Showing posts with label bookshop. Show all posts
Showing posts with label bookshop. Show all posts

Sunday, March 22, 2020

Realm of Books (VII): Barter Books

Onte, Día da Poesía, Miro Villar daba difusión a un chío que recuperaba o mantra de "Keep Calm and Read Poems". E veume á cabeza un lugar precioso que visitamos no 2012.

Trátase de Barter Books,  unha libraría de segunda man cun encanto especial que a New Statesman magazine denominou "The British Library of secondhand bookshops". Está localizada en Alnwick, no Norte de Inglaterra (Northumberland) e, como vedes nas fotografías que seguen, o acceso xa é prometedor.






O edificio é magnífico: unha estación de tren victoriana deseñada por William Bell en 1887 que foi reformada no 1991 por Mary Manley, unha muller que tivo a idea de abrir unha libraría basada no troco (barter). O seu home, Stuart, apoiouna na idea e suxeirulle que a abrise no cuarto frontal da súa planta de manufacturación. 







Cunha luz diáfana que o inunda todo, Barter Books é unha libraría acolledora, amigable, das que convida a perderse entre os seus andeis, entreterse lendo as citas que enchen de poesía o local ou ollando os enormes murais que penduran dos teitos. Todo o mundo pode atopar o seu sitio: de par dalgunha das chimeneas que amornan a temperatura; no cuarto dos nenos, cheo de xoguetes e xogos; ou admirando as antigüidades acubilladas nalgún dos 40 andeis acristalados. Se nos entra a debilidade, ou as ganas dalgunha larpeirada, The Station Buffet serve café, comida, té e galletas. 











Antes de írmonos, unha sorpresa final: os pósters da Segunda Guerra Mundial. Si, eses tan coñecidos  grazas ás redes sociais de "Keep Calm and Carry On", cun deseño sinxelo pero efectivo, que logo sufriron miles de variacións, están aquí, en Barter Books. Podedes ver a historia do seu descubrimento aquí. A mensaxe segue mantendo o seu ímpetu e cobra significado renovado nestes tempos.




Thursday, August 8, 2019

Realm of Books (VI): Re-Read



A descuberta da franquicia de librarías de segunda man Re-Read débolla en dobre partida a Nacho Rodiño e Mar Vaamonde. Neste establecemento tes a posibilidade de  mercar e vender porque, como indican no escaparate, sempre hai libros lidos e por ler.

Os prezos son fixos: un libro custa 3€, dous 5€ e cinco 10€. A estrutura dos locais é organizada  e a estética nítida, o cal facilita a labor de atopar libros do teu centro de interese. Ademais, os detalles están moi coidados, como a decoración e os marcadores, pasaportes e postais. Encántame tamén o seu proxecto solidario "Deja que tus libros vuelen" que organizan xunto coa Fundación Comparte. A través desta iniciativa, podes escoller un libro de literatura infantil/xuvenil e un destino (Ecuador, Chile ou Honduras); logo só tes que metelo nun sobre Re-Give Books e envialo por correo. Despois, pasará a formar parte dos fondos dun bibliobus que percorrerá as rúas deses países para achegar os libros aos máis pequenos.

Temos Re-Read en Galicia tanto n'A Coruña como en Santiago, aínda que as fotos que vos deixo son da primeira.













Tuesday, December 25, 2018

Realm of Books (V): Gallaecia

Nunha calella estreitiña do núcleo histórico de Noia hai un edificio con veas de letras e corazón de palabras. 



Gallaecia é unha libraría envolta por un pericardio tímido que a mantén no seu lugar. Postais e fotos ancoran o territorio no diafragma espacio-temporal que sobe e baixa domado polo capricho dos seus donos. "1168-2018" reza un cartel que flirtea coa caducidade. Porque o tecido da vida, coma o  das historias, é un líquido  que flúe constante e vivo ante a transitoriedade. Só nos queda achegar os nosos dedos ao pulso carmesí das páxinas para albiscar apenas a súa constitución e calibre. 





A estrutura anatómica interior está dominada do teito ao chan por veas de madeira que acubillan o osíxeno vital das palabras. As de Castelao, Pizarnik, Borges, Cortázar, De Luca ou Storni axudan a regular a temperatura corporal do visitante. En finísimas arterias repousan as letras de metal agardando deixar cicatrices na virxindade do papel.

E no centro, vixiante, un corazón, unha bomba que rexe e mantén a cantidade e calidade do líquido tisular: Lois Agrelo, un apaixoado dos libros que comezou hai 25 anos unha colección particular para fuxir do estrés que lle xeraba o seu traballo.  Buscaba volumes que non se reeditaron daqueles exiliados en América coma Arturo Cuadrado ou Luís Seoane e comezou a mercar por internet e a constituír unha colección de textos que "era doado conseguir porque alí non os valoraban"






A colección foi medrando pois xa tiña o becho dentro, ese que fai que o que "o que realmente [goce] é a caza, a busca, o rastrexo". Acabou precisando un espazo propio, de aí que mercasen o edificio no que se atopa Gallaecia, dous andares cheos de libros que están coidadosamente inventariados na web, incluíndo todo tipo de detalles coma o seu peso ou o seu estado de conservación.

Entre eles, un grupo de libros especiais: os daqueles viaxeiros que pasaron por Galicia e recolleron as súas impresións sobre a terra, a nosa xente e as tradicións e costumes. Nina Epton, Aubrey Fitz Gerald Bell ou Ruth Matilda Anderson, que tamén tiveron o seu protagonismo na vitrina deste espazo. 



Lois é detallista e non só garda libros, senón tamén os folletos de exposicións que foron fitos neste país, como a primeira sobre Ruth Matilda en Galicia no ano 1998.

Este home é tamén unha válvula mitral que se abre e pecha continuamente controlando con mestría o fluxo das historias, ben sexan do mercado de edición británico, da Hispanic Society of America, da madeireira punteira de Porto do Son, a biografía tráxica de Delmira ou as últimas exposicións do Prado.

Convídovos a visitar este espazo do que unha sae coa alma apaciguada, o ciclo cardíaco ralentizado e un par de fascículos apretados contra o peito. O de His xa está dentro e o de Noia pide entrada.


Sunday, May 6, 2018

Realm of Books (IV): Punto e Coma


En pleno centro da cidade de Ourense podedes atopar a libraría Punto e Coma. Na súa web defínense como "ese espazo que imaxinas cando queres perderte entre ducias de obxectos marabillosos". Desde a rúa chamaranche a atención eses obxectos orixinais, moi nosos.





Os meus produtos favoritos (ademais dos libros, claro) son os pósters e postais de Miguel Robledo, un ilustrador ourensán que "plasma soños no papel", combinando as nosas referencias culturais coa innovación e a modernidade.







Punto e Coma é pequeniña e acolledora. A sección infantil é moi completa con libros, xogos e crebacabezas.

Ten tamén todos os libros da Aira Editorial que naceu en Allariz da man da experiencia lectora e lletraferit da libraría Aira das Letras. A súa web indica que son "unha fábrica de soños, un punto preciso onde a imaxinación se converte en belezas de papel".



Sunday, April 1, 2018

Realm of Books (III): Centésima Página






Centésima Página é unha libraría localizada na Casa Rolão en Braga. O nome alude a unha fermosa cita de Albert Camus (1913-1960): 


"Se tivesse que escrever um livro de moral, as primeiras 99 páginas ficariam em branco e na 100ª PÁGINA escreveria uma só frase: Existe um único dever, o dever de amar". 
No 1999 abriu a libraría na Praça da Faculdade de Filosofia, mais desde 2005, está situada na Casa Rolão, un edificio de estilo barroco (S.XVIII) cuxa construción se atribúe a André Soares. 






A 100ª Página, alén de vender libros, ten un papel activo no fomento da lectura e a cultura, de feito defínese como "uma livraria independente, onde se realizam exposições, apresentações de livros, debates, concertos, animações infantis, ateliers, entre outros".

Hai actividades permanentes para os/as nenos/as: o segundo sábado de cada mes ofrecen unha animación de contos infantís realizada polo colectivo Cont'Arte, un grupo de teatro infantil. 








No espazo da Casa Rolão, ademais da libraría, hai unha cafetaría moi agradable e luminosa para acompañar a lectura dun cha e bolo;  e un pequeno xardín onde se respira paz e tranquilidade.









Grazas, Celia Pereira, por descubrirnos outro reino das palabras!