Showing posts with label Xabier López Marqués. Show all posts
Showing posts with label Xabier López Marqués. Show all posts

Friday, May 27, 2016

Writing in Books: Un verán. Das dúbidas dun poeta


Hai un par de semanas atopei un regaliño na Conserxaría: o libro Un verán (2015), de Xabier López Marqués, poeta e compañeiro no IES Número 1 de Ribeira. Agradézolle enormemente a Xabier o agasallo porque hai tempo que lle ando a quentar a cabeza preguntando pola súa escrita. E aquí me lanzo a escribir sobre o libro, por unha banda, con decisión porque aborda o tema das palabras, da escrita, que vimos tratando nesta bitácora; porén tamén cun pouco de medo, sabendo que entro dentro do grupo que Xabier califica como “Lector “analfabeto”” que busca a evasión, mesmo o divertimento, engadiría eu.
  


A lectura efectivamente divertiume, e seméllame a escrita de Xabier un xogo de brincadeira onde ás veces se ri del mesmo e por ende dos poetas e dos artistas, pero tamén do lector (ou eu polo menos, como lectora, sentinme vacilada), o cal non deixa de ser unha experiencia ben interesante. Finalmente, xa que empregarei citas, como vén sendo habitual na bitácora, direi que as utilizo, non por “distanciarme do texto” (p. 15) senón por admiración, porque desexaría que esas palabras se me tivesen ocorrido a min.

Nunha primeira ollada ao libro, chamáronme a atención dúas cousas: unha é a orixinal caligrafía de Xabier, que me semella territorial, enerxética e espontánea. E a outra é que hai seccións riscadas no texto. É a primeira vez que tal vexo nun libro, así que aínda que estaba con outras lecturas, atraíume e non puiden pospoñer Un verán.


Xa no comezo, preséntase o libro coma unha monlla de textiños “froito do estado de ánimo vagaroso que me produciu a calor dun verán cheo de insomnios e de ritmos moito máis prosmeiros que os habituais” (p. 9) que logo se explica que se escribiron co motivo de “Gandainear, vandiar, errabundar!” (p. 68). A súa “negación do definitivo” e a concepción da “Obra en continua transformación” explica os riscados, xa que lle gusta “amosar o borrador do traballo” que fai para que se vexan “os vieiros polos que [chegou] a unha solución ou a outra” (p. 59).

Encántame a reflexión sobre o desexo de “liberar as palabras para que sexan elas mesmas, soas, as que establezan as relacións que desexen (tomando o tempo que precisen)” (p. 69), a ansia de  buscar “o prego máis inmaculado (...) Torcer as palabras sílaba a sílaba, fonema a fonema, ata escoar o máis diminuto significado que poida agochar, levar a Lingua ao punto de escordadura (de entorse?), de luxación, un tour de force” (p. 63).

E este proceso de escrituraapréndese. É unha técnica. (...) é un oficio” (p. 44).  Pero parello ao acto de escribir, está o de non escribir, e daquela “falamos realmente de que non quede nada rexistrado no papel, ou nos referimos a quitarlle lastre ao que se escriba” (p. 46). Indo máis ao específico, á poesía en si, “Na Poesía a vida foxe polas fendas dos fonemas de cada sílaba” (p. 12), “habita as palabras e os espazos que atopa entre elas ou dentro“ (p. 14), “todo depende do significado de cada palabra, do seu emprego” (p. 56).

Neste sentido, o mestre das palabras irrítase coa “falla de “precisión”, ese descoido no rexistro” (p. 56) cando alguén di que algunha das súas reflexións teñen moita chicha, e cuestiónase se “Existe realmente un, só un, lector “capacitado” para, polo menos, comprender, aínda que sexa mínimamente, de que estou a falar?” (p. 67), punto que reitera noutras das reflexións (“gustaríame empregar a palabra verdasca, pero requiriría, esixiría, un lector dos que non existe, que apreciase a súa silueta esvelta, firme e flexíbel...” p. 38).

E por último,  as miñas desculpas para o autor porque sei que a entrada carece de rigor (“O rigor ten que ver tanto coas verbas que non se din (coas que se rachan...) como coas que se din” (p. 16)) e non entra na categoría de “discurso maduro” (p. 67), pero espero que mo poidas perdoar, Xabier, porque pertenzo ao grupo dos novatos que  aínda cren que o corazón é máis que un músculo” (p. 14).

 

Graciñas, Xabier, polo libro e pola experiencia de aprendizaxe!


Thursday, May 26, 2016

From Hand to Heart: The Heart in Poems

Se adicamos a entrada número 100 desta bitácora ás mans, era predecible que a 200 ía ir para ao corazón. Historicamente, este órgano tense considerado o asento dos sentimentos. Sempre me pareceu fascinante que os exipcios o viran como a fonte da alma, a memoria, as emocións e a personalidade e, de feito, pesábase no xuízo despois da morte. Curiosamente, durante a momificación, gardábase o corazón e tirábase o cerebro.

Aristóteles tamén o dicía, o corazón era a fonte da intelixencia, o movemento e a sensación, comprían o cerebro e os pulmóns para o arrefriar; e aínda que outras fontes gregas, como Galeno (que pensaba que a razón se orixinaba do cerebro pero as paixóns do fígado!), estaban en desacordo con Aristóteles, o homiño influenciou moitísimo o pensamento europeo na Idade Media e só foi no Renacemento cando se deron conta que o corazón o que facía era bombear o sangue. Punto.

Entón, moitos autores se teñen centrado neste órgano como símbolo do pensamento, as emocións e a alma. E malia que xa sabemos a verdade científica, a metáfora segue persistindo e continúa a namorarnos. Xa vos contarei noutra entrada o que ten que dicir sobre isto o poeta
Xabier López Marqués.

Celebremos daquela esta entrada con cinco poemas escollidos sobre o corazón.
 

O coraçao è pequeno,
coitado, e trabalha tanto!
De dia a ter que chorar,
De noite a fazer o pranto

-          Descríbeme su corazón
-          Parece un lago helado
en el que se va borrando
el rostro del niño que un día fue.


Os trocos

Douche o meu corazón, esta cachimba
na que fumo as tristuras do meu tempo.
douche tamén as azas, este anceio
imposíbel de ser paxaro ou vento.
Regáloche os meus ollos, estas fiestras
do sótano de min, onde resido.
Espido estou, de meu xa nada resta.
Todo o que tiña é teu.
En troques, dame amor, unha surrisa
e déixame ir contigo
collidiños da man.


Never Give All the Heart 

NEVER give all the heart, for love
Will hardly seem worth thinking of
To passionate women if it seem
Certain, and they never dream
That it fades out from kiss to kiss;
For everything that's lovely is
But a brief, dreamy. Kind delight.
O never give the heart outright,
For they, for all smooth lips can say,
Have given their hearts up to the play.
And who could play it well enough
If deaf and dumb and blind with love?
He that made this knows all the cost,
For he gave all his heart and lost.



CAROLYN FORCHÉ

Because One Is Always Forgotten

In memoriam Jose Rudolfo Viera
1939-1981: El Salvador


When Viera was buried we knew it had come to an end,
his coffin rocking into the ground like a boat or a cradle.

I could take my heart, he said, and give it to a campesino
and he would cut it up and give it back:

You can’t eat heart in those four dark
chambers where a man can be kept years.

A boy soldier in the bone-hot sun works his knife
to peel the face from a dead man

and hang it from the branch of a tree
flowering with such faces.

The heart is the toughest part of the body.
Tenderness is in the hands.

Na leira da miña avoa, a terra namora ás raíces das pataqueiras e elas regálanlles o seu corazón con alegría

Graciñas, Miro Villar, por darme a coñecer a poesía de Carolyn Forché