O pasado venres 28 de outubro puidemos asistir á estrea de Esquece Monelos (2016) no cinema Numax, coa oportunidade de luxo de poder conversar con Ángeles Huerta (directora e guionista) e Antón Núñez (coguionista).
A presentación en Santiago, dixo Huerta, foi especialmente emocionante para este "equipo moi cohesionado de xente" pois no Numax levouse a cabo o proceso de post-produción de imaxe.
O filme "toma a historia urbanística vencellada ao río como pretexto para falar doutras cousas", anticipounos a directora antes do visionado. E así resultou ser. Non entendo moito de cine e non estou en posición de escribir crítica ningunha, pero si percibo que Esquece Monelos non é só para ver, é para escoitar, para sentir e para mergullar nela. Conta unha boa historia, e pinga a pinga, segundo o río vai desaparecendo, nós imos reconstruíndo o espello esnaquizado desa historia acompañando os tramos do propio filme: o baleiro, a destrución, o segredo e a desembocadura.
Esquece Monelos é poesía visual máis que un documental. De feito, é as dúas cousas, igual que unha copa de alcohol é deliciosa e relaxante a un tempo. Sorprende pola delicadeza e a sutileza da historia, á vez comunitaria e individual; o intimismo da narrativa e os sedutores sons ambientais que se combinan para apuntar ao que xa non está, ao que se tenta borrar da memoria. O zunzún dos insectos, o fluír das aguas, o zoar do vento ou o ruído dos guindastres realzan a experiencia visual. Pola súa banda, os diálogos e a posición da cámara mostran respecto e reverencia pola xente, pola vila, e polo río. Que logro deixar que sexan eles os que contan a súa propia historia!
No coloquio posterior, tivemos a oportunidade de coñecer aspectos máis concretos da realización do filme, por exemplo, que a motivación para gravar o filme partiu dunha necesidade persoal, a partir da angustia pola perda de memoria dunha persoa cercana a Ángeles Huerta. Aínda así, ese símil neurolóxico viuse moi enriquecido polo significado do río como segredo.
O proceso de coñecer e entrevistar á xente que achega os seus testemuños foi maiormente, dixo Huerta, grazas á pericia de Antón Núñez, que contactou con coñecidos, pero tamén contactou con outros a través das redes sociais ou "a porta fría". Esa polifonía de voces foi proporcionando os trazos do cadro que constituía este lugar cunha memoria oculta. Fíxose especial mención de Bienvenido Gabarri e o alcalde Liaño Flores, así como de Ramón Molezún.
Tamén se comentou o material de arquivo empregado, coma as fermosísimas fotografías do poboado xitano, algunhas atopadas a través das redes sociais, outras do arquivo do fotógrafo Francisco Pillado, e a parte documental dos arquivos de Ramón Saiz de la Hoya, camarógrafo de Franco. Este último documento audiovisual foi un encargo do Ministerio da Vivenda de Franco con motivo da inauguración do barrio das Flores, unha unidade residencial para dúas mil persoas que arrasou co vello Monelos.
En fin, que saín do cinema coa memoria residual do filme, co resón de varias frases na cabeza...
"Somos o que contamos e o que non contamos"
"Alguén soterrou o río e cambiou o fío da memoria por outros"
"Facemos cirurxía sobre as nosas pegadas: borramos, esquecemos,..."
"Pasamos a vida seleccionando o que non queremos recordar"
"Non hai maior segredo có que non queremos contar"
"As verdades negadas retornan coma síntomas"
"Ás veces falar é a mellor forma de gardar un segredo"
"Os segredos non son presente nin pasado. O que non se di non fai parte da historia"
... e pensando que a memoria como conciencia de nós mesmos, como esencia do ser humano, vai alén desa imaxe que temos xeralmente dela como almacén de recordos. Se queremos aprender, temos que modificar de xeito dinámico esa memoria. Aprender implica esquecer, claro. Pero aprender tamén é recordar, interpretar, encaixar, e cambiar.
Vede Esquece Monelos, paga moito a pena.
Para afondar máis:
"Esquece Monelos" saca a a luz parte de la historia enterrada de A Coruña
Esquece Monelos. Ficha do cinema Numax
No comments:
Post a Comment