Showing posts with label photography. Show all posts
Showing posts with label photography. Show all posts

Monday, January 7, 2019

Hands in Photographs: Graciela Iturbide

Ata o 27 de xaneiro podedes visitar na Fundación Barrié (A Coruña) a exposición sobre a artista mexicana Graciela Iturbide, considerada unha das fotógrafas máis destacadas e influentes de América Latina.


A mostra consta de 186 fotografías que propoñen unha viaxe transversal pola súa obra, partindo das súas imaxes máis antigas ata as máis recentes. Un conxunto de instantáneas intensas que se moven entre o grotesco e o curioso, o teatral e o cotiá. Un despliegue poético de mulleres anxo, mulleres iguana, mulleres peixe, xitanas e indíxenas que se moven entre o mito, a traxedia, o erotismo e a morte.

A ambos lados da estrada, sombras, paxaros ominosos, desertos e sacrificios violentos.  Unha viaxe onírica por Oaxaca, Los Angeles, Almería, Juchitán e Sonora para revelar a fraxilidade da existencia, a fractura, o estigma da identidade e o carácter etéreo da comunidade. 

No campo mexicano atopei unhas persoas que levaban un anxiño ao cemiterio. Pedín permiso para fotografar, eles consentiron e mesmo posou toda a familia, abriron o ataúde e tamén fotografei o anxiño. E permitíronme seguilos ata o cemiterio de Dolores, en Hidalgo. Durante o traxecto, o señor vira cara a min cos ollos conturbados, aterrados, porque no camiño había un corpo, metade caveira, metade home. Os paxaros xa comezaran a comelo. [...] Para min foi como se a morte me estivese a dicir "Queres fotografarme, aquí me tes" [...] Aí principia a miña serie de paxaros. No cemiterio comezaron a sobrevoar todos os voitres, e moitas das miñas fotos de paxaros veñen de aí, porque o ceo estaba cheo de paxaros [...] Na vida todo está enleado: a túa dor e a túa imaxinación que quizais te sirva para esquencer a realidade. É unha maneira de amosar como liga o que vives co que soñas co que fas e fica no papel [...] As obsesións provocan aparicións. Ou dito doutro xeito, fomentan un estado mental que che fai ver o que estás a buscar
Graciela Iturbide
A vida non pode ser captada nin polo realismo ni polo naturalismo, senón soamente polo soño, o símbolo ou a imaxinación
Brassai 

















Tuesday, August 14, 2018

Hands in Photography: José Vidal


O poder da fotografía e a súa intelixibilidade crean unha democracia do entendemento dificilmente superable por calquera outro medio. Parece que o pasado está dialogando directamente con nós nun exercicio de familiaridade e cercanía que elimina as fronteiras do espazo-tempo.

Cando falamos ademais de fotografías históricas de ámbito local, engádese a dimensión da nostalxia, pois son fiestras a eventos e escenas que desapareceron das nosas vidas e que iluminan aspectos da  historia do noso pobo e da nosa herdanza cultural. 

Por iso é unha alegría ter acceso a volumes coma este José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía, de Xan X. Fernández Carrera que se presentou o pasado venres 10 no Museo do Mar de Laxe.

Na presentación destacouse a importancia do fondo Vidal non só para a vila senón tamén para as comarcas de Bergantiños e Soneira, polo retrato que fai da evolución da paisaxe, da terra e da xente, ademais de ser unha proxección da figura de José Vidal cara o futuro.

Fernández Carrera salientou "o estudo, traballo e habilidade que hai detrás de cada instantánea, así como as destrezas sociais e a capacidade de convocatoria" que asumimos que tiña José Vidal para facer que tanta xente posase para os seus retratos.

Comezou por revisar o contexto histórico de Plácido e José Vidal: unha sociedade rural, agraria e mariñeira, pouco industrializada (salvo algúns serradoiros, minaría do caolín e empresas de salgadura), de poboación dispersa, illada e con poucos recursos. 

De seguido pasou á biografía de Plácido Vidal Díaz (1867-1956),  personaxe destacado da burguesía vilega en Laxe e aos seus inicios como fotógrafo coa cámara fotográfica regalada por José Villar (da Droguería Villar en Coruña). No 1900 nace José María Vidal García, o fillo, e o fotógrafo ao que pertencen a maioría dos documentos visuais que se conservan. Carteiro en Corme, auxiliar de secretaría en Laxe, correspondente do xornal El Ideal Gallego, viuse afectado a nivel persoal e familiar polos vaivéns políticos da época, pero malia todo mantivo a súa actividade como fotógrafo ata 1980, mesmo unha vez xubilado.

67.000 elementos fotográficos entre negativos e positivos de cristal e plástico son os que se conservan hoxe no arquivo Vidal, que Fernández Carrera agrupou, grosso modo, por temáticas: vilas (desde Camariñas a  Caión); sociedade (feiras,  festas e romarías, familias, fotos da escola, traballos e oficios (da mina de caolín, zapateiros, taberneiros) e mar

Alejandro Ávilabisneto de José Vidal, recordou dous momentos importantes: setembro de 1992 cando foi consciente do valor do laboratorio; e 2008 cando fixeron a cesión do fondo fotográfico ao Concello de Laxe. Aludiu tamén, alén da calidade fotográfica do fondo, á visión social e ao valor da memoria emocional que identifica toda a zona.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, pola súa banda, puxo en valor o traballo rigoroso de estudo de Fernández Carrera e a relevancia do fondo fotográfico Vidal como sinal de identidade e de pertenza a unha colectividade recordando as palabras do fermosísimo discurso "Eu tamén navegar" pronunciado por Xohana Torres:
"Hoxe, xa de volta das grandes mareas, declaramos que a vida non é sempre unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas, pero ben ve o que mira dúas veces a mesma paisaxe.  (...) Non somos máis que o que recordamos, ese ceo protector que de maneira alterna nos cobre ou se desvela e que se nega a desaparecer".

José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía, é un libro para gozar e revisitar, un imprescindible a carón de Caamaño, Manuel Ferrol, José Suárez, Ruth Matilda Anderson, Català-Roca, Baldomero Pestana ou Xurxo Lobato

Sunday, August 12, 2018

Letters in Exhibitions: Museo do Mar (Laxe)

Hai polo menos tres motivos para visitar Laxe: o faro con fermosas vistas a ambos lados, a praia de area agarimosa, e os paseos posibles a diversos puntos (a praia dos Cristais, Soesto ou a capela de Santa Rosa). Un cuarto motivo non menos relevante, é o Museo do Mar. Situado no antigo cuartel da Garda Civil, no casco histórico detrás da Casa do Arco, é un inmoble de pedra con elementos aínda visibles das casas tradicionais galegas coma a lareira ou o lavadoiro de pedra. Como engado adicional, un pequeno mirador que nos permite enxergar a praia cara un lado e o monte Cornaceiras cara o outro.








O museo nace con catro obxectivos: ensinar, difundir, investigar e salvagardar, e pon o foco no nexo de unión entre porto, xente e comarcas (Bergantiños e Soneira) que fai que os/as visitantes poidamos encaixar a vila na historia e na contorna, nun marco temporal que abarca desde finais do século XIX ata os anos 70 do século pasado. O mar é tamén elo de unión dos tres eixos temáticos que artellan a colección exposta en cada andar: "O mar nos ollos da xente" (sección 0); "Do mar á terra" (1º andar) e "Da terra ao mar" (2º andar).

Ocupan os espazos obxectos de personaxes ilustres, mapas antigos, historias de barcos naufragados coma o Adelaide, coleccións de obxectos relacionados coas diferentes artes de pesca e, ata o 31 de agosto, unha exposición fotográfica de Carlos Eiroa





Porén, o que cativa a nosa mirada é sen dúbida a escolma de fotografías do arquivo fotográfico de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José María Vidal (1900-1988), que forman parte da colección permanente do centro e que constitúe, cos seus 67.000 elementos, "o maior arquivo fotográfico da Costa da Morte".

O rótulo do museo é visible na ruela a man esquerda cando un vén desde a praza Ramón Juega e se dirixe cara ao arco. Oxalá seduza aos visitantes para que descubran a ollada dos Vidal, que tan ben souberon capturar a esencia dunha época.













Para saber máis:
  • Museo do Mar de Laxe
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre a exposición fotográfica de Carlos Eiroa (17/07/2017)
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre o Museo do Mar (03/11/2017)
  • Artigo en El Ideal Gallego sobre actividades de dinamización do Museo do Mar (18/05/2017)
  • Información para visitas escolares 

Wednesday, June 27, 2018

The Heart in Poems: Miro Villar (V)

Fotografía de Manuel Álvarez


Dous corazóns aniñan no peito mariñeiro,
un deles sempre é doce, malia ser aguamar
salgada, con raíces no infinito do corpo,
e o segundo de pedra, que leva arterias cordas
e que ancora cada home no seu lugar do mundo.

En Gameleiros (2002)

Moitísimas grazas, Miro Villar, por esta xoia, bálsamo para os ollos e o corazón.

Monday, May 21, 2018

Hands in Photography: "Terras de salitre"

Co suxestivo título Terras de salitre preséntase en Afundación  unha colección de imaxes de Cristina Mittermeier, a retratista dos océanos.





Fotografías do Canadá, Hawai, India, Madagascar, Groenlandia, o Ártico, Brasil e Galicia, todas co nexo común do mar como bandeira e a ribeira como celebración. Instantáneas atemporais que capturan a riqueza dos nosos mares e o xeito en que nos imanta nun vínculo desde o berce ata a sepultura.

O mar de Abrollos, o de Salish, o de Moaña ou o de Mahaka é o mesmo, un punto circular de inicio e fin. Un tesouro para preservar e conservar, porque Mittermeier proxecta os seus ollos de bióloga preocupada polo desenvolvemento sostible ante as ameazas que penden sobre os nosos mares: a sobrepesca, o turismo desmedido, a contaminación ou o cambio climático.








Wednesday, May 16, 2018

Hands in Photography: "Català-Roca en Galicia (1956-1976)"





Ata o 7 de outubro podedes visitar a mostra de fotografía que se expón no Auditorio de Galicia Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia (1956-1976). A exposición, comisariada por Anxo Rabuñal e Agar Ledo, recolle unha escolma de 116 instantáneas de Frances Català-Roca (1922-1998) tomadas nas sete campañas que realizou entre 1956 e 1976, así como guías turísticas e postais.

Dalgún xeito, é un diario da viaxe do fotógrafo, que percorreu na súa vespa 28 vilas galegas: Ribeira, Cambados, Betanzos e Cangas entre outras. Un diario no que, como indica Bieito Iglesias, "retratou a beleza física e moral da Galiza". E un home, Català-Roca, que soubo mirar e capturar imaxes "que dean as explicacións", unificando "forma e contido, experimentación e testemuña", en palabras de Joan Fontcuberta.




A exposición é un itinerario sentimental pola Galicia que comezaba a ser cosmopolita e tamén pola ollada do fotógrafo do "disparo imperfecto" (Pedro del Corral). Para non perder.