurarse ata decembro do 1793.


A igrexa de San Nicolás, patrón dos nenos abandonados, foi a seguinte parada. Nunha capela particular do interior está soterrada Teresa Herrera (no fondo, antes do altar á esquerda). Antes do 1809 fóra da igrexa, no adro, facíanse soterramentos, e é posible que haxa nenos expósitos enterrados nel.



Da igrexa de San Nicolás ao número 14 da rúa da Franxa, para visitar a casa do doutor Antonio Posse Roybanes

No ano 1794, Edward Jenner descubrira a vacina da varíola, publicando os resultados dous anos máis tarde. Posse Roybanes, admirador de Jenner,  xa ten a vacina da varíola cando Balmis chega á Coruña, e de feito, vacina ao seu propio neto en 1801.

María Solar púxonos en antecedentes sobre a peste que era a varíola naquel entón, que mataba, ou deixaba marcas na cara ou outras secuelas, como as que sufriu a infanta María Luisa (filla de Carlos IV) que disque quedou sen dentes e hai quen di que llos puxeran de esmeraldas.

En América non había a varíola, fomos os europeos quen a levamos e a empregamos como arma de guerra. Cando Carlos IV pide que leven a vacina (non só por piedade, os impostos tamén se resentían) os indíxenas morrían a mansalva.

Solar tamén nos explicou o interese que puxo en marcar ben as identidades dos personaxes. Josep Salvany i Lleopart foi un home que deu a vida pola varíola, quedou en América e aló morreu, malia pedir axuda a Balmis e ao rei. Pola súa parte, Balmis era máis controvertido. Quería salvar o mundo dunha peste, pero tamén quería o recoñecemento e frustrouse cando os médicos o humillaron despois de presentar os seus achados sobre a sífilis e o seu remedio.



A casa de Diego del Barco y de la Zendeja foi o seguinte punto. Pedrido indicounos que Don Diego era un fidalgo "con sangre sin mezcla de moro o de judío" que viviu neste solar coa súa familia e dous escravos. Formou parte, xunto cun deses escravos, desta expedición, e recibiu gran recoñemento social na congregación das Dores á súa volta.

Solar subiunos mentalmente a bordo do María Pita. Zendal a cargo de 21/22 nenos. Algúns deles inoculados co virus que lles daría febre e lles provocaría pústulas que non podían rañar por risco de contaxio a outros. María ten a sospeita de que, de feito, igual os tiñan encerrados. 



O sexto punto foi o número 22 da Rúa Nova, casa natal do palentino Manuel Díez Tavanera, armador e fidalgo acomodado. 

Como contexto, Pedrido recordounos que Coruña gozou do monopolio xunto con Cádiz do correo da coroa durante uns corenta anos, feito do que se beneficiou Tavanera, que comerciaba con todo tipo de mercadorías e que posuía dez embarcacións en propiedade. Chegou a ser prior do consulado e a el debémoslle a Escola do Náutico e do Comercio e a promoción da Biblioteca, ademais de ser parte da comisión de redacción do primeiro código de comercio. 



Achegámonos ao punto de partida da Real Expedición Filantrópica da Vacina ou Expedición Balmis cando paramos diante desta placa-homenaxe de México no ano 1924. Nela, os descendentes dos beneficiarios da vacina expresaron a súa gratitude.

Pedrido e Solar recalcaron esa gratitude expresa do pobo mexicano, que nomeou o seu premio nacional de enfermaría co título "Isabel Zendal", ademais de dar ese nome a dúas escolas no estado de Puebla.

Afondamos un pouquiño máis da man de ambos na figura de Isabel Zendal, nai solteira, filla dun matrimonio "pobre de solemnidade", pero que chegou a rectora da casa de expósitos nomeada pola congregación das Dores. Algo excepcional tiña que ter que esta muller, puntualizaron tanto Pedrido como Solar, para que, naqueles tempos e con aqueles prexuízos, chegase a ser rectora e a ir nesa expedición onde se lle garantía un salario digno e un traballo como enfermeira. Solar mostrou como se esforzou por dotar de humanidade a esta muller, unha calidade que ás veces a historia perde, e de aí o detalle de coser a roupa dos rapaces, o enxoval, e mesmo un traxiño para ela "que fose sufrido".





Esta placa e estatua, agochadas trala máis monumental virxe do Carme, son as dúas homenaxes que adica a cidade da Coruña a esta xesta sanitaria. Data do ano 2003 (o bicentenario da expedición) e é apenas coñecida mesmo polos coruñeses e coruñesas de toda a vida, como tivemos a oportunidade de comprobar no noso grupo.



A penúltima parada foi na rúa Damas, na Casa Cornide, que estivo moito tempo abandonada, como nos relatou Pedrido, ata que no 1962 o Concello decide adxudicar a finca ao mellor postor, que resultou ser Pedro Barrié de la Maza, que pagou 305.000 pesetas e logo a transferiu á muller de Franco, Carmen Polo, polo cal o antigo pazo de Cornide pertence á familia Franco-Polo.

O lateral que se aprecia na fotografía, coas dúas columnas e o pórtico, ten cantería do hospital da Caridade, ao igual que nove das desaseis arcadas dos soportais, que tamén se fixeron con pedra de sillería do hospital.


A última parada foi ante unha placa que constitúe un monumento á inexactitude e á desmemoria. Isabel López Gandalla, é o nome que lemos nela, cando debería ser Isabel Zendal Gómez. Ben é certo que, como explicou Pedrido, o proceso de atopar o nome exacto levou moito tempo, traballo e unha procura minuciosa e persistente, pero agora, grazas ás investigacións de Antonio López e Joaquín Pedrido e á documentación que as avala, sabemos o seu nome completo e é de rigor dar honra a quen a merece.

E co vento na cara de Isabel e de Balmis e a expedición zarpando rumbo a América nos deixaron María Solar e Joaquín Pedrido, despois dun roteiro revelador.

Unha boa experiencia de aprendizaxe é aquela que che fai proer a curiosidade, que che abre a porta o suficiente para deixarche entrever todo o que podes descubrir se afondas no tema. Caramba, Solar e Pedrido: Parabéns! Grazas por abrimos esa porta e acompañarnos no limiar. Agora tócanos afondar a nós. Comezaremos pola novela, logo.

Para saber máis: Artigo de El País sobre as investigación de López e Pedrido; páxina web de María Solar sobre a súa novela Os nenos da varíola.

No comments:

Post a Comment