Thursday, May 19, 2016

Letters in Books: As horas roubadas

Nesta marabillosa longa fin de semana de mans na terra, cabeza no aire e corpo no mar, acompañoume un libriño ben entretido, As horas roubadas (2016), de María Solar (1970), escritora e xornalista, que ademais doutros premios, vén de recoller o galardón na I Gala do Libro Galego na categoría de literatura infantil e xuvenil por O meu pesadelo favorito (2016).

De seguido, a ficha do libro da Editorial Xerais:

A morte dun ancián que sostén na súa man un papel coa mensaxe «Dime que me queres» destapa unha pasional historia de amor que non se apaga co paso do tempo. Ambientada na confusa España de 1979, dous anos antes da Lei do divorcio, dúas familias vense arrastradas por ese vello segredo e pola necesidade de cambiar as súas vidas. As horas roubadas é unha novela de personaxes que nos leva a través dos sentimentos de varias xeracións nunha época onde vivir sen ataduras era unha tarefa pendente. Unha historia que demostra que non hai idade para o amor, e que cando non facemos nada por mudar as cousas, algo insospeitado pode facer que cambien. Para sempre.


Ese resumo xa chama a atención, pero é que ademais ten unha preciosa dedicatoria, "Para todas as mulleres que romperon as súas ataduras e nos fixeron máis libres", que foi o que finalmente me empurrou a mercalo. 

E non decepcionou. Un libro entrañable e íntimo, que me tocou de cerca, pois eu tamén lembro a televisión pequeniña en branco e negro cos seus botóns VHF e UHF no comedor, a antena de cornos, Informe Semanal, algún Damián, e o misterioso mundo da emigración a Arxentina e Uruguai do que nunca se conta todo, a través dos meus avós e tíos-avós. E tamén hai no meu círculo cercano Rosas que sufriron o indicible e que, ben foran capaces de romper as súas ataduras, como Solar indica na dedicatoria, ou non, porque as circunstancias non llelo permitiron e marcharon á tumba cos seus soños, teñen a miña profunda admiración, respecto e gratitude.

"A rutina esmaga os sentimentos, esgota amores, insensibiliza as persoas, enxordece os berros, fai normal o anormal e consegue que un se acostume a vivir como se vive e non loite por outra cousa" (p.23). 

E claro, neste libro tamén hai cartas notiñas que se gardan nunha"caixa clara forrada de lascas de pedra abrancazada e irisada con vetas en gris e negro. Unha caixiña moi bonita, de mediano tamaño" (p.86), porque "os envoltorios son importantes (...) Un agasallo rodéase dun papel hermoso, porque o seu contido é de valor, independentemente do seu prezo. É valioso porque o entregas feliz e coa mellor intención de agradar a outro" (p.95).

"Un anaco de papel coa letra inconfundible e caligrafía perfecta do avó,  escrita con bolígrafo azul, onde se podía ler un inexplicable: "Dime que me queres." (p.54).

"Atrás deixaba non só a familia, senón tamén o mozo, Evaristo, co que se carteou durante dez longos anos e co que finalmente casou ao seu regreso á vila" (p.62).

Capítulo 11, non digo máis.

"E Ramón concluía que os reloxos non marcan o tempo porque os segundos son incapaces de medir o cheos ou baleiros que están  de vida" 

(p.179)





No comments:

Post a Comment