Showing posts with label Iolanda Zúñiga. Show all posts
Showing posts with label Iolanda Zúñiga. Show all posts

Thursday, March 1, 2018

Letters in Books: Noites de safari



Os/as escritores/as buscan entreter, excitar e cativar, e o cortexo comeza coa portada. Ese elemento que realmente constitúe a primeira páxina da historia, sinalizando o estilo e o tono, prendendo nos ollos e falándolle ás nosas emocións. Unha muller sexy na barra dun bar cun trueiro. Asegúrase así a venda e prepárase o escenario, predispoñéndonos para un tipo determinado de historia.

Logo, o feitizo implícito no título, Noites de safari. O misterio das expedicións nocturnas e das cazarías despiadadas.  E finalmente unha autora nova, co exótico nome de Marleen MaLone. Un cruce entre Lili Marleen e Molly Malone? Intrigante.

Todos os nomes evocan a outras persoas nas nosas cabezas, e son intensamente persoais. Se se trata dun/ha escritor/a, máis aínda.  Se temos a alguén que asociamos cun xénero, dioloslibre de probar con outro. Son sometidos por críticos e lectores a un escrutinio minucioso. Non hai máis que recordar a que se montou cando se descubriu que Robert Galbraith, o autor do thriller The Cuckoo's Calling era en realidade JK Rowling, a autora dos libros de Harry Potter. Algún crítico saltou dicindo que a lectura acabaría coa infancia do seu fillo.

As novelas son expresións do eu, así que se alguén as odia, o/a escritor/a acaba por concluír que tamén os odian a eles. Debe doer. E supoño que por iso se busca refuxio na anonimidade, no pseudónimo ou no heterónimo para escribir con frescura e liberarse do peso esmagador do prexuízo e as expectativas dos/as fans que, se somos sinceros, somos tan leais coma Xudas. 

Doris Lessing, Julian Barnes e Joyce Carol Oates empregaron pseudónimos. As irmás Brontë publicaron baixo os nomes Currer, Ellis e Acton Bell hai 170 anos, porque como dixo Charlotte cunha exquisitez infinita: "We had a vague impression that authoresses are liable to be looked on with prejudice". John Banville elixe desdobrarse en Benjamin Black cando publica novela negra. Pessoa levou a estratexema ao extremo cos seu múltiples heterónimos, que ata teñen a súa propia denominación: ortónimos. Iolanda Zúñiga despístanos tamén coa elección do seu alter ego, que evoca a unha muller dunha "actitude ousada, como unha pistoleira de wéstern" (p.15) cun "aire estranxeiro e putón na designación" (p.26).

Baixo este escudo, vai desencartando unha narrativa penetrante e libre, chea de enxeño, ironía e retranca que nos vai gabiando debaixo da pel. Rimos coas contradicións de Marleen, escura e deslumbrante, accesible e elusiva, atrevida e tímida, subversiva e compracente, honesta e mendaz a un tempo.
"Considero que a gheada e o seseo son ferramentas que contribúen de xeito notable ao coqueteo, pois imbúen a conversa de proximidade, simpatía, indixenismo, retranca, etc. Pero cando se trata de foder, prefiro que calen" (p.107) 
"Logo dun ano de relación nada sensual, abondo sexual, en absoluto apaixonada e en exceso atormentada, abandonoume via mail (si, houbo vida antes da era Tinder)" (p.34)
"Todo me lembraba a el: a espátula de depilar, os tentáculos dos cefalópodos, o déficit público, as páxinas bibliográficas, Antígona e Sófocles, Luis Bárcenas, Cesc Fàbregas, os satélites, os hipódromos, as matemáticas,..." (pp.74, 75)
Pero non vos enganedes, porque o Manual sobre amantes desorientados non encaixa na chick lit ao lado dos libros de Mariló Montero e Nuria Roca. Ten tamén outra capa de narrativa incendiaria cunha crítica social de fondo. E desa grella non escapa ninguén: tradis, coolturetas, fachas, jísters, optimistas porfiados ou escritores. Conviven Jung, o Alalá das Mariñas, ForoCoche, as redes sociais, Scarlett O'Hara e Manu Chao. E non se levan nada mal, porque Marleen manexa todos os rexistros, incluídos os lingüísticos:
"Si, son quen de redactar cun estilo lírico e pretencioso, pero Barbudo merece que regrese á prosa breve e chá" (p.27) 
"... non fun quen de fuxir cando outra enxurrada de enxebreza atoou a miña ledicia -nótense os termos xenuínos empregados á mantenta" (p.104) 
"Flipariades (en xerga) ou quedariades atónitos (en culto)" (p.161) 
A golpe de humor revisita tópicos rancios, desmitifica a muller e critica o machismo, pero tamén os novos estereotipos que estamos a crear.
"Alcanzamos o século XXI, que segue a ser un ♫ cambalache, problemático y febril ♫, e tan machista coma o XX, e hai homes que aínda non transixen: cren que os bares lles pertencen" (p.24)
"Deume un bico na fronte. Paternal, inapetente, condescendente..." (p.41)
"Que non chore... Que non chore? Choro o que me sae da cona! Xa estou ata a coronilla de fulanos que censuran as miñas emocións" (p.49)
"...xa sabemos como nos mola ás ghichas facer de mamás e a eles de convalecentes de guerra" (p.153) 
"Os homes teñen unha facilidade desmedida para dicir "quérote". E as mulleres temos unha facilidade desmedida para crer que nos queren" (p.155)
"Tamén me angustia que, por ser muller, me atribúan destrezas como o deporte extremo de camiñar con tacóns, o oficio de subirlles os baixos aos pantalóns ou a habilidade cosmética de momificarme baixo capas de chapa e pintura" (p.280)
Que viva o vodevil, Marleen MaLone. Longa vida!
"... con dez tenros anos caligrafei unha misiva de amor destinada ao desbarbado Terence Hill, o cowboy de Le llamaban Trinidad" (p.22)

Monday, October 10, 2016

Letters, Words, Hands and Heart in Poetry: Poemagosto

O pasado sábado 8 de outubro tivo lugar a terceira edición do Festival Poemagosto, organizado por Carlos Airas (da libraría Aira das Letras),  Carlos da Aira, a Fundación Vicente Risco e o Concello de Allariz, que combina música e poesía galegas e busca achegalas a todos os públicos.


Aínda que o amencer foi "nebracento e fresqueiro", como diría Vicente Risco, co avance do día os que estabamos no patio do Museo do Coiro, fomos sentindo como quecía o corazón a ritmo de verso.

Anxo Angueira foi o primeiro poeta que escoitamos, facendo unha potente declamación de memoria  de varios poemas de Rosalía de Castro, entre eles  "Miña santiña", un precioso cantar dialogado entre unha costureira e unha santa, e tamén "Silencio", que reproduzo de seguido:

A man nerviosa e palpitante o seo,
as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas,
sentindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan,
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo..., escribo..., ¿para qué? ¡Volvede
ó máis fondo da ialma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da idea a forma inmaculada e pura
¿dónde quedóu velada?

Angueira rematou a súa intervención cun poema propio, "O liño de María", que dixo que sente no fío de Sarmiento e Rosalía. Desde logo non se oía un chío entre os asistentes, e ao rematar todos tiñamos na nosa meniña o azul dos ollos de María e da flor do liño.

Pola tardiña estremecéronos de novo os textos poéticos, do máis delicioso e variado, onde tamén houbo alusións aos versos de Fran Cortegoso.

Rosalía Fernández Rial, deleitounos con versos do seu Vinte en escena (2012), e metémonos na pel dos "nómades invisibles" ou das prostitutas que navegan nas "proas da cidade.Ismael Ramos levounos polo "territorio da ferida", foi ordenando "letras ata atopar o nome da despedida" e recordounos que "o mar pola noite é un peixe que agoniza". Iolanda Zúñiga recuperou o "Combate estéril" fiando os risos e buscando o empate, e seguiu coa "Carta astral", xogando coas palabras, modulando o ritmo e intercalando cancións. Arancha Nogueira librounos do "mundo que é unha escrava negra que mira con ollos cansos e repetitivos", Alba Cid invocou  "o malva e o outono que sempre nos converten en escribas" guiándonos pola historia apócrifa dos tulipáns, a pesca con cormorán e a historia das palabras. 

E xa pola noite, despois de que O Leo i Arremecághona nos consolase co "Menos mal que o heavy é metal" entre outros hits, gozamos co ensemble de creatividade composto por Mercedes Peón, Mónica de Nut (sampler e coros) e Ana García (coros e percusión), que aliñaron palabras, música e interpretación para crear a alquimia do imaxinario con vibrantes melodías polirrítimicas que axitaron os xardíns alaricáns e as almas dos oíntes.