Manuel Puig (1932-1990) foi un escritor arxentino que ademáis de escribir novela e teatro, impartiu cursos de escritura creativa na universidade de Columbia. A súa obra considérase unha das máis orixinais do século XX, e enmárcase dentro da chamada arte pop.
Boquitas pintadas (1968), unha das súas novelas, emprega unha técnica de collage narrativo, unha serie de textos xustapostos como se fosen pezas dun puzzle. Parece literatura fácil, pola linguaxe popular empregada e o tipo de textos elixidos: extractos de diarios íntimos, informes policiais e médicos, cachos de conversas telefónicas, cartas, demandas xudiciais, guións de radionovelas, monólogos interiores, rezos, unha confesión perante un cura, esquelas fúnebres, artigos de xornais e revistas,...
Pero nada máis lonxe da realidade, pois o que Puig crea con todas esas delicadas pinceladas é un cadro palimpséstico do mundo da provincia arxentina a finais da primeira década do século XX. Boquitas pintadas é unha atrevida novela que disecciona con precisión milimétrica as mesquindades da alma humana, as dificultades nas relacións amorosas e as limitacións impostas pola sociedade.
Puig emprega os códigos da novela rosa, aproveitándoos pero dándolle un toque de humor e case parodiando e exacerbando o melodrama ata o límite. Deste xeito consigue tamén reflexar o mundo provinciano de Coronel Vallejos, onde o cursi e o excesivo son elementos naturais.
A pegada da novela rosa vese nas personaxes masculinas (o amante guapo, o galán, o marido bo), pero especialmente nas femininas: a boa, a mala, a rica e a pobre. E tamén no seu tono: remilgado, azucrado, excesivamente correcto.
Juan Carlos Etchepare é o contrapunto do Don Juan: fáltalle encanto, forza e seducción, e só parece medrarse cando fachendea das súas aventuras amorosas con Pancho.
Pola contra, as mulleres da novela son fascinantes: Mabel, Nené, Celina e a Raba. Reciben a mesma educación a pesares das considerables diferencias sociais e económicas entre elas, pois non había outro colexio. Nese micromundo, Mabel é a nena rica e mimada, Nené sen medios pero con atractivo físico, Celina sen encantos pero con instinto para posicionarse ben, e a Raba dun ambiente social moi baixo.
Esa promesa de democracia desbarátase ao saír do colexio, e a vida sitúaas de novo na escala social onde naceron. A única esperanza de romper ese molde social é competir nun mundo cruel polo "macho". Neste entorno de machismo imperante, o poder do varón é a gran inxustiza, e elas só teñen o seu sexo (único capital que posúen) para controlalo.
Puig ten unha maneira inusual de contar, máis cinemática que narrativa, cunha imaxinación melodramática, de xeito que a lectura de novela case parece un visionado de escenas de cine. A metonimia domina a narración: traviste as personaxes, despraza recursos do cine á literatura, o poder dos homes ás mulleres e da clase media ao proletariado.
Cunha sensibilidade afín ao Peronismo, Puig simpatiza cos "cabezas negras", cos "grasitas". Retrata á clase media coma prexuizosa, cruel, oportunista; mentres o proletariado é capaz de pasar por riba das propias limitacións e ser leal ao que ama.
Agradezo a Dolores López que me prestase este libriño tan sorprendente como inesperado
Agradezo a Dolores López que me prestase este libriño tan sorprendente como inesperado
No comments:
Post a Comment