"To begin with, all the incidents and characters in this story might be fictitious, and any resemblance to you or me might be purely coincidental"
Así comeza o filme A Letter to Three Wives (1949) dirixido por Joseph L Mankiewicz, en boca de Addie Ross (Celeste Holm), unha muller que nunca vemos, unha "raíña" que ameaza a estabilidade de tres matrimonios a través dunha carta que as tres mulleres do título (Deborah, Lora Mae e Rita) reciben a mañá que se van de excursión cuns nenos nun barco. Nesa carta comunícalles que se vai cun dos seus maridos, sen dicirlles cal deles é.
Así durante todo o día as mulleres andan inquedas a pensar e cavilar na súa vida matrimonial: Deborah (Jeanne Crain), que cre que lle fallou ao seu marido pola súa falta de "clase"; Rita (Ann Sothern), que se culpabiliza por centrarse demasiado na súa carreira profesional; Lora Mae (Linda Darnell) que se fai a dura e finxe querer ao seu consorte só polos cartos.
O filme ten un carácter aleccionador: o amor é volátil e evapórase a non ser que se coide con mimo e dedicación. Pero o peso dese consello recae principalmente sobre as mulleres: son elas as que levan a carga de facer que o matrimonio funcione, e non deberían dicir unha palabra máis alta cá outra aos maridos ou levantarán o rabo e marcharán, acorde cos roles sociais da época.
Aínda así, Mankiewicz fai un retrato estupendo dos matrimonios novos de clase media da típica vila americana, e consegue presentar un filme cheo de humor, escepticismo, sátira e romance.
No comments:
Post a Comment