Showing posts with label Miguel Anxo Murado. Show all posts
Showing posts with label Miguel Anxo Murado. Show all posts

Thursday, August 18, 2016

Outra idea de Galicia

Xa sabedes da miña admiración polo xeito de escribir de Miguel Anxo Murado, ben en artigos xornalísticos, ou no seu libro Lapidario (2004). Falei noutra entrada previa brevemente destoutro libro que lin recentemente, Outra idea de Galicia (2013), e que merquei ao atopalo case por accidente nunha viaxe ao aeroporto de Lavacolla.



Di Murado no prefacio a esta edición galega que o libro naceu dunha encarga e que foi a oportunidade de "sistematizar as [súas] ideas sobre o país e poñelas por escrito", escribindo cunha certa distancia, e usando os clixés, malentendidos e prexuízos dos foráneos coma unha "metáfora dos prexuízos dos propios galegos respecto de si mesmos" (p. 11).

Máis que tratar da "galeguidade" en si ou da identidade nacional, o que fai é explorar as claves da nosa historia desmontando un por un os espellos deformantes dos estereotipos e preconcepcións que levan viciando a visión que tanto os foráneos coma nós temos de nós mesmos. Sen negar que existen características que nos definen, dada a dificultade empírica para medilas, aborda a natureza variable e múltiple do carácter nacional e revisita as visións anteriores cun afán divulgativo, mostrando que cada nova pluma só engadiu unha gota de tinta ao retrato, e nalgúns casos mesmo o esborranchou.

Deste xeito, nos once capítulos do libro preséntase un breve compendio de descricións de Galicia e dos galegos, detallando citas e paráfrases ilustrativas, mesturando datos históricos e episodios anecdóticos. O elemento de fusión entre os diferentes capítulos é a figura de don Domingo Fontán, e o seu mapa topográfico e trigonométrico, porque Murado quere, coma el, triangular "entre o pasado, o presente e o futuro: entre o que se sabe, o que se cre e o que se supón" (p. 28).

Preséntanse así unha serie de xemas extraídas desta vasta mina de material que como lectora gardo con agarimo para buscar e investigar máis en profundidade aos poucos. Aprendín por exemplo que somos unha "burbulla atlántica inserida nun entorno mediterráneo" (p. 17), rachando co tópico de Galicia como lugar "afastado" (p. 15); atopei unha explicación para a nosa famosa pluviosidade (p. 18) así como para o funcionamento das rías (e para a orixe do nome, p. 24) e descubrín o "avesadoiro" (p. 39).

O capítulo que máis me chamou a atención foi o 3, "Terra sen historia", porque "o problema é que a [historia] de Galicia non cadra fácil na historia convencional de España" (p. 51) e daquela os contidos resultáronme novedosos, pois a formación académica da miña xeración centrouse na historia de España, a parte das breves pinceladas para contextualizar a literatura nas clases de galego. O capítulo é breve, pero serve para dar unha visión panorámica e os datos necesarios para afondar por conta propia en personaxes e períodos (as minas de ouro e prata na época romana, o reino de León-Galicia, Pedro el Cruel, Afonso II ou Ramiro I entre outros).

Despois de 180 páxinas de desmontar e desmitificar os clixés da diáspora, do caciquismo, da lingua ou o atraso, sen caer no academicismo, os once temas conflúen coma acuarelas baixo a billa, integrándose nun retrato homoxéneo e coherente ben enmarcado polo tema dos defuntos e a morte: "a cultura galega sempre será morrendo, pero sempre segue aí" (p. 188).

Non, non hai cartas neste libro, pero o prometido é debeda.

Tuesday, August 9, 2016

Epitaphs (VI): Montouto's cemetery (my playground)

Di Miguel Anxo Murado en Outra idea de Galicia (2016) (libro fascinante do que espero falar máis polo miúdo nunha entrada futura) no última sección intitulada "A patria dos defuntos ":



Hai que recoñecer que a idea dunha Galicia formada exclusivamente por defuntos ten en si mesma algo de irresistiblemente galego. Como se sabe, en Galicia, como en México ou en China, os mortos están moi vivos. Parece que foi sempre así: a primeira persoa da que sabemos que se definiu a si mesma como "galego" foi un morto, un súbdito romano da Tarraconense que ordenou gravar na súa estela funeraria a palabra callaicus, "galego"  (p. 183)

É cando menos curiosa esa conexión inicial entre defuntos e Galicia. E falando de mortos, xa vos adiantaba na primeira entrada sobre cemiterios que non é que sinta fascinación mórbida por estes lugares, é que sinxelamente o camposanto forma parte da infancia dos nenos e nenas da parroquia de Montouto, xa que ata hai uns dezaoito anos que se fixo a nova escola rural, tiñamos aulas de 1º e 2º da antiga EXB no teleclub veciñal, que está a carón da igrexa parroquial como vedes nas fotografías. Non había separación entre o "patio" de recreo e o camposanto en si, entón xogabamos felices darredor da igrexa entre tumbas e flores, por non falar das emocionantes expedicións para ir beber á fonte, un pouco máis arriba a uns 500 metros do teleclub.




Agora está bastante adecentado por fóra (por dentro mantense intacto, igual que cando era a nosa escola), mais cando nós iamos só tiña o recebo na parte exterior. Máis tarde, na quinta da miña irmá os nenos e nenas fixeran un colorido mural, e finalmente, cando deixou de ser escola e volveu ser lugar de reunión para a veciñanza, pintouse do xeito que vedes.








O que si se mantén prácticamente igual, é o camposanto, igual que o seu acceso. Desde logo a inscrición é cruda: "Acordaos de nosotros. El término del cuerpo es como veis, será el del alma según obréis". Debía ser efectiva a tétrica filosofía detrás do adaxio, porque este mesmo aparece sobre a porta principal do cemiterio de San Amaro na Coruña.



Recordo ter memorizado de xeito inconsciente algúns destes epitafios, por iso de que les e quédache na cabeza sen querer; aínda que non tiña nin remota idea do que realmente significaban algunhas daquelas frases, como por exemplo esta:


As que si me fascinaban eran as que podía entender, que parecían notas tenras que se lle deixaban aos finados nun último xesto de afecto: "Gracias por tu amor", "A túa familia non te esquece", "Sempre con nós". 










Iso si, con esas cartas de pedra, convivían estatuas estarrecedoras que ningún de nós miraba durante moito tempo e que foron testemuñas de carreiras de trens humanos, trocos de bólas (quen lembra os bolóns?), pinchacarneiros e algún bico roubado.






Inspirador lugar, que queredes que vos diga, aínda agora me trae gratos recordos cando o visito. Ecoan nel as voces de dona Carme (a mestra) e dos compañeiros/as: Margarita, Marcelino, Milagros, Pilar, Belén, Eva, José,... as táboas de multiplicar, as lecturas do libro de Borja, Pancete e Marina (eu quería ser bailarina coma ela), os libros de Xílgaro (primeiros en galego para min) e de El Barco de Vapor. Sabedes que o primeiro libro que lin de cartas era desa colección? Pero esa historia queda para outro día.

Thursday, March 31, 2016

Epitafios - Cartas póstumas?

En Galicia segue habendo unha certa sacralización dos cemiterios, creo que derivada do feito de que a morte segue a ser un tema tabú. Pola contra, non podo ocultar a miña fascinación por estes lugares. Non me malinterpretedes, non é un interese mórbido, pero o patio de recreo da nosa escola (que en realidade era o Teleclube) era o cemiterio, así que creo que os nenos da miña parroquia compartimos esa despreocupación e case compañerismo cara os que están baixo terra. De aí que comparta a visión do poema de Celso Emilio Ferreiro e ademáis me guste explorar cemiterios e ler os epitafios, verdadeiros poemas nalgúns casos.

ESCRITO NA PAREDE DO CEMITERIO

Si os que xacen dentro non poden saíre,
i os que viven fóra non queren entrar
istes rexos muros que coutan as campás
son un monumento da idiotez humán.

Malia que a práctica de dispoñer unha inscrición sobre a tumba xa se levase a cabo no Antigo Exipto, berce da escritura funeraria en Occidente, o epitafio como xénero literario ten a súa orixe na Antigüidade clásica, coñecida como laudatio funebris e que se segundo o Diccionario de termos literarios (2003:146) pode estar escrito “en prosa ou en verso, e convida á lembranza dun ser desaparecido e propón unha reflexión sobre as súas calidades ou sobre a morte en xeral. Ademais, en canto aos temas dos que se ocupa, relaciónase cos tópicos literarios temporais coma o ubis sunt, o contemptus mundi, o memento mori e o carpe diem".

William Wordsworth publicou en 1810 unha interesante colección de ensaios titulada Essays upon Epitaphs, reflexión de carácter metafísico sobre a morte que vencella o acto de morrer co acto da escrita e presenta o epitafio coma unha inscrición que une o mundo dos vivos e o dos mortos. Comparto esa visión do epitafio como ponte entre dous mundos e o seu carácter de "carta" póstuma.

Ademais, en Galicia temos unha tradición xenérica relativa aos epitafios. Temos aos galegos Álvaro Cunqueiro que escribiu poemas elexíacos e a Celso Emilio Ferreiro co seu Cimenterio privado (1973), divertidísima colección de epitafios de tipos humanos estereotipados coma “O optimista”, “O treidor” ou “O sentimental”. E máis recentemente Miguel Anxo Murado co seu Lapidario, que lin por recomendación dun alumno, Alejandro Amor, e do que gocei de verdade, pois Murado explota a natureza epigramática do epitafio ás veces con intencións humorísticas e outras con afán sintetizador.

Ben podía citarvos algúns dos epitafios dese libro, pero tráiovos hoxe un de Kirmen Uribe (1970), a quen tiven oportunidade de escoitar en Pamplona recitando un par de textos do seu poemario Bitartean heldu eskutik (Mientras tanto cógeme la mano). Ademais de poeta, é autor de proxectos multimedia nos que combina a poesía con diferentes disciplinas artísticas.

O poemiña está inspirado no epitafio do poeta inglés John Keats (1795-1821). Como contexto, dicirvos que John Keats quería que se incribise no seu epitafio: “Here lies one whose name was writ in water” (aquí descansa un cuxo nome se escribiu na auga). Ao parecer a frase tomouse de Beaumont and Fletcher’s Philaster (“all your better deeds / Shall be in water writ”). Pero o que pasou é que Joseph Severn, o que o coidou ata que morreu, e o mellor amigo de Keats, Charles Brown, engadiron un contexto un pouco máis acedo e crítico, acto que despois lamentaron: “This grave contains all that was mortal of a Young English Poet, who on his Death Bed, in the Bitterness of his heart, at the Malicious Power of his enemies, desired these words to be Engraven on his Tomb Stone: Here Lies One Whose Name was writ in Water” (esta tumba contén todo o que era mortal dun novo poeta inglés que, no seu leito de morte, na amargura do seu corazón, e ante o poder malicioso dos seus inimigos, expresou o seu desexo de que estas palabras se gravasen no seu epitafio: aquí descansa un cuxo nome se escribiu na auga).


DEL EPITAFIO DE JOHN KEATS
(Kirmen Uribe)

Escribid mi nombre también en el agua,
que en nuestra tierra es la lluvia
quien define la silueta de los hombres

Ben podiamos dicir isto calquera de nós, galegos, non vos parece?