Sunday, April 10, 2016

My Personal Correspondence: Stefanos Lambropoulos

Onte preguntábanme: "Diana, pero ti escribes cartas?", e a resposta é: "Pois claro!".

Voltamos de Suíza cando eu tiña 6 anos, nun tempo en que non tiñamos aínda acceso a teléfonos móbiles nin e-mails, e o único xeito que había de manterse en contacto con aquelas amizades da infancia era intercambiar correspondencia.

Mesmo cando comecei a ir á escola primaria en Galicia (si a mesma que vos dicía que estaba no Teleclube co cemiterio de patio de xogos) o grupo de amigas do lugar (as miñas queridas Ana e Margarita) intercambiábamos cartas coidadosamente decoradas con debuxiños que nos axudaban sobre todo a solventar o que daquela eran grandes conflitos.  A función daquelas pequenas cartiñas grampadas no lado como se fosen libriños era case sempre pedir perdón, reafirmarse no cariño mutuo e prometer que nunca máis iamos pelexar - promesa que axiña se rompía, claro, como se ve polo número de libriños-cartas que conservamos!

Quedoume o hábito, e cando coñezo a xente que ou é de ou se foi a outras partes do mundo, ou mesmo cando vivín fóra ou vou de vacacións a algún sitio, por moi breve que sexa a estancia, postaliñas e cartas van de aquí para aló, o cal me permite conservar eses preciosos documentos vitais de diferentes etapas das nosas vidas (as deles e a miña). Porque o bo das cartas é envialas, sen dúbida, pero cantas veces ocorre a fortuna de que che respondan cunha aperta de papel, e entón... FELICIDADE! Preciosos documentos, xemas valiosas polo que revelan sobre a persoa que nos escribe, pero tamén sobre nós polas alusións, consellos ou comentarios que se fan.

As novas tecnoloxías, as redes sociais en particular, permítennos hoxe en día ademais intercambiar cartas con persoas ás que non coñecemos, que é tamén unha aventura. É deste xeito que puiden contactar con un dos meus correspondentes. As súas cartas son verdadeiras obras de arte alén do seu contido e senón,  xulgade por vós mesmos. Aquí vos presento as cartas de Stefanos Lambropoulos.

Postais dos sitios que Stefanos visita
As cartas de Stefanos nunca son só cartas, sempre manda "sorpresas": selos, recortes, tés, postais ou origami
O coidado co que escribe a dirección e decora os sobres fai que ao velos saiba inmediatamente quen é o remitente
Selos variados e...vistes o detalle do cordeliño ou a washi tape para decorar? 

Unha caligrafía preciosa!

Debuxiños

Mapas
Ben, e esto xa é para namorarse! Stefanos fala moi ben o español pero pídeme na segunda carta que lle ensine algo de galego
E a partires de aí en sucesivas cartas vai empregando as palabras que vai aprendendo

Stefanos,

 é un privilexio intercambiar correspondencia contigo! 

Graciñas!

No comments:

Post a Comment