Showing posts with label literary walk. Show all posts
Showing posts with label literary walk. Show all posts

Wednesday, August 28, 2019

Literary Walks (VIII): Paris

Dicía Walter Benjamin que París é a gran sala de lectura dunha biblioteca que atravesa o Sena. O certo é que alén de presumir de ser a cidade coa maior densidade de librarías por habitante do mundo,   a Ville Lumière exhibe con orgullo as pegadas de Balzac, Proust, Baudelaire ou Hugo.

Aquí vos deixo unha proposta de itinerario literario por cafés, librerías, bibliotecas, cemiterios e rúas para colleitar versos e palabras da man ao corazón.

Á parte de ser un edificio precioso, contén unha das coleccións máis completas do século XIX e primeiros do XX. Agora mesmo (ata o 22 de setembro) teñen unha exposición sobre Berthe Morisot que merece moito a pena -un dos destaques son os seus cadernos de esbozos e apuntamentos.





2. LE BATEAU IVRE
Na 4 Rue Férou atopamos a poesía de Arthur Rimbaud en liberdade, escrita nos muros. Rimbaud compuxo este poema cando só tiña 17 anos e envioullo nunha carta a Paul Verlaine. Jan Willem, calígrafo e artista, inmortalizouno nun gran formato no muro que permite lelo de vagar e gozar da alegría e a decadencia mesturadas nun mesmo texto. Por que esta localización? Porque Rimbaud o recitou por vez primeira nun restaurante (desaparecido) preto desta rúa o 30 de setembro de 1871.

 

2. CIMITIÈRE MONTPARNASSE
Aínda sen gustarvos os cemiterios tanto como a min, pode que vos interese descubrir os epitafios que elixiron os persoeiros enterrados alí: Charles Baudelaire, Samuel Beckett, Tristan Tzara, Georges Schehadé, Marguerite Duras ou Julio Cortázar entre outros.

O cemiterio Montparnasse é un lugar fermoso, un dos pulmóns da cidade con árbores frondosas flanqueando as avenidas. Sempre podedes atopar algunha sorpresa inesperada, como este libro bookcrossing que encontrei na tumba de Antoine Haumont, xeógrafo francés.


3. L'ENTREPÔT
Preto do cemiterio de Montparnasse, na rúa Francis-de-Pressensé, 14e encóntrase L'Entrepôt, un espazo cultural fundado en 1975 por Frédéric Miterrand onde podedes gozar de actividades varias: xantar na terraza, ver filmes en versión orixinal, ir a concertos de jazz, asistir a un serán poético ou a un café filosófico.



4. LIBRERÍAS, LIBRERÍAS E LIBRERÍAS
Les Oiseaux Rares, a Librairie Anglophone, a Librairie Nicole Maruani, os bouquinistes, a Albin Michel e a librería da Bibliothèque François Mitterrand foron algunhas das paradas desta viaxe.






 5. LE CAFÉ DE LA MAIRIE
Situado na praza Saint-Sulpice, ofrece unhas vistas privilexiadas da igrexa e da fonte. Se tedes a sorte de estar na cidade un martes, poderedes asistir aos "Mardis littéraires de Jean-Lou Guérin", onde un ou dous autores/as presentan o seu libro.  É interesante porque este evento está organizado por un lector e que permite á súa vez que os/as autores/as invitados/as elixan á persoa que animará o encontro. 


 5. XARDÍN JAMES JOYCE
Moi preto da BNF, atopamos o pequeno xardín James Joyce, que agora comparte espazo co xardín da memoria, un recordo dos nenos/as da bisbarra aos 14 nenos/as e 3 adultos que morreron nun incendio do Bvd. Vicent Auriol.




6. HOTEL DU QUAI VOLTAIRE
As placas da fachada recórdannos que Voltaire finou neste lugar e que Baudelaire, Sibelius, Wagner e Wilde se aloxaron nas súas estancias ao seu paso por París.



Desde logo cómpre unha visita á Maison de la Poésie e ás bibliotecas Mazarin e François Mitterand, pero a estes espazos dedicareilles a súa propia entrada.

Alén disto, se camiñamos atentos á poesía, ésta encontraranos en cada recuncho da cidade.








Para saber máis:


Thursday, August 22, 2019

Literary Walks (VII): Monumenta

Malia que a andaina que vos presento non é literaria, foi tan bonita que non podo menos que incluíla neste apartado, pois gustaríame por un lado, contribuír a visibilizar esta acertada iniciativa  que coñecín grazas a Patri Fernández e por outro, gardar nesta bitácora un paseo instrutivo e emocionante pola vila de Redes.

O roteiro, titulado O legado cultural, social, educativo e botánico dos emigrantes indianos, é parte do ciclo Monumenta "Andar con arte". No limiar da súa web indican que é "un programa de actividades culturais, organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo, que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio".

E así resultou ser. Tivemos dous cicerones extraordinarios: Ernesto López Naveiras, presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco; e Juan López Bedoya, xeógrafo físico e divulgador científico.

Coa arquitectura como eixo central fomos visitando as casas da emigración (Concha Amado, Paco Bello), a igrexa e o cemiterio de Caamouco, unha quinta indiana ou a escola da Agrupación Instructiva.

Repasando os motivos da emigración viaxamos a principios do século XX en barcos ateigados ata Uruguai, Arxentina ou a Costa dos Mosquitos en México. Recordamos as condicións e o trato infrahumanos do campo de Triscornia e o contraste coas vidas daqueles que facían unha emigración "protexida".

Xirasois e palmeiras decorativas leváronnos á descuberta dos dous Domingos, Domingo Viana e Domingo Pires e tamén dos misterios da inscrición "Yo.Voy", dos candís accesos pendurados na fachada das casas.

Entre galerías, verandas e xardíns suntuosos, escoitamos a historia dos barcos viveiros, de escandallos, arcos carpaneis, cabrias ou lápidas de serpentinita. Aprender da nosa historia tamén é aprender a lingua que a nomea.

Moitísimas grazas aos dous guías así como aos organizadores de Monumenta. Parabéns!




































Saturday, September 8, 2018

Literary Walks (VI): O xardineiro dos ingleses

Hai unha semana faciamos unha visita literaria por Vilagarcía de Arousa da man do escritor Marcos Calveiro para visitar os escenarios da súa exitosa novela O xardineiro dos ingleses (2017).

Comezamos o roteiro visitando o cemiterio británico construído en 1910 para dar sepultura a maríns   británicos. Un espazo modesto e íntimo, case nu a excepción dunha ringleira de lápidas e unha tumba nun dos xardíns laterais. Hai unha ducia de maríns enterrados aquí, 10 deles que morreron afogados. Recibiron tamén sepultura neste camposanto Alexander Lindsay (cónsul británico en Vigo) e a súa muller; e Charles Lessner, enxeñeiro de minas e un dos primeiros coidadores do cemiterio, casado con Josefina Porto.

Calveiro contábanos que o xermolo da novela foi a lectura dunha noticia que mencionaba a Ramón Rebolo, un veciño de Rubiáns que coidou desinteresadamente este espazo durante 50 anos; así como unha das tumbas coa lápida en branco.









O resto do roteiro contextualizounos no equivalente galego dun periodo no que o mundo andaba a voltas coa Revolución Rusa, o Easter Rising, os primeiros voos transoceánicos ou os avances na ciencia atómica. Vilagarcía era entón unha vila de entre 5.000 e 8.000 habitantes que recibía uns 15.000 estranxeiros, maiormente británicos, que paraban na ría de Arousa para as "invernadas". 

A fasquía da vila, tal como nola evocou Calveiro, era cosmopolita, moderna, chispeante. Había un constante fluxo de mercadorías, unha praia urbana (desparecida), festas en mansións, balnearios e cafés musicais, mulleres que xogaban a hóckey herba, domingueiros que viñan en tren ver os barcos atracados no porto, e xente de sona que viviu entre as súas xentes, como Sorolla, Lorca coa súa La Barraca ou Alfonso XIII e a súa familia. 

Agora, coas referencias do contexto físico, resta o máis importante: mergullarse na ficción para descubrir a historia de Delia e do xardineiro dos ingleses.

Moitísimas grazas a Marcos Calveiro así como ao Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e á AELG por organizar estes roteiros literarios.

Escultura de Ramón Conde, Man con man homenaxe ás homes e mulleres do mar. A plaquiña le: "Todos vamos pasando y el tiempo con nosotros: / Pasa el mar, se despide la rosa, / Pasa la nena por la sombra y por la luz, / y ustedes y nosotros pasamos, pasajeros" El barco, Pablo Neruda, 1959
Marcos Calveiro mostrándonos os restos do antigo Teatro de varietés
Localización da antiga Banca Deza 
Salón García
Emprazamento onde estaba o balneario
Peixería preto de onde atracarían dornas e bucetas cando o mar chegaba ata aquí 
Pazo Vista Alegre
Unha das mansións d'A Comboa: Mansión de Medina de las Torres (coñecida popularmente como Mansión dos duques de Terranova)
Outra das mansións, a casa da familia González Garra (coñecida como a Casa do Lago)

Para saber máis:
  • Ficha d'O xardineiro dos ingleses (Editorial Galaxia)
  • Alfaias, o blog de Marcos Calveiro
  • Artigo en Faro de Vigo sobre o roteiro (02/09/2018)
  • Artigo en Diario de Arousa sobre o roteiro (30/08/2018)
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre a posible cesión do British Naval Cemetery ao Concello de Vilagarcía (31/12/2017)
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre a presentación da novela no Salón García (20/12/2017)
  • Vídeo (extracto de Desde Galicia para el mundo) sobre o cemiterio naval de Vilagarcía (19/11/2015)
  • A Vilagarcía antiga, web de recuperación e difusión histórica de Vilagarcía de Arousa