E como no labirinto da biblioteca de Babel, un libro, unha sorpresa, chama a miña atención na Biblioteca Pública Municipal Victoriano García Martí, que é este con ... Adiviñas!
Para empezar ten unha dedicatoria bonitiña: "A Galicia, país das adiviñas, e a todos os que, con saudade ou morriña, vos sentides identificados coa nosa terra meiga".
Na nosa casa sempre se xogou ás adiviñas, e séguenme divertindo enormemente, como o meu alumnado ben sabe, pois gústame levar adiviñas e enigmas á clase para comezar a quecer as neuronas nos primeiros minutos en canto chegamos á aula.
O libro que vos comento, Adiviñanceiro Popular Galego (2007), é de José Luis Gárfer e Concha Fernández e alén de ser un compendio de adiviñas, ten un coidado prólogo analizando a construcción sintáctica, a esticomitia do nivel fónico e o carácter de alegoría metafórica desta pequeña cantiga. Explica tamén o escenario múltiple onde nace e se acrecenta, os momentos rituais en que se emprega (ou embregaba): nos xogos infantís, magostos, queimadas, esfolladas, muiñadas, fiadeiros e velorios.
E déixovos cunhas xoias adiviñancísticas que atopei, para que fagades traballar tamén a cabeciña, que hai que empezar a semana con enerxía:
1. Leira branca,
semente moura,
cinco bois
e a chavella. (p.48)
2. É branca coma a neve,
preta como pez,
fala e non ten boca
anda e non ten pés. (p.303)
3. Branca como a neve
con pretos como o alcatrán;
fala e non ten lingua,
voa e non ten ás. (p.303)
4. Alba como leite,
pintada con romel,
fala sen ter boca,
anda sen ter pés. (p.303)
5. Campo grande,
estrela preta,
cinco bois
e uma carreta. (p.303)
6. Voarei onde me mandes,
sexa onde sexa irei,
inda que non teña ás
inda que non teña pés. (p.304)
7. Nin come,
nin bebe,
nin anda
e pasea
toda España.(p.304)
8. Sou muda por naturaleza,
mais tal non teño comigo,
que, calada, todo digo:
dou gosto e dou tristeza;
porén sou tan desgraciada
que morro esperanzada
e en vivo fogo espiro.(p.304)
9. Falo sen niguén me ouvir,
descubro moitos segredos,
dos crimes fago enredos,
fago chorar, fago rir,
xa camiñei pelo ar,
xa deixei quen me criou
e en calquer parte que estou
en ferro e fogo vou acabar (p.305)
10. Móvome como reloxo,
mais non sou reloxo tal,
a miña raíz espalla,
mais non é cordivexal,
o meu maior amigo
a mim me desexa ver,
o que ele poda sofrer,
eu con ele sofrerei. (p.132)
11. Dele dependen
todos os que o ten,
non os que van,
si os que vén.
Bate sen mas,
fala sen boca,
nunca saír
pode da toca. (p.132)
Aínda que esta adiviña nada ten que ver coa escritura, déixocha aquí porque lle teño moito cariño. Díxoma miña avoíña Estrella cando tiña xa 90 e moitas. Non a esquecerei nunca. Morreu sen saber escribir, pero era lista coma un allo.
ReplyDelete"Un pequeno coconete metido nun gabinete. Nin cocido, nin asado, nin no lar aferventado, nin comido con culler. Nin o has de adiviñar ata que cho eu dixer" Que será?
Pista: Seica está moi rica con queixo
Mmmm... xa me tes pensando, Mariló! Encántame... será o mel?
ReplyDelete