Showing posts with label Marta Dacosta. Show all posts
Showing posts with label Marta Dacosta. Show all posts

Tuesday, October 24, 2017

Words in Poems: Marta Dacosta (III)


DES-TECER

PENÉLOPE VOLVE TECER a súa historia
como a primeira vez

inicia o seu relato
desvela esta memoria
convencida
de que nunca antes escoitamos as palabras
coas que volve dar luz ao seu pasado

Penélope tece a tarde
sen reparar que volve deseñar
ese tapiz de segredos e conversas
que constrúen a historia familiar

unha e outra vez

e nós
entregadas á memoria das ausentes
volvemos escoitar
as súas voces de sal e de humidade
como rede que envolve
e illa do frío do futuro
construíndo baixo os pés
a lousa firme sobre a que caminarmos
sen soltar o nobelo do pasado
candil que rompe contra as tebras
porque tecemos
e destecemos
contra as tebras

En Na casa da avoa (2017)

Saturday, October 7, 2017

Hands in Poems: Marta Dacosta (II)




NO TÚNEL DE LUZ  branca que entra no andar
máis alto
a man descobre unha moneca
mutilada

mutilada polas sombras somnámbulas
que atravesan
os corredores da noite
para recrear o medo
no interior da casa

a nena terma da moneca mutilada

a nena terma da moneca mutilada
a moneda loura
                                               cabelos desgreñados
de ollos azuis
                                           pestanas tronzadas
                                      ollos estrábicos
corpo sen marcas
                                                                a pesar dos membros arrincados
                                          a pesar dos golpes
desgreñada          como a infancia
tronzada              como a infancia
estrábica             como a infancia
arrincada    a infancia
golpeada
aquelas monecas louras
ás que nunca se asemellaría
na imitación da imaxe feita dum varrido de 625
liñas

porque a única realidade que abría unha ponte coa
        pantalla
eran as areas movedizas
en branco e negro
que a man engullendo pouco a pouco
até facela insensíbel

moneca mutilada de azuis vestidos con bordado
de niño de abella e manga globo
vestidos estampados por enriba do xeonllo porque
as nenas
podían mostrar un naco de corpo
celestiais criaturas na ringleira do confesionario
en que só había un tallo
e a nena non debía mancar os seus xeonllos
na dura táboa de madeira
incrustada de estelas carnívoras

En Na casa da avoa (2017)

Saturday, August 12, 2017

Hands in Poems: Marta Dacosta



A MULLER do retrato
do fotógrafo aquel na rúa do paseo
é a muller do poema
     o rostro arado polo tempo
     as mans deformadas de esfolar
     ásperos cazóns
aínda leva o pano na cabeza
e a ropa escura que deixaron
os que embarcaron na chalana
                                                derradeira
a muller do retrato
                                                a muller do poema
sabe da fame
e da soidade
     porque fixo o milagre de multiplicar o pan
           e o peixe
     en cada prato que colocou na mesa
porque contou os nós das redes
para enganar o tempo das ausencias
     o tempo que se detiña
                             i n s o p o r t á b e l
apenas tivo nada de seu
mais deixou por legado
esa mirada larga
coma proa que avanza
     alfaia
     que adornou aquel corpo
     de pel deshidratada
     comido pola artrose
e hoxe que a contemplo
parada na rúa do paseo
vexo a Muller capaz
de parir o pan de cada día
de soster o futuro
construír a vontade
con que mira directa
a través do retrato

En Na casa da avoa (2017)

Monday, December 5, 2016

Hands in Poems: Marta Dacosta (II)


podemos ter na man un pozo de tristura
e levar unha dor inmensa en cada poro
e falar e vivir na rutina da vida
e levantar a voz de quen nos acompaña
e termar do seu paso con firmeza e agrado
e ter nas nosas mans un pozo enorme de tristura

en En atalaia aberta (2000)

Sunday, November 6, 2016

Hands in Poems: Marta Dacosta



Non hai nada que dicir nesta noite crecente.
Só que as estrelas viven lonxe das nosas mans,
e estamos nesta cuncha que un día abandonamos
e á que ás veces volvemos, para ratificarnos.
Só que a cuncha nos pesa, e as camelias prenderon,
tan lívidas no borde do xardín inventado,
e que somos de novo as nenas que deixamos
a durmir na memoria dun faiado dorido.
Só que sobrevivimos á certeza dos días
e dos seres que foron construíndonos muros
mentres o río cala a pesar das fervenzas
e segue o mesmo curso que seguiu desde o inicio.