Showing posts with label Jules Verne. Show all posts
Showing posts with label Jules Verne. Show all posts

Wednesday, August 9, 2017

Letters in Books: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Jules Verne énos coñecido por ser o creador de Phileas Fogg e o Capitán Nemo, por evocar covas subterráneas e deseñar obxectos marabillosos a gran escala como globos, submarinos, helicópteros, o canón Anti-Topsy-Turvy que, ao ser disparado, estabilizaba as estacións; ou o steam elephant, un aparello mecánico de tamaño paquidérmico onde o enxeñeiro Banks viaxaba polo norte da India. Alén destes inventos, a súa escrita combina de xeito único a precisión pseudo-técnica cun golpe metafórico case surrealista e ten a capacidade de enganchar á ciencia ficción mesmo aos lectores alleos a este xénero.

A súa biografía é tamén intrigante. Naceu no porto francés de Nantes en 1828, no seo dunha familia acomodada. En 1839, tentou fuxir da casa nun navío que se dirixía á India. Seu pai interceptouno en Paimboeuf, e supostamente fíxolle prometer a Jules: "Je ne voyagerai plus qu'en reve" ('Non viaxarei máis que nos meus soños').



Porén, hai un mundo menos coñecido do escritor francés, un dos seus “Voyages Extraordinaires,” que rivaliza en interese coas viaxes das súas novelas. Trátase da novela de Ledicia Costas Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016). Unha historia que comeza "o 21 de maio de 1884, cando o Saint-Michel (o iate de Jules Verne) arribou (...) en Vigo, (...) debido a unha suposta avaría na caldeira" (p.18).  Unha historia narrada por alguén que gardou "máis de cento trinta anos de silencio, nos que non houbo ningunha persoa que se atrevese a desvelar o inquietante e marabilloso segredo que oculta a cidade de Vigo e que atraiu ao excéntrico novelista (...)" (p.20).

Jules Verne, un segredo centenario e Vigo, a cidade de Vigo, como telón de fondo desta historia, que sobresae cun carácter propio, onde camiñaremos da man de personaxes tamén con segredos, coma o avó Philipot (p.33) ou Antonio Sanjurjo Badía e a súa fábrica La Industriosa (p.53):

"Vigo é unha cidade con arterias, pulmón e toda unha estrutura ósea que a sostén. O seu corazón é azul e os devanceiros puxéronlle o nome de Atlántico. El é quen expande o recendo salgado por toda a costa, coma se albergase no interior das súas aguas un artefacto anexado por misteriosos e incansables animais mariños que nunca deixan de bombear coas súas patiñas, mentres exhalan burbullas de aire" (p.11)

"Vigo é unha criatura poliédrica e marabillosa, unha criatura que medrou ata alcanzar a idade adulta" (p.12)

Nesta cidade daranse cita unha estirpe de mulleres que len, curiosas e aventureiras, despuntando  entre elas Violeta e o seu amor polos libros:

"... libros. Teño un cofre cheo deles. Como non sabe ler, ás veces, en lugar de novelas merca libros de mecánica ou ciencia. Outras, agasállame libros en linguas que non entendo. Teño de todo!" (p.32)

E de libros vai tamén esta historia, pois será crucial o Libro das mulleres planta (p.85) para atopar a Fraga das mulleres planta, a "onde as mulleres da súa estirpe debían ser trasladadas cando chegase o momento" (p.86). E se falamos de mulleres planta, non podemos esquecer as nepheas, pois "(...) a vida das mulleres planta dependía totalmente da vida da criatura (...) eran as súas almas" (p.45).

Non é fácil ser muller planta, como demostra o caso de Melisa (p.41):

"É moi duro pasar unha vida enteira pensando que es única no mundo, que non hai outras coma ti que poidan comprender o que supón ter corpo de muller e alma de planta" (p.143)

ou o xeito de vivir a metamorfose das mulleres africanas (pp.144-145). Porén, acudimos ao descubrimento de toda unha estirpe de mulleres planta viguesas (Azucena, Violeta, Melisa) e alén disto,  o feito de que a estirpe é mundial (p.133).

Dá que pensar o libro, e pasado o éxtase da fantasía, quedamos pensando nesa soidade das mulleres planta, que teñen un don e semella unha maldición; na simboloxía das raíces; de deixarnos dominar pola nosa parte "vexetal" e rematar os nosos días nunha fraga rodeadas dunha familia de mulleres con corazóns no ventre, onde moran as nepheas:

"Os espazos e lugares teñen a alma das persoas que os habitan (...) Entón, decatouse de que o seu corazón xa non estaba no peito. Agora latexaba no seu ventre, naquel acubillo onde moraba a súa criatura" (p.179)

É literatura xuvenil, si, mais escapa da súa talla, pois as capas de lectura agroman sen parar coma as follas na cabeza de Melisa: O que implica ser diferente, a importancia da comunidade, os lazos familiares, a morte, e mesmo o sentido da vida.

Dicía Ray Bradbury: "Todos somos, dun xeito ou outro, fillos de Jules Verne". Ledicia Costas éo sen dúbida, e os capítulos do libro semellan, coma os de Verne, a bitácora dunha excursión prolongada ("Onde Jules e Pierre visitan o taller do empresario Sanjurjo Badía" (p.49)). Verne empregou máis de 4.000 ilustracións nos seus "voyages extraordinaires", e tamén Costas inclúe contadas pero fermosas  ilustracións con función semiótica e didáctica (do Merveiulleux Nautilus (p.70), da Nepheas Viola Odorata (p.95) ou o mapa da fraga (pp.8, 9)). Finalmente, se Verne facía unha conxugación de ciencia ficción cunha dose de ciencia mesturada cunha prosa poética e cativadora, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta ten tamén esa atractiva mistura.

Déixovos cunha manchea de citas do libro e agradezo a Raquel Pastoriza un agasallo fermoso, dos que chegan ao corazón.

"Ela escribiulle ducias de cartas que xamais chegaron ao seu destino, que arderon unha a unha entre a leña da cociña de ferro da súa casa sen que ela sequera o sospeitase" (p.130) 

"Jules Verne déralle a oportunidade de empezar de novo. E non só iso: tamén mudara a cor do seu corazón. Agora xa non era negro. Agora era azul, coma os océanos do mundo" (p.153)

"(...) Jules Verne acababa de confesar de xeito velado que aquelas estrañas e marabillosas aventuras que escribía non eran tan fantásticas como parecían. Que o realmente fantástico e inverosímil era a vida en si, a marabillosa aventura de vivir" (p.136)

"Porque hai viaxes das que nunca se volve por completo, travesías nas que deixas unha parte tan importante de ti que pasas o resto da túa vida recordando iso que che falta" (p.232)

Tuesday, December 6, 2016

Culturgal: A Festival of Words

“She had always wanted words, she loved them; grew up on them. Words gave her clarity, brought reason, shape.” 



O pasado domingo visitamos Culturgal 2016, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Era a novena edición desta feira, porén do noso grupo de cinco, só unha tiña asistido previamente, e de feito foi ela quen nos motivou a ir,  así que para os que nos estreabamos foi unha experiencia novidosa e memorable. Grazas, Patri! Seguimos aprendendo de ti!





Na súa páxina web, defínese o Culturgal como unha representación do traballo no sector cultural, un punto de confluencia entre as ideas, iniciativas e proxectos que cada día levan a cabo profesionais e entidades, unha cita do sector cultural galego cuxo lema deste ano xirou “ao redor da construción comunitaria da cultura do futuro”.

A feira aglutinou eventos literarios, musicais, cinematográficos e lúdicos que compuxeron unha completísima programación para diversos públicos onde o difícil era elixir; mais iso posibilita que cada un teña a súa propia experiencia do evento, dependendo das actividades ás que asista. Aquí vos deixamos a nosa.

Comezamos por Rosalía Total, un proxecto artellado por Irene Silva e Rita Bugallo que contou coa participación do club de lectura leCRAS, a Fundación Rosalía de Castro, as Cantareiras de Chan, Galiestampa e Wiki Rosalías. Foi emocionante escoitar as palabras de Rosalía nas "linguas acarameladas" (palabras de Anxo Angueira) destas mozas e mozos.








Rosalía a ritmo de rap coas Wiki Rosalías (Noa, Sara e Emma)

Despois, xa de tarde puidemos estar na celebración do 15º aniversario da AGPTI, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, onde, nun formato interactivo e dinámico, se falou da intención orixinal da asociación, as condicións de traballo, o recoñecemento social, e dos obxectivos que teñen para presente e futuro.



De seguido escoitamos a conversa da xornalista Selina Otero coa escritora Ledicia Costas ao redor do libro Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta(2016). Ledicia falou da dificultade de escribir un libro, das tramas que “mastiga na cabeza” e de que escribe de xeito case obsesivo, durante oito ou nove horas ao día; do xeito que fai a documentación e investigación; das flores, das abellas, o océano na súa obra... e tamén houbo tempo para as risas coas anécdotas familiares relacionadas cos gatos e os coches.



De todos os xeitos, o bonito do Culturgal, é a experiencia integral, o conxunto, e o feito de que tamén a cultura se visibilice, non si?



Sanín - Percusión Tradicional
Pase lo que pase


Martin Maez 

O fogar do Santiso

Títeres Alakrán

Museo Galego do Entroido (Xinzo de Limia)

Cestola na Cachola







Alén dos fetichismos, o bonito son os encontros, os reencontros, as conversas, o agarimo, o tempo regalado, a interxeracionalidade e a aprendizaxe. E cando remata a feira, levas para casa os petos cheos de palabras da man ao corazón das que botar man cando comece o inverno... se é que se decide a vir!





Delicadísimos os trazos e as verbas de Dores Tembrás


Un pracer conversar con Antonio M. Fraga e Antía




Fotografía tirada do Facebook da Deputación de Pontevedra
Vémonos o ano que vén!


Thursday, November 3, 2016

Letters in Books: Tes ata as 10

A morte do pai. O drama, a taquicardia, o cansazo, a ansiedade. Un mail que entra na caixa de correo enviado polo pai. Oh - oh.

Así é como Francisco Castro dá comezo á súa novela Tes ata as 10 (2014). E se non sabías que Castro é un enxeñoso contador de historias, quedarache ben claro antes de rematar o libro, algo que ocorrerá moito antes das 10 que o título che marca como límite.



A historia segue unha liña similar á dunha famosa novela (mesmo levada ao cine) de Robert James Waller ou da obra de teatro do libanés Wajdi Mouawad, Incendiesde cuxa adaptación á gran pantalla tamén falamos xa nunha entrada previa. A novela non deixaría de ser unha variación da clásica investigación dunha historia familiar que non é a que parece, se non fose polos elementos que engaden unha brisa fresca ao texto: as referencias a  outros autores (Verne, Dahl, Stevenson) e outros textos (A illa do tesouro, Charlie e a fábrica de chocolate, Dr Jekyll e Mr Hyde, Vinte mil leguas baixo dos mares) e por suposto as fermosas Cartas náufragas, un remosque inesperado na lectura. 

Alén disto, é unha novela sensorial, de deleitarse nos sabores dunha chocolatina ou de empanadillas na cama; de recender a fragancia da tinta; de escoitar o bater das teclas da Underwood, os pasos dunha muller nun piso ou as melodías dos Beatles; de evocar a frialdade dunha chave, a suavidade das páxinas dun xornal ou o papel brillante das fotografías; e sobre todo de mirar alén, de ver o que non se ve, de deconstruír o mito ata as cinzas e comezar a reconstruílo de novo. 

Voan as horas mentres acompañas ao modesto Toni na súa exploración da "burbulla de papel" (p.38) onde os libros son cruciais para atopar as solucións, para avanzar nas pescudas.  Pescudas que che estresan a ti case tanto coma a el, porque a riqueza emocional dos personaxes xa te envolveu, porque tamén ti queres ser quen de descubrir a onde levan as pistas nas notas mecanografadas, manuscritas e nos mails. E deveces por chegar antes ca el para abrir o libro, axitalo para ver se hai algo, gañarlle, non tanto para conseguir a chocolatina como para saber que vai pasar despois.

Desexas desentrañar o misterio, pero a poder ser, que sexa devagar, de xeito que se poida prolongar o suspense, porque quizais cando descubramos a verdade, igual non hai tesouro debaixo da illa, igual máis ben quedamos sen nada ao esnacar a base sobre a que se asenta o que sempre tomamos por certo, porque xa nos avisa a nota: "Sempre somos dous. Sempre hai dúas caras. Aínda que só poidamos amosar unha" (p.101)

E hai cartas, mails, notas, libros, e escrita das mans ao corazón. E por iso, o libro só se pode describir cunha palabra coa que o inglés dá na diana: "unputdownable."

"... cando se xubilase había abeirarse preto dos libros, das súas dúas enormes bibliotecas (...) mergullarse naqueles volumes que, grazas a el, alimentaron a miña infancia de fantasía" (p.15)

"Dicíame, "toma, le". Non dicía, "mira a ver se che gusta este" ou, "proba a ver que tal". Dicíame, "toma, le", e eu púñame a ler, e case sempre gustaba o que me daba" (p.25)

"Velaquí está todo o que importa, meu fillo (...) as cousas realmente importantes están todas neses libros que ves aí. As que alimentan o corazón están aí" (p.26)

"... deixaba caer un papel sobre o libro que estivese lendo, ou sobre os deberes, ou sobre as miñas mans ... " (p. 32)

"... tamén había cartas, incluso algunhas dentro dos seus sobres abertos, moitas asinadas por el e outras por outras persoas, algunhas viñan pegadas cunha grampa..." (p.85)

"Coa letra de meu pai, con aquela caligrafía inconfundible (trazo moi fino e moi estirado)..." (p.109)

"As palabras fundan o mundo. Poden destruílo tamén. As palabras e as formas en que son transmitidas. Por iso pode haber - téñoo oído así un cento de veces - murmurios que provocan furados no medio do peito que van entrar, e aniñar un monte de ledicia. E palabras que nos cegan e nos matan. Literalmente" (pp.196-197)

"Quérote. Quéresme?" Moi probablemente sobraba a segunda pregunta, mais precisaba oílo, ou lelo, da súa voz, escrito pola súa man, saíndo do seu corazón" (p.235)