“We live and breathe words.”
E nesta fin de semana previa ao comezo dos exames, como dicía Cassandra, vivimos e respiramos palabras da man ao corazón. Queredes velas?
Primeiro, seguindo as pegadas de Manuel María e o seu Cantigas e cantos de Pantón (1994), nun roteiro literario que nos levou por Ferreira de Pantón, o seu mosteiro cisterciense, San Fiz de Cangas, San Vicente de Pombeiro, Santo Estevo de Atán, San Miguel de Eiré, Nosa Señora dos Ollos Grandes de Augas Santas e os miradoiros da Guítara e do Torrón, todo explicado por unha PROFESORA de admirable elocuencia e simpatía, Flora Enríquez.
Non vos deixo fotografías do roteiro, se queredes descubrir a beleza destes lugares, recoméndovos unha visita, pois as fotos non lle fan xustiza. Non hai mellor ano ca este, adicado a Manuel María, para facela. O que si vos deixo é unha pequena mostra das marcas ou siglas de pedreiros/canteiros que existen nas edificacións que vos indiquei. Estas marcas empregáronse principalmente na Idade Media e o Renacemento en castelos, igrexas, palacios e pontes para identificar a autoría do traballo, e así poder determinar o valor a pagar a cada canteiro; mentres outras servían para indicar a posición en que a pedra debía ser colocada na obra. Unha peculiar forma de caligrafía en tres dimensións que a gliptografía atopa interesante.
Mochetas que suxeitan o tímpano de San Miguel de Eiré (S.XII): unha manciña xunto aos símbolos dos evanxelistas |
Outro pequeno tesouro, mellor aínda por inesperado, foi esta libraría comunal en Ferreira de Pantón. Coñecédelas? As "Little Free Libraries" son un punto de intercambio de libros de forma gratuíta: o principio é "colle un libro e deixa outro". Hainas de moitos tipos e tamaños, pero a máis común é a de formato coma o da fotografía, e das que teño visto moitas en Inglaterra e Estados Unidos, mesmo en Francia, pero é a miña primeira en Galicia e... que emoción tan grande sentín cando a vin! Os intercambios de libros teñen un toque único e persoal: Vemos o que len os vecinos, o que lles gustou tanto que o queren compartir cos demais - son pequenas prazas públicas en si mesmas. Morro por ver moitas máis destas nos nosos concellos!
E onte, domingo 22, pechouse a 34ª edición do Festiletras da man da Fundación Eduardo Pondal na aldea do Couto, cun variado programa cultural que durou oito días. Foi un luxo de luz, hospitalidade, recendo a xardín, caras de vellos coñecidos (José María, Uxía) e novos descubrimentos.
No propia sé da fundación había dúas exposicións de Viki Rivadulla, unha de pintura, "Ser outra cousa" e outra de escultura, "Matria", da que vos deixo as miñas dúas pezas favoritas por estar relacionadas coas mans e coa palabra.
As mans de Francisco Miguel (2016) de Viki Rivadulla |
A voz de Uxío (ou aquilo que nos move) (2016) de Viki Rivadulla |
Por outra banda no exterior había unha pequena pero excepcional feira de artesanía. Como non, aló me fun, directa a todo o relacionado cos libros e o papel e... que cousas e, sobre todo, que xente me atopei! Permitide que vos presente:
Marina Seoane, escritora e ilustradora |
Marina Seoane escribiu e ilustrou cinco contos propios e ilustrou outros 240 títulos. Como vedes na imaxe, tamén tece nun pequeno tear e vende as súas creacións, ademais de camafeos e marionetas, aínda que a min o que de verdade me namoraron foron as súas ilustracións en forma de postais, que podedes ver na súa bitácora.
Volvemos atopar a Lara de Empaquetando Ando, que coñecemos o ano pasado nos Cantóns da Coruña, en Viñetas desde o Atlántico. Invítovos tamén a visitar a bitácora onde nos explican como fan estes singulares cadernos pintados a man con papel reciclado de imprenta.
Outro fermoso descubrimento foi esta colaboración entre dúas artistas: unha recicla ela mesma o papel e outra ilustra as súas creacións. As ilustracións están inspiradas na nosa cultura tradicional ou en fotografías das súas viaxes, como podedes observar nas entradas detalladas da súa bitácora conxunta. Mirade por exemplo, o caderno de animación ao debuxo e á escritura que vedes na fotografía. Non só ten un exterior moi atractivo, senón que dentro ten debuxiños e actividades de iniciación á escrita creativa, coma esta: "Unha fada veu un día a agarimar o meu sono..." que o/a neno/a pode continuar a escribir.
E para os que coma min coleccionedes marcapáxinas, pois levádela clara, porque estes son de papel reciclado artesanal tamén e con deseños moi bonitiños.
Liberdade. Grupo surrealista galego, de Manchea |
Foi un verdadeiro pracer coñecer tamén a Laura e Tono, de Manchea, que nos explicaron con todo detalle e entusiasmo as súas orixinais creacións. Mesmo a descrición que fan deles mesmos na súa bitácora é sobranceira: "en manchea facemos cousas a pedal, cando non, paseamos, miramos todo cos olhos pechados e soñamos con eles abertos". Que me levei da súa tenda? Unha cousa con palabras e que se poida compartir, claro: Liberdade. Grupo Surrealista Galego. Tono explicounos que a caixiña, delicada e elegantemente envolta en papel parafinado, "de carnicería", ilustrado, contiña 22 cartas con poemas de Paul Éluard (1895-1952) traducidos ao galego por Xoán Abeleira, ademais dun avión de papel no que está impreso o seguinte texto: "En abril de 1942, Paul Éluard editou o poema Liberté na colección clandestina "Poésie et vérité". Ese mesmo ano, a aviación británica espallou milleiros de copias sobre a Francia ocupada". Podedes ler o texto completo do poema na súa versión orixinal en francés aquí.
E tamén vedes as tarxetas postais "Máis Amor, por babor", inspiradas na proposta "Mais amor por favor" (2009) do artista brasileiro Ygor Marotta.
Só unha irmá se tatuaría o nome do meu blog no seu delicado braciño. Un pouquiño de bonita caligrafía con الحناء.
E non podería rematar a entrada sen falar da estupenda banda sonora da mañá, que veu da man de Caxade, banda de "Folp-Pok" como eles mesmos se definen, que escoitamos con deleite o pasado 10 de xaneiro na XI Implícate!, organizada pola ONG Implicad@s no desenvolvemento e que non decepcionaron co directo presentando maiormente temas do seu novo disco E isto é o amor, que xa podedes escoitar na súa web.
Tanto o repertorio musical coma a cercanía destes artistas, a interacción co público, entrega e amabilidade farannos recordar este concerto no Couto con cariño, e agradézolles especialmente aos integrantes de Caxade as palabriñas a man no meu disco-agasallo que ten agora aínda máis valor.
Con Manuel Paino (trompeta, zurdo coma min!), Xosé Tunhas (batería), Manuel Espinho (trombón) e Alonso Caxade (acordeón e voz) Fotografía de Patri Fernández |
A tarde despedíanos maxestuosa no porto de Laxe |
what words these are, i cant even follow :)
ReplyDeleteIt's galego, my native language. I've basically written a summary of different places, people and objects I came across this weekend related to words and writing. The photos do help, I am sure ;)
ReplyDeletegalego! thats a new language for me!!
Deleteof course pictures speak thousand words, just that non-galegos wont know the details :)
thanks for the info
Sure! Glad to let you know about it, it's an interesting language with a rich historical and cultural background, you'll be surprised. Thanks for reading and for your comments!
DeleteQue bonito resumo do Festiletras e moito máis!
ReplyDeleteRealmente foi un fin de semana fantástico. Parabens a esas mulleres que traballan tanto para conseguir unha celebración de moito nivel (e iso que me perdín o resto da semana, que senón xa non sei que diría...)
Graciñas Diana por compartir todo isto!
A ti van as grazas, Lucía, pola parte que che toca no Festiletras, por ler e comentar :) E concordo contigo, un traballo inxente digno de louvanza!
Delete