Saturday, September 19, 2015

Cadernos viaxeiros... que son?

Falemos hoxe do emocionante mundo dos cadernos viaxeiros. Como se fai un caderno viaxeiro? Os dous primeiros pasos son os máis importantes e "complexos".

1. O primeiro paso para comezar é decidir que tipo de caderno queremos facer. Podemos facer cadernos temáticos, por exemplo: receitas, música, citas, cidades,... Tamén podemos facer un caderno individual ou como grupo. O noso proxecto traballa con cadernos viaxeiros por clase ou centro educativo.

2. A continuación, buscamos os contactos que queiramos que participen neste caderno. No noso caso, outros centros educativos da comarca, do país, ou internacionais. Unha vez que teñamos a listaxe de contactos, establecemos o itinerario que van seguir os cadernos. Por exemplo: Ribeira - Elda - Taiwan - Alemaña - Negreira. Este paso é moi importante pois sempre recibiremos e enviaremos cadernos ao mesmo centro educativo. Teremos que ter ben tódalas direccións e que todos os participantes teñan claro a quen escriben e facer un calendario de datas en que se deben enviar. 

3. Mercamos un caderno que nos guste, e escribimos a primeira entrada, onde nos presentamos: nós, o noso centro educativo, a vila, costumes, aficcións, ... Cando estea listo, enviámolo ao centro que nos asignaron. Non voltaremos a ver o noso caderno ata que faga todo o circuíto! Enviámolo polo mes de outubro e recuperámolo en maio, cheo de entradas interesantísimas.

4. Durante os seguintes meses, recibiremos cadernos doutro centro (sempre o mesmo), uns 4 en total, nas que iremos enchendo novas entradas sobre temas diferentes e que iremos enviando sucesivamente. 

5. No mes de maio/xuño chegará o noso caderno orixinal, coas entradas que todos foron facendo ao longo dos meses. Será interesantísimo ler o que os demais escribiron, comentaron, e aprender doutros lugares, as súas tradicións, rutinas,... Imaxinádesvos o debate que se pode xerar na aula?

6. Que facemos cos cadernos unha vez rematados? Podemos empregalos como recurso educativo, ben na biblioteca do centro ou na biblioteca de aula. Tamén existe a posibilidade de usalos como trampolín para un proxecto de investigación sobre aspectos xeográficos e culturais, e facer unha exposición dos traballos dos alumnos xunto co caderno viaxeiro.



Aquí podedes ver un exemplo de caderno viaxeiro que fixen a nivel persoal con persoas de diferentes países. 

Continúa a viaxar... estou impaciente por ver o resultado final!


Postcrossing



Que é Postcrossing

Unha páxina creada por veciños do noso querido Portugal para poder escribir e recibir postais de todo o mundo. Como eles mesmos din:
The goal of this project is to allow people to receive postcards from all over the world, for free. Well, almost free! The main idea is that: if you send a postcard, you will receive one back from a random Postcrosser from somewhere in the world.
Como funciona?

Moi sinxelo! Rexistrámonos e creamos un perfil, ben individual, ben como familia ou clase dun centro educativo. Unha vez rexistrados, solicitamos unha dirección para escribir. Cando nos dan a dirección dan tamén un código identificador. Escribimos a postal e indicamos o código. En canto a nosa postal chegue ao seu destinatario tamén comenzaremos a recibir postais doutros usuarios.


Invítovos a rexistrarvos na páxina, do medio millón de usuarios en España hai pouco máis de 5.000 membros dos cais 391 son galegos, pero iso está a piques de cambiar... 

Se queredes ver a apariencia dun perfil ou coller ideas sobre que incluír, podedes ver o meu aquí.




Sobre este blog

Benvidos ao blog do noso proxecto! 
Soyez les bienvenus! 
Welcome to our blog! 
Benvenuti! 
Willkommen!
Sejam bem-vindos! 
¡Bienvenidos!

Que contentos estamos de comezar este blog, con tanta ilusión polas metas que aspiramos a conseguir e polas actividades que temos planeadas.

Pero empecemos polo principio... one thing at a time!

QUE É "PALABRAS DA MAN AO CORAZÓN"?

Un blog para dar visibilidade a un proxecto que buscar revalorizar a palabra, a palabra escrita a man, a escritura creativa e o papel.

É indudable que vivimos nun mundo rodeado de tecnoloxía e que ésta ten que ser parte das nosas vidas e que felices somos por tela e que nos facilite as cousas! Porén, tamén é indudable que estamos a ver un renacemento da palabra escrita, da tinta e do papel, do encanto de ver algo escrito a man no noso buzón, ben sexa unha carta, unha postal ou unha nota que nos deixan na mesa da cociña ou nos esconden no peto.

Así se pode ver polo número de usuarios en ascenso de páxinas como Postcrossing, con máis de 600.000 membros, e que promover o intercambio de correspondencia entre usuarios de diferentes partes do mundo.

COMO NACEU?

A idea comezou a xermolar desde que en decembro do 2015 me rexistrei na páxina de Postcrossing como usuaria a nivel persoal. O pracer de atopar postais no buzón, de adiviñar de onde veñen polo selo, de ler un cachiño da vida dunha persoa doutro país, intuir unha personalidade detrás da maneira de escribir, da elección dunha postal, de entrever a cultura a través dos selos ou da paisaxe ou obra de arte representada na postal,... non se pode describir con palabras.

Como profesora da Escola Oficial de Idiomas, inmediatamente recomendei aos meus alumnos que se rexistrasen na páxina, pois ademais dos beneficios indicados arriba, tamén está a dimensión lingüística, xa que a lingua vehicular da páxina é o inglés e a maioría das comunicacións entre usuarios ten lugar nesta lingua.

Aínda así, víalle moitísimas posibilidades educativas a esta idea de intercambiar postais, de voltar á escritura a man combinándoa co uso das novas tecnoloxías, así xa estaba a semente do proxecto preparada para comezar a medrar.

QUE PRETENDE?

Este proxecto ten varios obxectivos:

1. Fomentar a colaboración entre diferentes centros educativos de diferentes niveis, desde educación infantil ata adultos. Penso que deste intercambio van saír beneficiados alumnos, profesores e a comunidade na que nos integramos.

2. Aumentar o interese pola escritura creativa ao realizarmos actividades que teñen uns destinatarios específicos en mente, convertindo as habituais tarefas que facemos de clase nunca situación real de comunicación.

3. Mellorar as destrezas escritas do alumnado a través de obradoiros de creación e edición de textos e de actividades de escritura colaborativa que implican a negociación de contidos, selección dun rexistro axeitado e estructuración dun texto.

4. Incrementar o coñecemento e o respecto pola cultura propia e doutros países, engadindo tamén deste xeito un elemento intercultural ás nosas aulas.

QUE ACTIVIDADES SE LEVARÁN A CABO?

A través deste blog iremos informando puntualmente das actividades e accións que iremos facendo, pero a nosa programación para este ano inclúe as seguintes:

- Animar ao alumnado a que se rexistre na páxina de Postcrossing para que fagan un uso persoal e regular dela, incorporando así a escritura á súa rutina habitual.

- Colaborar entre diferentes centros nacionais e internacionais na elaboración duns cadernos viaxeiros multilingües durante o curso 2015-16.

- Intercambiar postais entre diferentes centros coa actividade "pasa o paquetiño", inspirado no xogo británico de pass the parcel.

- Realizar actividades que poñan en valor a palabra escrita como parte das nosas actividades culturais: concurso de microrrelatos en postais inspirados por unha imaxe; obradoiros de caligrafía árabe e xaponesa; escritura de reseñas dun libro en postais para intercambiar cos compañeiros do club de lectura doutras linguas; exposición de postais recibidas durante este curso.

- O culmen destas actividades terá lugar o 16 de abril de 2016, cando terá lugar o Primeiro Encontro Internacional de Postcrossing Galego na localidade de Santa Uxía de Ribeira.

QUE VOU ATOPAR NESTE BLOG?

Entradas multilingües referentes ás actividades, fotografías, comentarios dos participantes e información referente a vindeiros eventos.

De antemán agradecemos enormemente que faledes deste proxecto con compañeiros e amigos, que nos sigades, comentedes e acheguedes as vosas opinións.

Longa vida ás palabras escritas da man ao corazón!