Monday, May 23, 2016

Letter-writing Practices and Rituals

Por que algunhas persoas nos sentimos atraídas polos rituais da escritura de cartas?


A verdade nunca me parara a pensalo. Eu só sei que me gustan eses rituais relacionados coa escritura de cartas: elixir unha postal ou papel para unha persoa en particular, buscar un sobre adecuado, quizais un recorte, decoración ou mensaxe para engadir. Sentarme cunha taza de té na terraza e pensar nesa persoa, no que lle preocupa, as vivencias xuntos, o que fixo por min, o que lle gusta. Escoller o contido e a orde. Coller o bolígrafo e ir tecendo palabras co fío do pensamento e a emoción - a parte que máis concentración require, pois non me gusta editar, tachar, nin pasar a limpo, prefiro pensar ben o que escribo antes. Reler o resultado unha última vez e "kiss it goodbye", deixala ir. Pegarlle un selo e enviala. E despois agardar con paciencia (como custa!) a que lle chegue, imaxinando a reacción cando a atope no buzón, a abra, a lea,... Dame igual que responda ou non responda, que haxa ou non reacción, porque o que me encanta é o acto de escribila en si.

Pero cal é a razón de que nos enfeitice esa escritura? Na páxina de Storyacious publicaron unha entrada cunha posible teoría, baseada nas catro dimensións dos rituais que establece o sociólogo Mervin Verbit. Estas dimensións son: o contido, a frecuencia, a intensidade e a centralidade (importancia dentro da nosa vida). É certo que Verbit aplica estas dimensións aos rituais relixiosos, pero realmente poden extenderse a outras áreas das nosas vidas, e o que se indica é que as actividades que inclúen esas catro dimensións nos motivan a prestar máis atención e proporcionan un espazo no cal desenvolver a nosa creatividade. Ollo que non quere dicir que os rituais desenvolvan a creatividade, senón que estes crean as condicións apropiadas para que floreza, en contraste, por exemplo, cos correos electrónicos, que son máis inmediatos e non tan consistentes en termos de frecuencia e intensidade; ou coas entradas dunha bitácora coma esta, que non son comunicación de ti a ti, senón para unha audiencia máis ampla.

Ademais, como pasa ca maioría das cousas na vida, canto menos cartas se escriben, máis se valoran como un especie de tesouro ou extravagancia. De aí que autores que aínda viven como Hanif Kureishi e Billy Collins xa se encargaran de deixar a súa correspondencia persoal (correos electrónicos e cartas) a institucións académicas para conservala para a posteridade. E lembrade a entrada sobre o filme Her, onde o protagonista, Theodore Twombly (Joaquin Phoenix) traballa para unha compañía que ofrece un servizo profesional de escrita de cartas persoais para xente dun mundo futuro que non quere pasar o traballo de escribir correspondencia persoal do seu puño e letra pero que, curiosamente quere enviala a outros que, tamén curiosamente, a queren recibir.

E despois está o caso da carta de Ernest Hemingway a Marlene Dietrich da que falaremos polo miúdo noutra entrada, pero adiantemos aquí que se vendeu por unha cifra máis obscena que os contidos da carta. Case que se está a producir unha fetichización das cartas, non?



No comments:

Post a Comment