Showing posts with label Ernest Hemingway. Show all posts
Showing posts with label Ernest Hemingway. Show all posts

Tuesday, October 3, 2017

The Heart in Books: Afirma Pereira

Sempre teño dificultade para responder cando me preguntan polos meus libros favoritos. A lista vai mudando dependendo do ano, o humor, as pegadas das lecturas recentes ou as xogadas da miña mala memoria. Igual che digo Fitzgerald e Hemingway un día como Neira Vilas e Tagore outro. E despois están os comodíns, os que sempre saen, que entraron un día na miña vida para quedar, e os que digo de últimos porque son os que me deron máis pracer e porque dalgún xeito, é como revelar un segredo.

Cando eses textos favoritos foron ademais recomendacións, teñen o engado dunha conexión persoal. Poucas cousas hai tan fermosas como recibir unha recomendación que cativa. Unha síntese endebedada, pois como devolver un agasallo tan elegante como o é unha fantástica experiencia lectora? Aliñáronse as estrelas e Santiago foi o lugar ideal para o primeiro contacto con esta novela, cos outeiriños enclaustrando a cidade no horizonte e as terrazas buscando o abeiro dos toldos. Nacho Rodiño foi o perfecto recomendador que me falou del xusto cando a melancolía do outono comeza a acurralar o verán e a tinguir as follas do corazón.

Afirma Pereira (1994) é unha novela do italiano Antonio Tabucchi (1943-2012). Un volume que atrae pola súa garbosa delgadez e a suavidade das páxinas grosas nas mans. Comeceino a ler mentres camiñaba, e camiñando tirou de min costa arriba e costa abaixo durante dous días mentres o consumía ao mesmo ritmo que Pereira bebía limonadas.


Pereira é un viúvo con problemas de sobrepeso que edita as páxinas culturais dun xornal vespertino de segunda categoría na Lisboa do 1938. Comeza pensando que o normal é exercer a autocensura para evitar a a censura estatal, e que pode transmitir mensaxes de discordia codificadas ao publicar historias decimonónicas francesas sobre a resistencia e o arrepentimento.

Ten unha relación coa política coma a que mantén coa dieta: algo ao que sabe que debería prestar atención pero que é máis fácil evitar, aínda que ese curso de acción poida acabar matándoo.

O espertar de Pereira vén da man de Monteiro Rossi, o fillo que nunca tivo, e que constitúe,  como na literatura do XIX, o seu outro eu, a personificación da súa conciencia política. Rossi tráelle a Pereira artigos de esquerda que nunca publicará, criticando ao italiano Filippo Marinetti ou eloxiando ao poeta Vladimir Mayakovsky.

Gradualmente, Pereira comeza cuestionarse, a darse conta de que o seu “super-ego está em luta com o seu novo eu hegemónico” (p.159) e de que ten que deixar “de conviver com o passado [e procurar] conviver com o futuro” (p.160).

Tabucchi escribe con lixeireza, cunha concisión e axilidade narrativa que nos arrastra sobre todo a través das conxuncións que son adivais textuais. O estilo é experimental, un testemuño en terceira persoa onde “afirma Pereira” en todo o  texto, suxerindo unha declaración á que foi forzado polos seus opoñentes, malia que o testemuño poida ser como limpou unha cella ou un cambio no tempo. É tan absurdo que nos incomoda ao tempo que nos achega hábilmente ao personaxe e ás súas resonancias emocionais.

Era o dia vinte e cinco de Julho de mil novecentos e trinta e oito, e Lisboa cintilava no azul de uma brisa atlântica, afirma Pereira” (p.12)

E pensou: esta cidade tresanda a morte, toda a Europa tresanda a morte” (p.15)

E a eternidade pareceu-lhe um sítio insuportável, abafado por uma cortina de névoa de calor, com pessoas que falavam inglês e faziam brindes exclamando: oh oh!” (p.16)

Perguntou a si mesmo: em que mundo vivo? E veio-lhe à mente a ideia bizarra de que talvez não vivesse, e era como se já tivesse morrido” (p.17)

E depois pensou noutras coisas da sua vida, mas estas Pereira não as quer referir, pois afirma que são exclusivamente suas e nada adiantam àquela noite e àquela festa onde contra a sua vontade tinha ido parar” (p.22)

Disse: a filosofia parece ocupar-se só da verdade, mas talvez diga só fantasias, e a literatura parece ocupar-se só de fantasias, mas talvez diga a verdade” (pp.31, 32)

“Explique-se melhor, insistiu Pereira. Bem, balbuciou Monteiro Rossi, bem, a verdade é que, a verdade é que obedeci às razões do coração, se calhar não devia, se calhar nem sequer queria, mas foi mais forte do que eu...” (p.46)

Mas eu sou um jornalista, replicou Pereira. E daí?, disse Silva. Daí tenho de ser livre, disse Pereira, e informar as pessoas de maneira correcta” (p.66)

O estilo primario, comprimido e económico destila a esencia do que é ser humano: as conversas de Pereira co retrato da súa muller, a súa relación con Rossi ou con Marta, ou os personaxes que se convirten na súa conciencia (o Padre Antonio, Ingeborg Delgado ou o doutor Cardoso).

Esa lixeireza e habilidade contrarrestan o tratamento dunha temática de tanto peso e gravidade que igual fracasaría de ter engadido interludios ensaísticos ou narradores múltiples. Pola contra, o texto móvese con rapidez conxugada con exquisita delicadeza. O resultado é misterioso, ameazante e desacougante. Invítanos a facer de detectives e a traballar no espazo interpretativo. Unha invitación que sentimos urxente e sedutora.

“A relação que caracteriza de maneira mais profunda e geral o sentido do nosso ser é a da vida com a morte, pois a limitação da nossa existência através da morte é decisiva para a compreensão e a avaliação da vida” (p.10)

Monday, September 12, 2016

The Heart in Books: Galería de saldos

Nos sete anos de andadura do noso club de lectura en Ribeira temos lido novela, poesía, teatro e relato curto. Non deixou de chamarme a atención que os libros de relatos curtos, que tanta relevancia teñen na literatura en lingua inglesa de ambos lados do océano, sempre fosen os peor valorados, especialmente polo público masculino. 

Das diferentes coleccións que lemos (unha escolla propia dos "clásicos" do século XX americanos; Summer Lies; Pieces for the Left HandThe ASBO Fairy Tales e Tales of the Unexpected) só esta última recibiu valoracións positivas. E eu que son gran amante deste xénero porque me parece de gran mestría condensar nunha pílula literaria argumento, personaxes e contexto, cun efecto dramático ou reflexivo e un tratamento completo ou satisfactorio do tema, pregúntome por que seguimos considerando o relato curto de segunda división no campo de xogo da literatura universal.

Paréceme raro porque, ademais, o relato curto vén da tradición oral, especialmente abundante en Galicia, e con marabillosos expoñentes tamén na escrita (Castelao, Otero Pedrayo, Neira Vilas,  Manuel Rivas, Séchu Sende). Alén disto, existen numerosos certames e premios de relato curto que  indican o interese por este tipo de textos. Daquela, que pasa cos lectores? Será que asociamos relato curto a conto? E que o conto tamén segue un pouco menosprezado e enclaustrado nun nicho de lectores específico? 

En todo caso, alégrame atopar coleccións de relatos curtos en galego coma a que hoxe presentamos, Galería de saldos (2016) de Diego Giráldez, ilustrados por Iago Sánchez Losada. Era para min o primeiro texto deste autor e fascinoume desde o inicio, ese dobre epígrafe gin-tonic que presenta o binomio arte-mentira/verdade sazonado coas especias da retranca.


Replandece a lingua, moi Paul Auster, cun coidado traballo de xastrería no padrón das frases, os hilváns das oracións e os parágrafos, e o rematado da estrutura narrativa da colección de relatos. Este capeado postmodernista de elementos, cun coidado e organización case compulsivo, é crucial na fiada de temas de cada historia así como na estrutura global do libro.

A escrita e a súa experimentación formal non pasan desapercibidas, chaman a atención sobre si mesmas, e alértannos tanto da historia como do xeito en que se conta. Así sorprende atopar na lectura adxectivos con guións, ao estilo da lingua inglesa ("auriculares-brancos-Apple" (p. 14); "un tampax de por-se-acaso" (p. 36); "a tribu adolescente deixo-de-estudar-para-facer-un-módulo" (p. 40)) ou palabras-xogo ("As pílulas antidepresivas eran as fieis mascotas grazas ás cales sobremorría"  (p. 52)).

A maior habilidade formal, ao meu parecer, radica nas descricións. Coma no Hemingway de "A Clean, Well-Lighted Place" ou "Hills Like White Elephants", a prosa de Giráldez é aparentemente simple, directa, sen adornos. Quizais como no caso do americano, sexa herdanza do estilo xornalístico e da continua revisión para deixar só o imprescindible, o que marca. Ambos evitan o sentimentalismo barato, pero usan un estilo directo e persoal, rico en imaxes vigorosas con textura terrosa, con palabras lustradas e relocentes. Vaian algunhas mostras:

"Cori ten os dentes contaminados polos excesos e os ósos podres; as pálpebras mornas e os peitos tristes" (p. 23)

"Era un home astuto, suramericano de pel, con pelo de fregona usada e pupilas mecánicas" (p. 29)

"É unha mosca transparente con ás de papel cebola. A súa inxenuidade é toda de vidro" (p. 36)

"Agora xa ten corenta e sete anos - menos un verán- e unha sensación que restarlle ás plantas dos pés" (p. 45)

"Señoras que, grazas a un simple aceno sacramental, soportan a presión dos plenilunios do escaparate de Loewe para non se converter en lobas" (p. 116)

"Rebeca botábase tanto de menos que tan só era quen de soñarse sorrindo nunha praza de Lisboa..." (p. 122)

"Porque a cama da Otero era un poliedro no que cabalgaban señoritos e xente do común, sotanas e bastóns de mando, policías e ladróns, pistolas e flores" (p. 153)

Tamén chaman a atención os aforismos-case-greguerías que pintan imaxes tan vívidas coma as das obras de arte que ilustran cada relato:

"As cidades non teñen por que chorar por ti. Nin sequera están obrigadas a saber que sofres. Elas só coñecen a coreografía da habitualidade. E bailan" (p. 40)

"Vivir a infancia no sea dunha familia que non te escoita é almorzar cada mañá nun estado de sitio axeográfico" (p. 46)

"A sinceridade é coma unha escopeta cargada en mans dun chimpancé" (p. 57)

"Non hai coma ter unha nai en  nómina traballando na cadea dos sorrisos que non esperas" (p. 92)

"Pasarei a noite nesta pompa de xabón de cianuro" (p. 110)

"Ninguén saberá endexamais se é de xustiza que unha muller viva nun parto eterno, que non deixe nunca de empurrar para subministrar vida" (p. 116)

As descricións sucintas e a narrativa directa con puntadas líricas son as que nos invitan precisamente a ir deshilvanando cada un dos personaxes de Galería de saldos. E ao contemplalos vemos que están en crise, sós, á deriva ou nunha situación de desequilibrio,  tanto que se achegan ao límite do que poden aguantar ou mesmo o traspasan -moi Austeriano tamén. A busca da identidade e a incerteza, relatividade, inacessibilidade e elusividade resultantes lévaos á reflexión e ás veces á condena, no seu esforzo imposible por agarrar ese eu intanxible.

Os límites do eu tamén se difuminan ou multiplican,  o individuo amalgámase coa sociedade, nunha interdependencia faulkneriana do home co seu ambiente social. Coma Faulkner, Giráldez recréase na creación de retratos despiadados, "xente de carne e óso que é quen de erguerse e proxectar unha sombra".  Explora a sociedade do mesmo xeito que o fai o narrador de "The Man of the Crowd" (Edgar Allan Poe), espiando inicialmente a multitude para despois zoomear no individuo en particular, destripando a anatomía da sociedade, criticando os roles asignados, buscando a identidade (ou ausencia ou fragmentación dela) do individuo e retratando a fuxida da soidade. A realidade imponse, e esta dialéctica adoita rematar co individuo absorbido pola sociedade -"Ce grand malheur de ne pouvoir être seul". Malia todo, ata os ciclos do corazón poden resultar daniños:

"Acadaba o acougo cando, con dous dedos, atopaba o corazón no pescozo e se convencía de que todo era mentira" (p. 24)

"Gloria é imbécil máis sigo con ela, por amor. Gasta corazón de látex e bicos de cloroformo" (p. 36)

"Escribían con fume corazóns de fotonovela cando un compañeiro do músico, un percusionista sen tacto, abriu a porta do bar para avisar do comezo do ensaio" (p. 140)

Nin sequera a arte dá unha vía de escape na Galería de saldos, máis ben, é un xeito de "atopar orde no caos, de enfrontarse á vida" (Robert Hayden), e así aparece totalmente mercantilizada: no líquido desatoador, nun bolso, nunha almofada, un calendario, un edredón ou unha tatuaxe entre outros.

Só dúas cousas nos salvan de embarrancar no pesimismo: inspirar as reviviscentes burbullas da intertextualidade (música (Palito Ortega, Marisol, Adriana Varela, Luis Eduardo Aute, The Eagles, Magín Blanco, ...), literatura (Anne Sexton, Baudelaire, Iolanda Zúñiga, Jane Goodall,...), cine (Roger Corman,  Ben-Hur, Sunset Boulevard,...) e por suposto esculturas e pinturas); e por outra banda, elixir a imaxe que nos permita alentar, e unha das vantaxes dos relatos curtos é que nesta galería hai moito onde escoller. Persoalmente, quédome con dúas: o zapato cheo de puntos de cores en papel charón e os poemas horribles dos que se aman mentres tragan a neurodexeneración.


Tuesday, August 30, 2016

Letters in Books: A memoria da choiva

Aínda que loce o sol brincadeiro de agosto, escribo sacudindo dos ombreiros as pingas envolventes e a humidade da textura nubrada de A memoria da choiva (2013), de Pedro Feijoo. Agradezo enormemente a Ana Mosquera a recomendación e a Dolores López o empréstito. Graciñas ás dúas!


Sinto especial afección polo xénero detectivesco e o roman noir, como xa vos teño comentado (Agatha Christie, Sir Arthur Conan DoylePatricia HighsmithHenning MankellStieg Larsson, Jo NesbøDashiell HammettDomingo Villar) e neste ano en particular, no contexto das novelas detectivescas debatidas no noso club de lectura, A memoria da choiva foi un feliz descubrimento.

Entre noir e novela de misterio, revisitamos escenarios cercanos e coñecidos coma Santiago, Vigo, Coruña, Padrón ou Arteixo da man de personaxes coma Aquiles Vega (cos seus contrapuntos desdibuxados Casaperda e Sevilla) e Sofia Deneb. O primeiro comparte trazos con Kurt Wallander, Sam Spade, Philip Marlowe ou Leo Caldas, sobre todo o seu sexto sentido detectivesco (sen ser detective!) pero tamén ten o seu aquel particular, como demostra a súa relación co seu talón (p.288) ou algún extracto coma este a seguir onde entrevemos as súas cordas sensibles: "Mira, eu non sei que cousa é esa felicidade pola que preguntas (...) con ela marcharon a plenitude e máis a felicidade. E o resto? O resto non son para min máis ca instantes soltos de algo parecido á calma. Pequenas, moi pequenas illas de tranquilidade no medio de grandísimas extensións de soidade. Un océano de tristura sen fin. Iso é para min a vida..." (p. 274). Pola súa banda, non atopamos en Sofía Deneb a típica femme fatale do xénero, nin tampouco unha Lisbeth Salander xusticieira, senón unha erudita competente cuxos coñecementos son imprescindibles para o entendemento (e resolución) do enigma.

O estilo de Feijoo é nu, crocante, brutalmente honesto, cunha combinación de descarnado realismo urbano e humor retorcido, lindando co hardboiled de Dashiel Hammett e o seu achegamento minimalista en The Maltese Falcon. Vaia como exemplo o ritmo comedido na descrición da reacción de Vega cando atopan o corpo dunha das vítimas (p. 79) que recorda á de Sam Spade liando un cigarro mentres lle anuncian a morte de Archer. Emocións que laten baixo a superficie, o emprego do understatement, non para enganar senón para aumentar o impacto da impresión no lector. 

O mesmo ocorre coa descrición dos personaxes, case ao estilo de Hemingway, breve, máis suxestivo que directo, pondo máis énfase nos substantivos que nos adxectivos. Non se nos dá unha longa descrición dos personaxes, máis ben preséntanse case como destapando unha botella sen servir o seu contido, deixando que o lector achegue o nariz e capte a esencia, o aroma, as sutilezas de cada un deles.

Ademais, hai cartas na novela,  hai e-mails con poemas (cruciais na trama) e hai poesía na prosa:

"E valéndose moi partidariamente da escasa correspondencia persoal que dela se conserva" (p. 160, 161)

"E cóntase tamén que, entre tanto, o pobre rapaz ía morrendo coa dor no peito e a mágoa no corazón. Por que non recibían resposta as súas cartas?" (p. 166)

"Unha canción triste de melodía amarga que todas as pedras da cidade cantaban en silencio, os seus ollos cegos postos no máis escuro do firmamento" (p. 382)

"Exacto, señor De Brión, exacto: o noso mal é o noso propio corazón. Témolo ferido. E, señor, canto nos doe, canto nos doe!, a nós, que sabemos que non se pode sandar dos males do corazón porque a Choiva nolo dixo" (p. 316)

"A xente, señor Vega, xa non escoita os poetas. Non. Xa ninguén dá un peso por nada, e ninguén fai nada por ninguén. Esquecérono todo, a gente esqueceu as persoas, e as persoas esqueceron a poesía. E os versos, señor Vega, os versos sentiron gana de morrer" (p. 421)

estrutura recorda de novo á de Hammett: un comezo humilde (a resolución dun asasinato) que vai escalando en intensidade para convertirse nunha cacería que nos levará por algunhas arañeiras e MacGuffins, acentuando así o escuro misterio  que constitúe a elaborada trama da novela. Se en The Maltese Falcon andamos tras do falcón, en A memoria da choiva, saímos co paraugas a un mundo inconstante e corrupto onde nada (nin a propia historia) é fiable, e procuramos a revisión do mito a través dunha historia intensamente fermosa. 

Sunday, June 5, 2016

Ernest Hemingway's Love Letter to Marlene Dietrich

Noutra anotación falamos da carta que Ernest Hemingway escribiu a Marlene Dietrich no 1955 e que foi a primeira carta dispoñible para subasta pública desde 1997. Se vos interesaba mercala, sinto decepcionarvos, vendeuse no 2014.

A carta data do 28 de agosto de 1955 e está dirixida a "Dearest Kraut", a apelativo co que se dirixía a Dietrich, e firmada "Papa". Escribiuse durante a rodaxe do filme The Old Man and the Sea e seis anos antes do suicidio de Hemingway. Dietrich estaba no medio da súa exitosa carreira nas Vegas e ámbolos dous tiñan as súas respectivas parellas, pero tiveron esta relación amorosa. A Hemingway xa sabemos que lle gustaban as mulleres e Dietrich tamén fixo o que puido con JFK, Greta Garbo e John Wayne.

Coñecéronse no Île de France, un barco de luxo, de camiño a Nova Iorque no 1934. Hemingway viña dun safari africano e Dietrich voltaba despois de visitar á familia na Alemaña nazi. Intercambiaron cartas durante trinta anos. Hemingway explicoulle a un amigo que a súa aventura nunca se consumara porque eran "vítimas dun amor non sincronizado. Cando eu estaba desenamorado, a Kraut estaba nunha profunda tribulación romántica, e cando Dietrich estaba na superficie nadando con eses ollos buscóns, eu estaba sumerxido" (traducido deste artigo).

Dietrich queixárase da reacción a un dos seus espectáculos nas Vegas. Na carta, Hemingway imaxina como se pode mellorar a actuación, primeiro cunha fantasía explícita entre eles dous, despois máis serio falándolle do seu traballo e dos seus sentimentos por ela.






Dearest Kraut :


Thanks very much for the good long letter with the gen on what you found wrong. I don’t know anything about the theater but I don’t think it would occur to me, even, to have you introduced even to me with strains of La Vie En Rose. Poor peoples.


If I were staging it would probably have something novel like having you shot onto the stage, drunk, from a self-propelled minnenwerfer which would advance in from the street rolling over the customers. We would be playing “Land of Hope and Glory.” As you landed on the stage drunk and naked I would advance from the rear, or from your rear wearing evening clothes and would hurriedly strip off my evening clothes to cover you revealing the physique of Burt Lancaster Strongfort and announce that we were sorry that we did not know the lady was loaded. All this time the Thirty ton S/P/ Mortar would be bulldozing the customers as we break into the Abortion Scene from “Lakme.” This is a scene which is really Spine Tingling and I have just the spine for it. I play it with a Giant Rubber Whale called Captain Ahab and all the time we are working on you with pulmotors and raversed (sic) cleaners which blow my evening clothes off you. You are foaming at the mouth of course to show that we are really acting and we bottle the foam and sell it to any surviving customers. You are referred to in the contract as The Artist and I am just Captain Ahab. Fortunately I am crazed and I keep shouting “Fire One. Fire Two. Fire Three.” And don’t think we do not fire them. It is then that the Germ of the Mutiny is born in your disheveled brain.


But why should a great Artist-Captain like me invent so many for so few for only air-mail love on Sunday morning when I should be in church. Only for fun, I guess. Gentlemen, crank up your hearses.

Marlene, darling, I write stories but I have no grace for fucking them up for other mediums. It was hard enough for me to learn to write to be read by the human eye. I do not know how, nor do I care to know how to write to be read by parrots, monkeys, apes, baboons, nor actors.


I love you very much and I never wanted to get mixed in any business with you as I wrote you when this thing first was brought up. Neither of us has enough whore blood for that. Not but what I number many splendid whores amongst my best friends and certainly never, I hope, could be accused of anti-whoreism. Not only that but I was circumcised as a very early age.


Hope you have it good in California and Las Vegas. What I hear from the boys is that many people in La Vegas (sic) or three or four anyway of the mains are over-extended. This is very straightgen but everybody knows it if I know it although I have not told anyone what I’ve heard and don’t tell you. But watch all money ends. Some people would as soon have the publicity of making you look bad as of your expected and legitimate success. But that is the way everything is everywhere and no criticism of Nevada or anyone there. Cut this paragraph out of this letter and burn it if you want to keep the rest of the letter in case you thought any of it funny. I rely on you as a Kraut officer and gentlemen do this.


New Paragraph. I love you very much and wish you luck. Wish me some too. Book is on page 592. This week Thursday we start photography on fishing. Am in charge of fishing etc. and it is going to be difficult enough. With a bad back a little worse. The Artist is not here naturally. I only wrote the book but must do the work as well and have no stand-in. Up at 0450 knock off at I930. This goes on for I5 days.


I think you could say you and I have earned whatever dough the people let us keep.


So what. So Merdre. I love you as always.


Papa


Monday, May 23, 2016

Letter-writing Practices and Rituals

Por que algunhas persoas nos sentimos atraídas polos rituais da escritura de cartas?


A verdade nunca me parara a pensalo. Eu só sei que me gustan eses rituais relacionados coa escritura de cartas: elixir unha postal ou papel para unha persoa en particular, buscar un sobre adecuado, quizais un recorte, decoración ou mensaxe para engadir. Sentarme cunha taza de té na terraza e pensar nesa persoa, no que lle preocupa, as vivencias xuntos, o que fixo por min, o que lle gusta. Escoller o contido e a orde. Coller o bolígrafo e ir tecendo palabras co fío do pensamento e a emoción - a parte que máis concentración require, pois non me gusta editar, tachar, nin pasar a limpo, prefiro pensar ben o que escribo antes. Reler o resultado unha última vez e "kiss it goodbye", deixala ir. Pegarlle un selo e enviala. E despois agardar con paciencia (como custa!) a que lle chegue, imaxinando a reacción cando a atope no buzón, a abra, a lea,... Dame igual que responda ou non responda, que haxa ou non reacción, porque o que me encanta é o acto de escribila en si.

Pero cal é a razón de que nos enfeitice esa escritura? Na páxina de Storyacious publicaron unha entrada cunha posible teoría, baseada nas catro dimensións dos rituais que establece o sociólogo Mervin Verbit. Estas dimensións son: o contido, a frecuencia, a intensidade e a centralidade (importancia dentro da nosa vida). É certo que Verbit aplica estas dimensións aos rituais relixiosos, pero realmente poden extenderse a outras áreas das nosas vidas, e o que se indica é que as actividades que inclúen esas catro dimensións nos motivan a prestar máis atención e proporcionan un espazo no cal desenvolver a nosa creatividade. Ollo que non quere dicir que os rituais desenvolvan a creatividade, senón que estes crean as condicións apropiadas para que floreza, en contraste, por exemplo, cos correos electrónicos, que son máis inmediatos e non tan consistentes en termos de frecuencia e intensidade; ou coas entradas dunha bitácora coma esta, que non son comunicación de ti a ti, senón para unha audiencia máis ampla.

Ademais, como pasa ca maioría das cousas na vida, canto menos cartas se escriben, máis se valoran como un especie de tesouro ou extravagancia. De aí que autores que aínda viven como Hanif Kureishi e Billy Collins xa se encargaran de deixar a súa correspondencia persoal (correos electrónicos e cartas) a institucións académicas para conservala para a posteridade. E lembrade a entrada sobre o filme Her, onde o protagonista, Theodore Twombly (Joaquin Phoenix) traballa para unha compañía que ofrece un servizo profesional de escrita de cartas persoais para xente dun mundo futuro que non quere pasar o traballo de escribir correspondencia persoal do seu puño e letra pero que, curiosamente quere enviala a outros que, tamén curiosamente, a queren recibir.

E despois está o caso da carta de Ernest Hemingway a Marlene Dietrich da que falaremos polo miúdo noutra entrada, pero adiantemos aquí que se vendeu por unha cifra máis obscena que os contidos da carta. Case que se está a producir unha fetichización das cartas, non?