Showing posts with label Gonzalo Navaza. Show all posts
Showing posts with label Gonzalo Navaza. Show all posts

Monday, December 11, 2017

Letters in Books: Erros e Tánatos

Unha nova recomendación de Nacho Rodiño lévame de volta ao fantástico mundo de Gonzalo Navaza. Se Elucidario foi puro xogo lingüístico, Erros e Tánatos (1996) é un monllo de comedias de enredos á galega. Unha colección de dez pezas que son regatos que nacen nun sitio familiar onde cremos que estamos cómodos para acabar desembocando en distopías desapiadadas e escuras. Tan escuras que poderían ser reais.


Historias que encaixan dentro do seu propio prisma: imaxe, voz e argumento feitos a medida para encher ao milímetro o habitáculo que os acubilla. Relatos raposeiros, urbanos e rurais, feros e tenros, fermosos e implacables: Unha femme fatale nun vagón de tren,  un castelo de area que se derrumba ao compás da vida, a desconfianza cara un “amigo”, unha mensaxe en galés que tarda en ser traducida, un affair cun interiorista valenciano, o home do saco asasinado, as pescudas dun detective wannabe, unha vidente que acerta, un revolucionario ao que lle zosca o pai e un troco de moedas con final inesperado. Personaxes que son anfitrións e nos convidan a entrar no anfiteatro da humanidade para logo pornos en evidencia, fitándonos con ollos rufianescos e espíndose para amosar o seu carácter excepcional, atraente, estarrecedor e auténtico.

Un compendio de historias que non ofrecen posibilidade de redención persoal ou global, pero que constitúen un entretemento de primeira orde, estruturando o enredo con mestría e bañándoo coa verosimilitude dun espello deformante.

As miñas favoritas son “Bull & Mignonne”, “O amigo Delmiro” e “Tinta chinesa” , pero Erros e Tánatos ofrece moita variedade e seguro que atoparedes algo axeitado para o voso gusto. Invítovos a experimentar a delicia de que te fagan entrar, descalzarte e sentar confortablemente nunha alfombra de la para despois tirar dela con violencia deixándote totalmente aparvada. Unha habilidade que para min dominou con pericia o mago Roald Dahl, pero que Navaza fai con mestría e co engado adicional dunha lingua rica e unha narrativa sempre, sempre divertida.

 “Unha vez, había tempo, vira na televisión unha parella de pernambucanos centenarios, alegres e louzáns coma mozos, dicindo que o segredo da lonxevidade era andar moito. Por outros casos que coñecía, mesmo de antepasados seus de alá de Galicia, estaba convencido de que aquela era unha verdade coma un templo, polo que ó pouco de xubilarse resolveu mercar un calzado deportivo cómodo e fresco e comezou a dar longas camiñatas de varios quilómetros pola orla litoral dous ou tres días por semana” (p.33)

“Adoraba erguerse tarde, tomar baños de auga quente e perfumada a calquera hora do día, xantar á noitiña comida italiana ou chinesa pedidad por teléfono, rematar de ler novelas abandonadas á metade, escoitar música, deixar correr as horas lendo cartas antigas, ordenando fotos, entregándose ó vicio mol da melancolía” (p.58)

“Meteu a man pola estreita boca e conseguiu apalpar unha ou dúas cartas e un pequeno paquete en papel acolchado. Coa axuda dunhas pinzas podería extraer as cartas (o paquete parecíalle tarefa imposible), pero tería que deixalo para a volta da misa...” (p.79)

Laureano, segundo din, desentendeuse da encomenda e non deu resposta a ningunha das numerosas cartas, cada vez máis angustiosas, que recibía desde Bos Aires” (p.119)


“Entrou na súa camareta sen parar de saloucar. A desesperación non lle collía no peito. Gustaríalle que o tragase a terra. Agarrou o cinto do albornoz, comprobou a súa resistencia e saíu con el cara as duchas. Por un intre pensou en escribir unha nota denunciando a inxustiza, pero logo desbotou a idea” (p.27)

Tuesday, November 14, 2017

Words in Books: Elucidario


Gonzalo Navaza ten que ser un xenio cun talento humorístico fóra do normal. Só así se explica a capacidade de crear unha colección vivaz e hilarante de definicións que desexas aprender de memoria para citalas con liberalidade. Desde logo,  a min paréceme o alter ego galego de Oscar Wilde ou Woody Allen.

Elucidario (1999) foi o volume que me descubriu ao autor. Chegou ás miñas mans grazas a Nacho Rodiño, quen sempre me fai unhas variadas e acertadísimas recomendacións lectoras (grazas Nacho!). O libro é, en palabras do propio Navaza, "unha especie de diccionario paródico que aparecera uns anos antes [do 1999], por entregas, no desaparecido Diario de Galicia", e preséntase na ficha do seguinte xeito:

Quen sexa gustante do enxeño en combinación co humor branco e ás veces crítico, que aprecie a ruptura co senso recto das palabras, atopará neste conxunto de formas e definicións dislocadas un excelente pasatempo.

A lectura non decepciona, máis ben sorprende pola forza creativa dalgunhas definicións e a intelixencia e enxeño doutras.

Abostecemento. Subministración de merda
Abrazar. Deixar bara báiz darde. Bozboñer.
Adefesio. ¡Morituri te salutant!
Arquitexto. Construtor de palabras.
Baixamar. Amar polo baixo.
Brágoas. Lágrimas íntimas.
Camorra. Carrebente, castoupe, caspiche dunha vez.
Coma profundo. Non se alimente con frivolidade.
Churrasco. Noxo, repugnancia ou aversión aos churros.
Defecanción. Música de merda.
Diacrítico. Trece e martes.
Docudrama. A traxedia do ano.
Empederniado. Dise da persoa que persevera ata rebentar.
Energúmono. King Kong furioso.
Falopecia. Caída do falo.
Funerrally. Enterro no que o coche mortuorio e tódolos coches do séquito van cara ó cemiterio por estradas tortuosas e a toda velocidade, para ver quen chega primeiro.
Gociñeiro, -a. Dise da persoa amiga dos praceres culinarios.
Gordialidade. Amabilidade dos obesos.
Griticar. Murmurar ou censurar dando grandes berros.
Hexaxerar. Multiplicar por seis a realidade.
Hipotafio. Escrito breve gravado na cara interna da lousa dunha tumba. Engade Cameselle: "Para que o defunto se lembre do mundo cada vez que o lea".
Inflaamable. Dise do individuo que acode co seu acendedor ó cigarro das señoras.
Lebrepensamento. Doutrina que sostén a idea de que a razón se aparta da relixión a medida que aumenta a súa velocidade.
Literrato. Rato de biblioteca.
Magoardente. Licor de pena.
Ninfeómana. DDise da muller moi aficcionada aos feos.
Oporturno. Dise da persoa que vén no momento preciso, é dicir, cando lle toca.
Palabrador. Labrego da linguaxe; palabrego.
Poeta perverso. Un soneto, catorce poetas.
Quintausencia. O quid do que faltaba.
Reciporcidade. Porcallada mutua.
Saudade (Todos). Bos días. Boas tardes.
Spotismo ilustrado. Propaganda de libros.
Terremono. Movemento símico.
Universitauro. Boi-school.
Váter familias. Retrete doméstico.
Versos. Liñas para lelas.
Xóubilo. Alegría da parrocha.
Zoca-and-roll. Country music.

Dicía outro xenio das palabras tamén galego, Luis Piedrahitanunha entrevista que "o humor de pata negra ten que disparar dúas balas: unha que vaia ao cerebro, a do enxeño, e outra que vaia ao corazón, que é a que emociona". Elucidario dispara ambas, e abraza o humor desde o plano lingüístico e o simbólico, cunha bendita dose de irreverencia que o convirte no "excelente pasatempo" que buscaba Navaza.