Hai unha semana, facíase viral a noticia dunha mestra de educación primaria de Woodbury (Orange, NY, Estados Unidos) que decidiu sorprender aos seus alumnos de quinto curso na semana en que comezaban os exames Common Core, que levan facéndose desde 2009 co obxectivo de avaliar as destrezas do alumnado principalmente en lingua inglesa e matemáticas.
Estes son uns exames que non deixan de ser polémicos - moitos docentes consideran que a parte de lingua inglesa se centra demasiado en lecturas de ensaios, roubándolle o sitio á boa literatura. Outros din que esixen ao alumnado ler textos complexos que non pode asimilar, ou que requiren destrezas que eles aínda non teñen nin están preparados para adquirir. No campo das matemáticas tamén hai críticas, pois os/as docentes de matemáticas din que os criterios se quedan curtos na preparación do alumnado que acabará cursando carreiras de matemáticas ou da rama científica en xeral.
Pero a crítica máis acérrima vén do ámbito político, porque leva aos estados a compartir un grupo de criterios e obxectivos que, desde o punto de vista dos conservadores, constitúe unha invasión dos dereitos dos estados americanos.
O caso é que, con oposición ou sen ela, os Common Core son unha realidade bastante estresante para alumnado e profesorado. E a mestra Chandni Langford pensou que estas mensaxes de ánimo escritas nos pupitres do seu alumnado poderían axudalos a sobrelevar eses exames de mellor xeito.
Se eu fose alumna da mestra Langford só me quedaría unha pena: non poderme levar esta carta comigo para conservala; aínda que seguro que os/as alumnos/as a gardarán na memoria para sempre.
No comments:
Post a Comment