Showing posts with label Ana Mosquera. Show all posts
Showing posts with label Ana Mosquera. Show all posts

Thursday, October 27, 2016

Begoña Caamaño's Letter to Uxía

Grazas á recomendación de Ana Mosquera, estou a ler Morgana en Esmelle (2012), da escritora Begoña Caamaño (1964-2014). O xornal semanario Sermos Galiza recolleu neste artigo  a carta que Begoña Caamaño lle escribiu á cantante Uxía (1962) e que hoxe, no aniversario do seu pasamento, recuperamos na súa integridade:





A cantante Uxía leu no acto de despedida de Begoña Camaño esta carta na que a escritora transmite a súa alegría pola vida e o sosego diante dunha morte que sabe próxima. Recollemos a presentación de Uxía e, a seguir, a emocionante carta da escritora. A ilustración é o cadro de Leandro Lamas ao que se refire, agasallo das súas amigas naquel aniversario. 


"Creo que te engrandece tanto, que che fai xustiza, que expresa o xenerosa e linda que es, miña amada Bego".

Benquerida Bego: 

Pensei se optar polo silenzo ou só pola música, que como ben sabes, é sandadora e vital. Mais as palabras que ti tan maxistralmente usaches, tamén nos reconfortan moito e, ágora, nestes momentos da despedida, non vou citar nen fragmentos de 'Circe' nen de 'Morgana'. Vou achegar unha carta túa que levo no corazón este tempo todo e que hoxe quedo compartir con todas e todos porque creo que te engrandece tanto, que che fai xustiza, que expresa o xenerosa e linda que es, miña amada Bego.
E así te vou lembrar, así te queremos lembrar: frente ao mar, nun xantar nun piñeiral no verán da Illa de Arousa, rodeada de xente querida, co teu sorriso amplo e luminoso presidindo a xornada e toda esa rede de afectos que teceches cal incansábel Penélope. 

Esa tarde houbo moita música, baños xélidos, aloumiños, confidencias e as nosas mans e os nosos corazóns unid@s, para sempre. Querémoste, irmá…

A carta di así...

Querida Uxi: 
...
Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta. Indesexada si, como todas...que me encantaría vivir outros 47 anos, tamén. Sempre temos apego a vida, sobre todo porque sabemos que, pese aos seus mil amargores, a vida compensa. 


"Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e, sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte"..

Pero Uxi, non vou mentir dicindo que por veces non teña medo e rabia, pero é máis pola incerteza que pola morte en si mesma. 

Putada, o que se di unha putada grande e real sería ter vivido unha vida de merda, estar dende os 6 anos furgando na basura dos vertedoiros de Antanaribo, ou dende os 8 turrando dunha vagoneta de carbón en Bolivia, ou dende os 11 pechada nun burdel de Bankog!. Ter unha vida tan miserable que che fai desexar a morte como un alivio.

Iso é a gran putada...e hai millóns de persoas que sofren a vida, porque realmente a sofren, cada día. Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e,sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte...cánta xente morrería só por ter a metade do que eu tiven....


Polo demais, Uxía ben amada, ata nestas circunstancias, aínda que pareza estrano, son feliz, por moi grande é absurda que soe a palabra felicidade. 

Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co que me agasallastes...facer unha festiña tranquila, poder vervos a todas e todos, despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola vida, escoitarte por última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo adormecer...sen dor, sen estertores, adurmiñarme repousando no peito de Etxaniz, ir notando como o sono me vence, como a túa voz soa cada vez máis baixiña no meu corazón, como os vosos sorrisos se van desdebuxando, perdendo as vosas individualidades ata se convertir nun sorriso único, cálido e amable coma o sol nun día de xuño...e xa non despertar máis. 

Ese é o meu último, íntimo gran desexo. Egoista, sen dúbida, pois en absoluto me preocupa a "outra parte", vós e a vosa tristura e desconsolo. 

Mais a vida foi tan boa comigo, tan boa con todas vós que ata nos está dando o tempo preciso para nos ir facendo á idea e que o salto definitvo non sexa tan traumático nen tráxico, senón unha dor miúda, serea e calma..e que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando xa eu teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo. 

Bicos, Uxi. Quérote pola vida.

Tuesday, August 30, 2016

Letters in Books: A memoria da choiva

Aínda que loce o sol brincadeiro de agosto, escribo sacudindo dos ombreiros as pingas envolventes e a humidade da textura nubrada de A memoria da choiva (2013), de Pedro Feijoo. Agradezo enormemente a Ana Mosquera a recomendación e a Dolores López o empréstito. Graciñas ás dúas!


Sinto especial afección polo xénero detectivesco e o roman noir, como xa vos teño comentado (Agatha Christie, Sir Arthur Conan DoylePatricia HighsmithHenning MankellStieg Larsson, Jo NesbøDashiell HammettDomingo Villar) e neste ano en particular, no contexto das novelas detectivescas debatidas no noso club de lectura, A memoria da choiva foi un feliz descubrimento.

Entre noir e novela de misterio, revisitamos escenarios cercanos e coñecidos coma Santiago, Vigo, Coruña, Padrón ou Arteixo da man de personaxes coma Aquiles Vega (cos seus contrapuntos desdibuxados Casaperda e Sevilla) e Sofia Deneb. O primeiro comparte trazos con Kurt Wallander, Sam Spade, Philip Marlowe ou Leo Caldas, sobre todo o seu sexto sentido detectivesco (sen ser detective!) pero tamén ten o seu aquel particular, como demostra a súa relación co seu talón (p.288) ou algún extracto coma este a seguir onde entrevemos as súas cordas sensibles: "Mira, eu non sei que cousa é esa felicidade pola que preguntas (...) con ela marcharon a plenitude e máis a felicidade. E o resto? O resto non son para min máis ca instantes soltos de algo parecido á calma. Pequenas, moi pequenas illas de tranquilidade no medio de grandísimas extensións de soidade. Un océano de tristura sen fin. Iso é para min a vida..." (p. 274). Pola súa banda, non atopamos en Sofía Deneb a típica femme fatale do xénero, nin tampouco unha Lisbeth Salander xusticieira, senón unha erudita competente cuxos coñecementos son imprescindibles para o entendemento (e resolución) do enigma.

O estilo de Feijoo é nu, crocante, brutalmente honesto, cunha combinación de descarnado realismo urbano e humor retorcido, lindando co hardboiled de Dashiel Hammett e o seu achegamento minimalista en The Maltese Falcon. Vaia como exemplo o ritmo comedido na descrición da reacción de Vega cando atopan o corpo dunha das vítimas (p. 79) que recorda á de Sam Spade liando un cigarro mentres lle anuncian a morte de Archer. Emocións que laten baixo a superficie, o emprego do understatement, non para enganar senón para aumentar o impacto da impresión no lector. 

O mesmo ocorre coa descrición dos personaxes, case ao estilo de Hemingway, breve, máis suxestivo que directo, pondo máis énfase nos substantivos que nos adxectivos. Non se nos dá unha longa descrición dos personaxes, máis ben preséntanse case como destapando unha botella sen servir o seu contido, deixando que o lector achegue o nariz e capte a esencia, o aroma, as sutilezas de cada un deles.

Ademais, hai cartas na novela,  hai e-mails con poemas (cruciais na trama) e hai poesía na prosa:

"E valéndose moi partidariamente da escasa correspondencia persoal que dela se conserva" (p. 160, 161)

"E cóntase tamén que, entre tanto, o pobre rapaz ía morrendo coa dor no peito e a mágoa no corazón. Por que non recibían resposta as súas cartas?" (p. 166)

"Unha canción triste de melodía amarga que todas as pedras da cidade cantaban en silencio, os seus ollos cegos postos no máis escuro do firmamento" (p. 382)

"Exacto, señor De Brión, exacto: o noso mal é o noso propio corazón. Témolo ferido. E, señor, canto nos doe, canto nos doe!, a nós, que sabemos que non se pode sandar dos males do corazón porque a Choiva nolo dixo" (p. 316)

"A xente, señor Vega, xa non escoita os poetas. Non. Xa ninguén dá un peso por nada, e ninguén fai nada por ninguén. Esquecérono todo, a gente esqueceu as persoas, e as persoas esqueceron a poesía. E os versos, señor Vega, os versos sentiron gana de morrer" (p. 421)

estrutura recorda de novo á de Hammett: un comezo humilde (a resolución dun asasinato) que vai escalando en intensidade para convertirse nunha cacería que nos levará por algunhas arañeiras e MacGuffins, acentuando así o escuro misterio  que constitúe a elaborada trama da novela. Se en The Maltese Falcon andamos tras do falcón, en A memoria da choiva, saímos co paraugas a un mundo inconstante e corrupto onde nada (nin a propia historia) é fiable, e procuramos a revisión do mito a través dunha historia intensamente fermosa.