Hai unha semana, presentouse o libro O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963) (2016) de Carmen Blanco Ramos, (1957) escritora coñecida
pola súa novela A golpe de dor (2002)
e orixinaria de Vilar de Céltigos, aldea próxima a Varilongo, no cal explora o
universo mineiro do tungsteno ou volframio (wolfram).
Alén do traballo de investigación, Blanco achega a dimensión persoal cos
testemuños que recolliu de vintetrés persoas a través de entrevistas.
O libro desenvólvese en nove capítulos: os
primeiros contextualizando a importancia do volframio para os alemáns na
Segunda Guerra Mundial, a descuberta das primeiras pedras do “axio mouro”, a “roubeta”, o asentamento da Compañía Mineira Celta e as formas de
explotación. No capítulo IV recóllese a visión dos informantes sobre os presos
antifranquistas mentres o V e VI se centran na familia Liste e o
banqueiro Ildefonso Fierro. O VII busca explicar os motivos da caída do
prezo do volframio. E como colofón ten dous preciosos capítulos que abordan a
pegada literaria da mina, o IX a través das “cantareas” ou poesía popular de transmisión oral e o X a través
da narrativa culta.
O capítulo V, que como diciamos, se centra
nos seis Liste que traballaron na mina de Santa Comba, ábrese co seguinte
soneto de Antonio Machado (p.77):
A Líster, jefe en los ejércitos del Ebro
Tu carta
– oh noble corazón en vela,
español indomable, puño fuerte-,
tu carta, heroico Líster, me consuela
de esta, que pesa en mí, carne de muerte.
Fragores en tu carta me han llegado
de lucha santa sobre el cambo ibero;
también mi corazón ha despertado
entre olores de pólvora y romero.
Donde anuncia marina caracola
que llega el Ebro, y en la peña fría
donde brota esa rúbrica española,
de monte a mar, esta palbra mía:
“Si mi pluma valiera tu pistola
de capitán, contento moriría”.
Seguro que moitos veriades o filme Lobos sucios (2016), do que vos deixo o
trailer, pero paga a pena ler o libro para afondar na historia do volframio en
Galicia e descubrir como os alemáns, ao verse limitado o seu acceso ao “ouro
negro” de China durante a Segunda Guerra Mundial, puxeron a súa ollada en
Europa, en concreto na Península Ibérica onde se atopaba o 95% da produción
europea de volframita, para abastecerse e construír obuses perforantes, tornos
e chapas acoirazadas. Ademais, a mina de
Varilongo é a gran descoñecida, como Blanco indica na introducción: “Se as minas de Fontao e as de Noia serviron
de escenario a escritores e investigadores, as de Santa Comba, a pesar de seren
as minas máis importantes en produción de volframio entre 1962-1963, carecen
dun narrador e dun mínimo estudo” (p.20).
Varilongo é tamén parte da miña historia
persoal pois o meu avó José Pastoriza
traballou na mina, se ben brevemente, xa que despois emigrou. Meu pai recorda
que efectivamente, como se mostra no libro e no filme, era común a “roubeta” e que o avó trouxese anacos do wolfram na bolsa da comida para logo vender e sacar unhas pesetas.
Debo agradecer a Miguel Conde, alumno meu hai uns anos, que me falase das minas en detalle, pois
aínda que as vira e algunhas historias me contaran, descoñecía que o
mineral ía para o estado alemán e para fins bélicos.
E por último, xa vedes que o martes 3 de maio ás 20:00 como parte da feira do libro de Santiago deste ano, podedes escoitar á autora presentando este libro.
E por último, xa vedes que o martes 3 de maio ás 20:00 como parte da feira do libro de Santiago deste ano, podedes escoitar á autora presentando este libro.
No comments:
Post a Comment