Showing posts with label Francisco Castro. Show all posts
Showing posts with label Francisco Castro. Show all posts

Thursday, November 3, 2016

Letters in Books: Tes ata as 10

A morte do pai. O drama, a taquicardia, o cansazo, a ansiedade. Un mail que entra na caixa de correo enviado polo pai. Oh - oh.

Así é como Francisco Castro dá comezo á súa novela Tes ata as 10 (2014). E se non sabías que Castro é un enxeñoso contador de historias, quedarache ben claro antes de rematar o libro, algo que ocorrerá moito antes das 10 que o título che marca como límite.



A historia segue unha liña similar á dunha famosa novela (mesmo levada ao cine) de Robert James Waller ou da obra de teatro do libanés Wajdi Mouawad, Incendiesde cuxa adaptación á gran pantalla tamén falamos xa nunha entrada previa. A novela non deixaría de ser unha variación da clásica investigación dunha historia familiar que non é a que parece, se non fose polos elementos que engaden unha brisa fresca ao texto: as referencias a  outros autores (Verne, Dahl, Stevenson) e outros textos (A illa do tesouro, Charlie e a fábrica de chocolate, Dr Jekyll e Mr Hyde, Vinte mil leguas baixo dos mares) e por suposto as fermosas Cartas náufragas, un remosque inesperado na lectura. 

Alén disto, é unha novela sensorial, de deleitarse nos sabores dunha chocolatina ou de empanadillas na cama; de recender a fragancia da tinta; de escoitar o bater das teclas da Underwood, os pasos dunha muller nun piso ou as melodías dos Beatles; de evocar a frialdade dunha chave, a suavidade das páxinas dun xornal ou o papel brillante das fotografías; e sobre todo de mirar alén, de ver o que non se ve, de deconstruír o mito ata as cinzas e comezar a reconstruílo de novo. 

Voan as horas mentres acompañas ao modesto Toni na súa exploración da "burbulla de papel" (p.38) onde os libros son cruciais para atopar as solucións, para avanzar nas pescudas.  Pescudas que che estresan a ti case tanto coma a el, porque a riqueza emocional dos personaxes xa te envolveu, porque tamén ti queres ser quen de descubrir a onde levan as pistas nas notas mecanografadas, manuscritas e nos mails. E deveces por chegar antes ca el para abrir o libro, axitalo para ver se hai algo, gañarlle, non tanto para conseguir a chocolatina como para saber que vai pasar despois.

Desexas desentrañar o misterio, pero a poder ser, que sexa devagar, de xeito que se poida prolongar o suspense, porque quizais cando descubramos a verdade, igual non hai tesouro debaixo da illa, igual máis ben quedamos sen nada ao esnacar a base sobre a que se asenta o que sempre tomamos por certo, porque xa nos avisa a nota: "Sempre somos dous. Sempre hai dúas caras. Aínda que só poidamos amosar unha" (p.101)

E hai cartas, mails, notas, libros, e escrita das mans ao corazón. E por iso, o libro só se pode describir cunha palabra coa que o inglés dá na diana: "unputdownable."

"... cando se xubilase había abeirarse preto dos libros, das súas dúas enormes bibliotecas (...) mergullarse naqueles volumes que, grazas a el, alimentaron a miña infancia de fantasía" (p.15)

"Dicíame, "toma, le". Non dicía, "mira a ver se che gusta este" ou, "proba a ver que tal". Dicíame, "toma, le", e eu púñame a ler, e case sempre gustaba o que me daba" (p.25)

"Velaquí está todo o que importa, meu fillo (...) as cousas realmente importantes están todas neses libros que ves aí. As que alimentan o corazón están aí" (p.26)

"... deixaba caer un papel sobre o libro que estivese lendo, ou sobre os deberes, ou sobre as miñas mans ... " (p. 32)

"... tamén había cartas, incluso algunhas dentro dos seus sobres abertos, moitas asinadas por el e outras por outras persoas, algunhas viñan pegadas cunha grampa..." (p.85)

"Coa letra de meu pai, con aquela caligrafía inconfundible (trazo moi fino e moi estirado)..." (p.109)

"As palabras fundan o mundo. Poden destruílo tamén. As palabras e as formas en que son transmitidas. Por iso pode haber - téñoo oído así un cento de veces - murmurios que provocan furados no medio do peito que van entrar, e aniñar un monte de ledicia. E palabras que nos cegan e nos matan. Literalmente" (pp.196-197)

"Quérote. Quéresme?" Moi probablemente sobraba a segunda pregunta, mais precisaba oílo, ou lelo, da súa voz, escrito pola súa man, saíndo do seu corazón" (p.235)

Monday, September 26, 2016

Interview: David González

Preséntovos hoxe a David González, autor do blog "Palabra de Gatsby", que vos convido a visitar, onde publica as súas opinións sobre libros, espectáculos teatrais, e temas de reflexión entre outros. 


http://davidlife9.wixsite.com/palabradegatsby

David preséntase do seguinte xeito:

Nacín na marítima cidade de Vigo en Galicia no ano 1995. Namoreime da lectura dende que as miñas mans deslizaron as primeiras páxinas dun libro. Supoño que por iso estudo o Grao en Lingua e literatura española na Universidade de Santiago de Compostela.
Fotografía de Pablo Vázquez
Ademais, tiven o pracer de coñecelo en persoa o martes pasado nun café conversado despois de coincidir nas redes e nalgún evento literario. Falamos do tema do seu traballo de fin de grao (relacionado co paisaxismo e a ecocrítica); duns cadernos de Manfred Gnädinger; das súas experiencias aprendendo linguas estranxeiras; da fermosa historia dun maletín de libros que ían da A-Z e que súa nai lle tivo que "xestionar" para que non os lese todos dunha sentada; das aulas de filoloxía e as lecturas obrigatorias, e por suposto de recomendacións lectoras. David é moi fan dos autores galegos e recomendoume Un animal chamado néboa (2016) de Ledicia Costas e O corazón da Branca de Neve (2014) de Francisco Castro.

Por se fose pouco, foi tan amable de responder a unhas preguntas sobre os seus hábitos lectores que vos deixo a continuación, coa promesa de volver falar del na bitácora, porque algo andamos a argallar.


Que libro(s) estás lendo agora mesmo?


Agora mesmo estou lendo Da fría e distante Estrela Polar (Tomás González Ahola, Urco Editora), Gramática del silencio (Eusebio Lorenzo Baleirón, Rinoceronte) e Cabalos e Lobos (Fran P. Lorenzo, Xerais).

Cales dirían que foron os libros que máis te marcaron e por que?

Sen dúbida teño que sinalar a saga de Harry Potter, que foi a que acompañou toda a miña infancia e adolescencia. The Great Gatsby de F. Scott Fitzgerald foi esencial na miña bagaxe lectora porque amosoume que non hai que ter medo aos clásicos. Converteuse sen dúbida nunha obra de referencia para min e mesmo rematou por dar nome á miña bitácora.

Tes un xénero favorito?

Estou acostumado a toda clase de lecturas, dende ciencia ficción ata a novela romántica. Penso que unha lectura é para min cando consegue deixar algo en min con cada páxina.

Cal é ese/a personaxe inesquecible?

Por suposto ó marxe de sinalar a Harry Potter e a Gatsby, é complicado esquecerse de personaxes como Hamlet, Alicia (Alicia no país das marabillas) ou Jim Hawkins (A illa do tesouro)

Tes algún ritual lector?

A verdade é que non sigo ningún método orixinal. Non soporto ler con música ou con algún son de fondo. Polo demais, sempre adoito escoller a opción máis confortable para gozar dunha boa lectura, e se hai un café aínda mellor.

Libro de papel ou e-book?

O eterno dilema. Sen dúbida, eu prefiro o libro en papel. Probablemente para unha viaxe longa nun medio de transporte usaría o e-book. Os dous soportes teñen vantaxes e desvantaxes pero o cheiro do libro físico, sexa novo ou vello, nunca o terá o dixital.

Cales son os teus sitios favoritos para ler

Normalmente a miña casa ou o transporte durante as miñas constantes viaxes de fin de semana da casa a Santiago.

Por que les?

A miña nai influíu un pouco nese gusto na lectura pero a verdade é que dende pequeno conquistoume o feito de ler. Calquera libro valía e mesmo enfrenteime a lecturas que non ían coa miña idade. Estudo filoloxía a día de hoxe así que o meu afán por ler aínda non esmoreceu.

Podes relatarme algunha anécdota que che pasase relacionada cos libros/a lectura?

Polas noites, cando os meus pais me ordeaban que fose a durmir, lía cunha lanterna pequeniña ás agachadas. Un día, a miña nai pilloume con ela e quitouma e logo regañoume e foise meter na cama. A miña nai o que non sabía é que eu tiña outra para emerxencias e continuaba lendo cando ela durmía.

Aparte do blog, que escribes?

Todo lector sempre gusta de escribir algo. Por suposto escribo textos, relatos e algunha que outra composición (de todo menos poética). Teño necesidade de transmitir a través de palabras moitas emocións e pensamentos.

Friday, August 19, 2016

The Heart in Books: Amor é unha palabra coma outra calquera





Cando escoitas a palabra amor, que che vén á cabeza? A noción que cada un poidamos ter desta "alteración química" (p. 10) está contaminada polas visións ubicuas dos "expertos" así como polas "cancións de amor", "as películas e as revistas e a cor rosa e toda a merda romántica" (p. 49).  De aí que xa só o título da novela de Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera (2016) chame poderosamente a atención.

A través da historia de Carla, "a protagonista desta novela [que] organiza a vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta" (sinopse), Castro desestabiliza o tópico contemporáneo, arrincándolle cachos desde o interior. 

A narración é absorbente,  similar á voz en off de Jean-Pierre Jeunet en Amélie: enxeñoso e preciso, cun ritmo cinemático que acumula elementos descritivos, ás veces mesmo sen comas nin puntos, creando suspense  sen chegar a ser vertixinoso nin inquedante. 

Carla evoca na nosa mente a Sophie (Vestido de novia (2014) Pierre Lemaitre) ou a Amy (Gone Girl (2012) Gillian Flynn) pero sen entrar no límite cordura-loucura nin pegar os volantazos dos serial killer. E precisamente ese nivel de concreción e realismo é unha das virtudes do libro: rezuma textura e detalle, tanto forénsica como psicolóxica.

En realidade, pensamos, non importa o desenlace en si, porque o que nos hipnotiza é esa fórmula gañadora que consegue asustarnos, enfeitizarnos e intrigarnos ao mesmo tempo que nos invita de forma implícita a autoexaminarnos e mirar con lupa a nosa propia noción escorregadiza, elusiva do amor. Así, recibimos as labazadas dos corolarios (pp. 60, 61, 107) ou de reflexións coma as seguintes:

"Que pasa co meu dereito á felicidade, porque eu teño dereito á felicidade, vexo xente feliz nos anuncios, vexo xente feliz nos programas de televisión, vexo xente feliz pola rúa, a felicidad é un dereito, onde está a miña?, onde vai o meu anaco de paraíso?" (p. 19)

"A súa é, donde logo, unha existencia atlética. Atlética de Atlas, que sostiña o peso todo do universo sobre as súas costas" (p. 20)

"Hai alguén que goberna e alguén que se deixa gobernar e renuncia a ser de todo. En especial a cultura reserva este papel para as mulleres" (p. 25)

"Todo iso pensou Carla, Muller Sen Biografía" (p. 27)

"A Carla, coma a tantas, aprendéronlle a ser dependente" (p. 49)

"... o noso amor é para sempre porque euenti tienmín, que erro máis grande, Carla infectada de amor romántico de telenovela, Carla convencida de que as cancións melódicas, fermosas, en realidade falaban de ti, para ti, para vós, cando entenderás que nunca ou case nunca hai un nós" (p. 102)

"Verás, o amor nada ten que ver coa vida. Nin o sexo co amor. Nin a vida co sexo" (p. 117)

"Cambiei eu soíña. Xa está ben de vivir e de sentir e de sentirse ser por eles, non lle parece?" (p. 187)

E somos conscientes, como se nos recorda nun momento da novela, de que "as palabras cambian a orde da realidade" (p. 89), máxime cando vemos diálogos coma o seguinte ao tempo que relembramos as veces que teremos escoitado (ou mesmo feito nós mesmos) comentarios de corte semellante:

"... como se entende que un home así se namorase dun castrón asilvestrado como era a María Xesús?" (p. 79)

E ao tempo que recibimos esas puñadas de realidade, úntasenos o bálsamo do lirismo, e non nos queda claro se amor é, de verdade, unha palabra coma outra calquera.

"Así avanza o cronograma en sepia da soidade. 
Así avanza a descomposición e o masacre que sufre o seu corazón ferido de morte" (p. 50)

"Quen nos aprende a camiñar entre a loucura que día a día é manexar os ritmos do corazón, da existencia, do trato coa xente, sobre todo coa que amamos, ou simplemente con aquela á que só queremos penetrar ou que nos penetre nun intercambio feliz de vida?" (p. 71)

"E chorou, rebentou, abriu a billa do seu corazón co corto medio flexionado..." (p. 86)

"Sentiu que o corazón interpretaba unha sinfonía ruidosa, tanto, que sería quen de espertar os mortos todos" (p. 91)

"Somos o Animal Fantástico. Que na súa mellor versión dá lugar á literatura mais, no día a día, só aos tremendos equívocos do amor que frustran e mancan os corazóns máis inocentes, que son, xa que estamos con esto, os da meirande parte das persoas que cren que as aman polo que son e non pola fantasía que en realidade aos ollos e ao cerebro do outro ou da outra son" (p. 120)

"Book of love" de David Kracov